A última ocasión en que o BNG puido celebrar a súa manifestación central do Día da Patria sen restricións por mor da pandemia da COVID, a formación soberanista tiña 6 escanos no Parlamento. "Algo grande está nacendo", proclamara Ana Pontón naquel chuvioso 25 de xullo de 2019.
O Bloque recupera o formato masivo da súa mobilización central do Día da Patria
Tres anos despois, neste 2022 o Bloque xa tivo luz verde para recuperar o formato habitual desta mobilización -en 2020 e 2021 axustouna ás medidas sanitarias-. Alí, Pontón interveu ante milleiros de militantes e simpatizantes na compostelá praza da Quintana como líder do primeiro grupo da oposición do Parlamento, onde agora conta con 19 asentos. Fíxoo para proclamar que "Galiza pode contar co BNG" na actual crise e no vindeiro Goberno.
Ante a concorrencia, que a recibiu con berros de "presidenta" e "BNG, BNG", Pontón encadrou o seu discurso -no que prescindiu do habitual atril- no inminente cuadraxésimo aniversario da fundación do Bloque, que celebrarán o vindeiro setembro. Aquela fronte nacionalista, evocou, non naceu para "ser unha corrente de opinión", senón para "ser a forza maioritaria" e agora, mantén, o histórico lema "gobernemos nós a nosa terra" está "máis preto ca nunca".
Con este pano de fondo, Pontón bosquexou o escenario político no que aspira a ser a "presidenta coas mans libres" do vindeiro Goberno galego. Dende o global, coa "condena á invasión rusa" e o "non" á actual guerra e ás pasadas -"non hai guerras boas e guerras malas, subliñou"-, ata o máis próximo, cos efectos en Galicia da crise de prezos, unha "estafa á maioría social que hai que denunciar e parar" e que, resalta, non está só ligado ao actual escenario bélico.
Pero "non podemos resignarnos", advertiu, nin "caer na trampa de que non se pode facer outra cousa". O BNG, mantén, ten un proxecto para "construír unha Galiza na que vivir e traballar", "os galegos e galegas poden confiar" na formación nacionalista tanto para afrontar a crise de prezos como para para mellorar a sanidade pública, "poñer o noso país a producir" ou aplicar medidas contra o devalo demográfico.
"Imos a por todas, sen límites, porque non podemos limitar o futuro de Galiza"
Tamén ten unha alternativa, advirte Pontón para afrontar a crise climática que pon "en risco as nosas vidas" e ante a que di temer que as medidas dos actuais gobernos fiquen en "mero postureo". Boa mostra desa crise son os actuais incendios forestais, un "desastre que ten que ser un punto de inflexión" sen esquecer que "ten responsables", polas "políticas que deliberadamente apostaron polo abandono do medio rural" ou viraron os montes galegos "nun polvorín".
Fronte a un PP que "non se vai salvar" tras a "fuxida" de Feijóo, Pontón quixo deixar neste 25 de xullo unha "mensaxe moi clara: imos a por todas, sen límites porque non podemos limitar o futuro de Galiza", a comezar por unhas eleccións municipais de 2023 que serán "unha excelente ocasión para avanzar" e a seguir polos comicios galegos previstos para 2024, ante os que " nós, o BNG, non temos que pedir permiso a Madrid".