A loita polo autogoberno de Galicia durante a Transición estivo marcado por dúas dinámicas: por un lado, unha intermitente mobilización popular que deixou algunhas xornadas históricas, pola outra a ameaza do recorte do autogoberno que xerou un sentimento de agravio, de aldraxe
"A autonomía de Galicia está en perigo". Así comezaba o editorial que baixo o título de 'Galicia, humillada' publicou El Ideal Gallego o 17 de novembro de 1979 en protesta polos recortes que na Comisión Constitucional do Congreso se estaban a aplicar ao Estatuto de Autonomía redactado en Galicia. O editorial respondía ademais a outro editorial, publicado o día anterior por El País, que xustificaba os recortes e que insinuaba que a vontade de autogoberno de Galicia perseguía manter as estruturas caciquís. El Ideal respondía a esta insinuación sinalando que "cando os insultos desa categoría se aplican a un país secularmente marxinado e oprimido por un poder central (que se servía precisamente dos caciques como intermediarios) e cando poden chegar a salpicar o recordo de homes como Bóveda, fusilados por defender a autonomía de Galicia, o insulto convértese en provocación".
A loita polo autogoberno de Galicia durante os anos da Transición Política estivo marcado por dúas dinámicas: por un lado, unha intermitente mobilización popular que deixou algunhas xornadas históricas, coma o 4 de decembro de 1977, na que máis de 400 mil persoas se manifestaron en demanda da aprobación dun Estatuto de Autonomía, ou a do 4 de decembro de 1979, cando unhas cen mil persoas convocadas exclusivamente polas forzas de esquerda saíron á rúa para esixir unha autonomía de primeiro nivel, ante os intentos de recorte da UCD.
A autonomía era vista como unha ferramenta para superar o atraso económico e a discriminación e, ademais, instalouse a conciencia de que Galicia non podía ser menos que as outras dúas nacionalidades
A segunda dinámica foi precisamente a do recorte ou a ameaza do recorte do autogoberno. Nun primeiro momento moitos concibían que unicamente Catalunya e Euskadi accedesen á autonomía, pero finalmente a Constitución recoñeceu a Galicia como terceira nacionalidade histórica, ao mesmo nivel que as outras dúas. Posteriormente, unha vez que os problemas catalán e vasco foron solucionados coa aprobación dos seus respectivos Estatutos, o Goberno da UCD, co apoio editorial da prensa da capital do Estado e dalgúns sectores do PSOE, decidiu que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico. E a Galicia tocáballe o papel de chibo expiatorio, de exemplo limitador para os restantes territorios. Isto espertou un sentimento de humillación, de aldraxe, un termo que a prensa galega comezou a facer popular para condensar estes agravios.
A aldraxe era o sentimento que predominaba eses días, unha aldraxe que non partía tanto dunha análise detallada dos textos estatutarios en negociación, senón que nacía dunha marxinación histórica e da comparación coas estruturas de autogoberno aprobadas para cataláns e vascos. A autonomía era vista como unha ferramenta para superar o atraso económico e a discriminación e, ademais, instalouse a conciencia de que Galicia non podía ser menos que as outras dúas nacionalidades.
Esa idea estivo presente xa nas manifestacións convocadas o 4 de nadal de 1977, das que este ano se vai conmemorar o 45 aniversario. Catalunya foi a primeira en ver restablecida a Generalitat, xusto despois da Diada dese ano, na que Tarradellas pronunciou o coñecido "Ja sóc aquí" ante un millón e medio de persoas. E poucos meses despois foi a quenda de Euskadi. A falta de movementos no Goberno da UCD de cara á poñer o autogoberno galego levou á convocatoria de mobilizacións en todas as cidades galegas.
O 4 de nadal de 1977 saíron á rúa máis de 400.000 persoas. "Dende agora haberá que cambiar a lenda de que Galicia é unha terra sumisa e atrasada. O pobo galego demostrou que sabe saír á rúa a retomar os seus dereitos", destacou Paz Andrade en Vigo
A participación, que se beneficiou do impulso realizado polas estruturas dirixidas pola propia UCD galega, superou as expectativas, converténdose nas maiores mobilizacións na historia de Galicia: 300.000 persoas en Vigo, 100.000 na Coruña, 10.000 en Ourense, 5.000 en Lugo... Foi un día de festa na que moitos, como Carlos Barros (PCG) consideraban que se producir un "salto histórico na conciencia nacional de Galicia". En Vigo Valentín Paz Andrade, nese momento senador independente, foi o encargado de ler un manifesto que comezaba dicindo que "dende agora haberá que cambiar a lenda de que Galicia é unha terra sumisa e atrasada. O pobo galego demostrou que sabe saír á rúa a retomar os seus dereitos".
Na Coruña a Praza de María Pita encheuse varias veces para acoller os milleiros de manifestantes, ao berro de "Autonomía prá nosa terra", "centralismo fóra, Autonomía agora" ou "o pobo esixe Autonomía para rexirse". En Ourense, nunha marcha encabezada por unha faixa que dicía "Coa Autonomía, Galicia empeza a ser máis nosa" o manifesto foi lido por Eduardo Blanco Amor, que afirmou que "os líderes están de máis cando a moitedume se convirte en protagonista". En Lugo Ramón Piñeiro leu o manifesto, afirmando que "Galicia é un país atrasado, pero non é un país pobre" e que "só adaptando a Administración á realidade se poderá conseguir unha auténtica democracia en Galicia", para concluír que "está xurdindo a Galicia que soñaron os nosos poetas".
A manifestación de 1977 xurdiu o efecto desexado e aínda que sempre con atraso con respecto a Catalunya e Euskadi, Galicia foi avanzando no proceso autonómico
A manifestación xurdiu o efecto desexado e aínda que sempre con atraso con respecto a Catalunya e Euskadi, Galicia foi avanzando no proceso autonómico. En marzo de 1978 constituíuse a Xunta preautonómica e nos primeiros meses do ano 1979 a Comisión dos 16, formada por representantes de todos os partidos -UCD, AP, PSOE, PCG, POG, PG e PTG- agás o BNPG e o PSG, que rexeitaron participar, elaborou un proxecto de Estatuto progresista e á altura dos textos vasco e catalán.
Porén, chegou a aldraxe. Na Comisión Constitucional do Congreso o proxecto de Estatuto redactado en Galicia foi progresivamente baleirado de contido. Necesitaba do consenso de UCD e PSOE para a súa aprobación e existiu un acordo entre as cúpulas de ambos os dous partidos para que Galicia (onde a UCD tiña a maioría absoluta) e Andalucía (onde o PSOE era maioritario) tivesen textos estatutarios moi inferiores ao catalán e vasco, marcando así o nivel ao que podían acceder os restantes territorios. Iso si, finalmente o PSOE non aprobou o estatuto galego recortado.
Porén, chegou a aldraxe. Na Comisión Constitucional do Congreso o proxecto de Estatuto redactado en Galicia foi progresivamente baleirado de contido. O obxectivo era que Galicia tivese un textos estatutario moi inferior ao catalán e vasco, marcando así o nivel ao que podían acceder os restantes territorios
As modificacións que efectuou a Comisión Constitucional nos meses de outubro e novembro de 1979 afectaron a temas fundamentais do Estatuto, coma as competencias ou a organización territorial. A transformación máis importante foi a coñecida como Disposición Transitoria terceira (nun comezo, artigo 32.4), que definía a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais nas materias competenciais compartidas, e eliminaba a iniciativa do Parlamento autónomo para a súa cesión, tendo que agardar á vontade (mesmo sine die) do Congreso. É dicir, na práctica, o Estatuto nacía sen competencias, estaba baleiro. Finalmente, outra das modificacións afectaba á lingua galega: mantiña a cooficialidade de galego e castelán, pero mentres que no anteproxecto dos 16 establecíase o deber de coñecer ambos os idiomas, a Comisión só fixaba a obriga de coñecer o castelán.
Os recortes provocaron duras críticas das forzas máis mobilizadas a prol dun estatuto de primeiro nivel, como POG, PCG e PG, artigos de opinión na prensa galega e mesmo dos alcaldes das sete cidades, que asinaron unha declaración que sinalaba que "o noso Estatuto ten que acadar as mesmas cotas de poder conqueridas por Euskadi e Catalunya". Neste contexto chegou o editorial de El País xustificando a limitación do autogoberno de Galicia, que se unía a outros editoriais e artigos de opinión publicados nas cabeceiras madrileñas, no que semellaba unha campaña coordinada impulsada polo Goberno da UCD.
O recorte veu acompañado dunha campaña mediática dende a prensa de Madrid, que xustificaba a limitación do autogoberno galego, e que foi constestada por artigos na prensa galega, manifestos e manifestacións
Esta campaña mediática foi primeiro respondida nos propios medios de comunicación galegos, con artigos como o de Lois Caeiro, que escribiou "da mentalidade centralista de El País tiñamos serias sospeitas. Do seu descoñecemento e desprezo da realidade e a personalidade galegas, tamén. O editorial que nos serviu onte despexounas todas". Caeiro apuntaba que "este pintoresco editorial vese moi claro que estivo inspirado en determinadas instancias de poder" e tamén Xosé Antón Gaciño apuntaba que "os inimigos da autonomía de Galicia, con todo, non se conforman con bloqueala na Comisión Constitucional, senón que están a crear un clima negativo ao redor da nosa autonomía, desde determinados medios de comunicación".
A resposta chegou tamén dende os intelectuais galeguistas, como García Sabell, Penzol, Dieste, Blanco Amor, Paz Andrade, Fernández del Riego, Díaz Pardo, Fole, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández-Albalat ou Carvalho Calero, que asinaron un manifesto denunciando que "un Estatuto sen contido autonómico é unha farsa, e para nós unha burla. A Constitución recoñece o noso dereito á autonomía. Estrangular ese dereito pola presión de forzas antigalegas é unha agresión política a Galicia".
Consumado o recorte (o estatuto aprobouse cos únicos votos favorables da UCD, os contrarios de PSOE e PCE e a ausencia de AP e nacionalistas vascos e cataláns), a mobilización saltou ás rúas. E, de feito, chegaron a queimarse exemplares de El País na Praza do Toural, en Compostela. Convocouse unha 'Xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia', con peches de edis nas Casas do Concello, alcaldes e concelleiros expulsados pola Policía da Praza do Obradoiro e manifestacións lideradas por POG, PCG, PSdeG, PSG e PG, nas que participaron entre 40 mil e 80 mil persoas e que precederon ás mobilizacións convocadas para o 4 de nadal.
O 4 de decembro de 1979 máis de cen mil persoas saíron novamente á rúa, en manifestacións alimentadas polo sentimento de aldraxe e de discriminación que producira o recorte da UCD ao Estatuto
O 4 de decembro máis de cen mil persoas saíron novamente á rúa, en manifestacións alimentadas polo sentimento de aldraxe e de discriminación que producira o recorte da UCD ao Estatuto. Na Coruña unhas 40 mil persoas berraron "Centralismo, humillación. Galicia dille non" ou "Galicia non se vende, non ao Estatuto da UCD" e en Vigo máis de 30 mil cantaron "que se vaian, que se vaian os caciques da UCD". En Compostela, máis de 15 mil persoas puxeron tamén o acento nas críticas dirixidas ás UCD e ao centralismo: "Gobernar dende eiquí e non dende Madrid" ou "Caciques fóra, Galicia non chora".
"O bo galego cae na conta de que ten moitos triunfos na man. E entón ergue a figura, ou debe erguela. Se iso sucede, adeus silencio e adeus laios innecesarios. Outro tempo comeza. Outro tempo debe comezar. O tempo das realizacións. O tempo da confianza propia", escribiu García Sabell no seu coñecido artigo 'Galicia'
Un sentimento colectivo de carraxe agromou da derrota. Así o destacaba eses días Andrés Torres Queiruga nun artigo de opinión: "Galicia vive un calafrío de alarma e indignación correu o espiñazo da consciencia colectiva. A protesta fíxose clamorosa e o mesmo oso da Villa e Corte arrichou sorprendido as orellas. Unha lección quedou ben clara: Galicia reacciona cando se lle tocan o seu sentimento e a súa emoción. Persoalmente, teño unha gran confianza no efecto positivo destas sacudidas. Galicia foi tratada sen respecto: isto non se lle esquece a un pobo".
Tamén Domingo García-Sabell chegaba a conclusións semellantes no seu coñecido artigo 'Galicia', publicado o 22 de novembro en El Ideal Gallego, xusto no momento no que se acababa de coñecer o recorte efectuado pola UCD, un artigo que en palabras de Manuel Rivas e Xosé Antón Gaciño foi "como unha badalada que esperta a todos", un texto que “levantou dos asentos aos máis descangallados e que correría de man en man".
O artigo de García Sabell foi "como unha badalada que esperta a todos", un texto que “levantou dos asentos aos máis descangallados e que correría de man en man", en palabras de Manuel Rivas e Xosé Antón Gaciño
García-Sabell laiábase de que Galicia "non atina a facer valer as súas propiedades" e "non atina a darse a respectar. Ela, tan respectuosa. Tan respectuosa que acepta sempre, que comprende todo, que desculpa todo". Porén, concluía que nese momento, como consecuencia do agravio infrinxido, se producira unha mudanza esencial, algo rachara: "De sotaque, o bo galego cae na conta de que ten moitos triunfos na man. E entón ergue a figura, ou debe erguela. Se iso sucede, adeus silencio e adeus laios innecesarios. Outro tempo comeza. Outro tempo debe comezar. O tempo das realizacións. O tempo da confianza propia".
Non foi así. Nos meses seguintes a incipiente mobilización ficou de novo desactivada. Porén, no verán de 1980, co Goberno de Suárez xa moi debilitado, a UCD accedeu a modificar o texto no Pacto do Hostal, no que participaron AP, PSOE, UCD, PCG e PG e que deu lugar ao Estatuto que coñecemos. Non era o texto dos 16 pero o certo é que se eliminaron boa parte dos motivos de crítica. Con todo, a mobilización que naceu do sentimento de aldraxe non se recuperou e o Estatuto foi aprobado sen entusiasmo nun referendo que tivo unha abstención do 70%.