Valentín González Formoso reivindicou no Día Nacional de Galicia o galeguismo de "raíces ben profundas" do PSdeG e advertiu de que o país "necesita un novo Estatuto" que lle permita acadar "o máximo teito competencial", así como todos os instrumentos previstos no ordenamento xurídico para responder a situacións de emerxencia de maneira "máis áxil e eficiente".
No acto que os socialistas galegos celebraron en Rianxo, coa presenza duns 300 militantes, simpatizantes e cargos do partido, Formoso levou a cabo a tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao para logo lembrar o impulso que o PSdeG deu tanto ao Estatuto de Autonomía de 1936 como ao de 1981, así como á Constitución ou ao ingreso na UE. "Estivemos sempre remando a favor da autonomía galega e do reforzo do noso autogoberno —dixo Formoso—, nunca permitades que vos digan o contrario", reclamou.
Formoso reivindica "un novo Estatuto" para Galicia que lle permita acadar "o máximo teito competencial"
Tras advertir da súa determinación por que o partido permaneza sempre "na vangarda dos cambios sociais, do progreso e da conquista de novos dereitos cidadáns", Formoso lembrou tamén que Pérez Touriño levou a cabo o último intento para a reforma do Estatuto e que "foron outros os que fixeron encallar aquela reforma sumíndonos na parálise".
"Non é o PSdeG quen actúa con inmobilismo renunciando a asumir unha soa transferencia en 13 anos”, dixo en alusión ao PP, para engadir que tampouco son os socialistas "os que definen o marco estatutario como un traxe vello que debemos queimar nunha fogueira para construír a república galega”, en clara referencia ao BNG.
Así, Formoso reclamou unha actualización e “posta ao día” do Estatuto de Autonomía, pois cando foi plebiscitado o texto actual, en 1980, "non existía Internet nin lei do divorcio, nin España se incorporara ás institucións europeas".
Ademais, chamou a que o novo marco estatutario incorpore unha carta de dereitos cidadáns, como o dereito ao aborto, o matrimonio igualitario ou a axuda aos dependentes “e mesmo esa Lei de 1986 que, por iniciativa dun goberno socialista e dun ministro valente, como foi Ernest Lluch, instituíu a sanidade pública e universal que todos prezamos”.
Formoso contrapón a postura do PSdeG ante o Estatuto con quen "renuncia a asumir unha soa competencia en 13 anos" e con quen o ve como un "traxe vello"
Tamén destacou Formoso que son moitas as comunidades que reformaron os seus estatutos incorporando novas competencias das que non dispón Galicia, como "autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, de que dispón Andalucía e moi pronto Canarias, a xestión do tráfico ou a habilitación de instrumentos xurídicos, como o decreto lei, para responder con axilidade a situacións de emerxencia como a pandemia”.
Por todo isto, pediu ao PP que "sente a falar da reforma do Estatuto para que Galicia poida acadar o máximo teito competencial e que á Xunta non lle poidan dicir que non pode recibir un traspaso porque non o ten previsto no seu marco estatutario".
Por outra banda, o líder do PSdeG reivindicou o legado galeguista da formación e de figuras como o alcalde socialista de Ferrol, Xaime Quintanilla, ou de figuras como Ramón Piñeiro ou Carlos Casares, que "escolleron" as siglas socialistas para participar na política, que "serviron tamén de derradeira morada política para un militante moi prezado, Celso Emilio Ferreiro".