Pontón sitúa o BNG á fronte "doutra Galiza posible" en 2020 porque "algo grande está nacendo"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no acto central da formación polo Día da Patria CC-BY-NC-SA BNG

"Algúns podedes pensar que estou facendo un exercicio de optimismo; pero como non facelo se hoxe o BNG xa ten máis incidencia da que reflicten os resultados electorais?". A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, subiu este 25 de xullo ao escenario da compostelá Praza da Quintana coa vontade de inxectar optimismo entre a militancia da formación soberanista para, no acto central do Día da Patria, situala en condicións de liderar a "outra Galiza posible" que, coida, pode reflectirse na política dende as vindeiras eleccións galegas.

A líder do Bloque ve a formación en condicións de liderar o "novo ciclo" que "emerxe como unha forza enorme, como un vendaval"

O país, expuxo Pontón, está no remate "de todo un ciclo político que xa é pasado" e no seu lugar "emerxe como unha forza enorme, como un vendaval, unha nova etapa". "Algo novo está nacendo, algo grande" para o conxunto de Galicia e para o Bloque en concreto, cre a líder nacionalista. Nesoutra "Galiza posible, con capacidade de decisión, que aposta pola innovación, que crea emprego de calidade, que coida do seu territorio", que aposta polo feminismo ou "mira ao mundo sen renunciar ao idioma galego", o BNG pode "liderar", proclamou.

Tras unha manifestación marcada pola chuvia, pero con ton festivo e entre consignas a prol da autodeterminación con lemas como "Galiza ceibe, poder popular", Ana Pontón chamou a confrontar a "idea rancia de que só existe a nación española" co "nacionalismo do século XII, aberto ao mundo, internacional e cosmopolita" no que, afirma, se encadra o BNG. "Somos un movemento emancipador e de progreso, xusto o contrario do que representa o chovinismo, o imperialismo e o españolismo que queren dominar outros pobos".

Membros da Executiva Nacional do BNG, na cabeceira da manifestación do Día da Patria deste 2019 CC-BY-NC-SA BNG

"O nacionalismo -acrecentou- significar cambiar o mundo empezando pola parte que temos máis preto" e nese sentido, "se queremos un país con futuro, con capacidade para autogobernarse de verdade, necesitamos partidos libres". E a "única" forza que pode desempeñar ese rol "chámase BNG, quen pode cambiar as cousas é o BNG".

"Ou damos nós voz a este país ou está visto que ninguén o fai", reflexionou Pontón no acto central do BNG polo Día da Patria

O traspaso da AP-9, a loita pola recuperación de Meirás ou o cuestionamento da continuidade de ENCE son para a líder do Bloque mostras de que a axenda política da formación que encabeza está xa no centro do debate público galego. O mesmo que a activa participación das mulleres galegas nas recentes mobilizacións feministas.

Todas esas cuestións, considerou Pontón ante a militancia e simpatizantes no acto da Quintana, poden trasladarse ao Goberno galego se nos vindeiros comicios hai un "cambio real" que só o BNG pode garantir. Así e todo, admitiu, é posible que a "situación que se vive no Estado" provoque outra convocatoria de eleccións xerais en novembro. Se é así "iremos a por todas, deixando a pel para que Galiza volva ter voz e peso da man do BNG". "Porque ou o facemos nós, darlle voz a este país, ou está visto que ninguén máis o fai", concluíu.

Pontón, dirixíndose a militantes e simpatizantes no acto central do BNG polo Día da Patria CC-BY-NC-SA BNG

Tras os actos centrais da campaña do Día da Patria diversos dirixentes do Bloque participan, durante a tarde do 25 de xullo, en diversas actividades lúdicas e culturais ligadas ao Festigal. O festival impulsado por Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e o propio BNG estivo a celebrarse un ano máis no Campus Vida da USC.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.