Pontón amósase "convencida" do cambio na Xunta en 2020 e advirte de que "non chega con desaloxar o PP"

Ana Pontón, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e as edís de Pontevedra Carme da Silva e Eva Vilaverde, no encontro de cargos municipais do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Convencida" de que en 2020 pode haber un cambio de goberno en Galicia. Así se amosou este domingo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no transcurso do encontro no que o Bloque xuntou en Santiago arredor de 200 edís da formación de concellos de todo o país. "Feijóo é o pasado" e Galicia atópase ás portas "dun novo ciclo" no que "desaloxar o PP" da Xunta é "condición necesaria", pero non abonda, cre a líder nacionalista.

Para a portavoz nacional do BNG "non chega" con que Feijóo en particular e o PP en xeral deixen de ostentar o goberno unha década despois. Galicia precisa un "cambio transformador" que, afirma, só chegará se é o propio BNG o que "lidera a Xunta". "Ofrecemos algo único e importante: un proxecto de país, xenuíno e pensado dende Galiza", resume.

A portavoz nacional do BNG sinala a campaña da formación polo Día da Patria como "primeira gran mobilización" polo cambio político en 2020 que, afirma, a formación soberanista aspira a "liderar"

Co escenario político galego ás portas da precampaña, Pontón contrapuxo ante a representación municipal da súa formación o feito diferencial que, considera, achega a formación soberanista. "As forzas co centro de decisión en Madrid converteron nun triste espectáculo a política estatal" cara á investidura de Pedro Sánchez, nun contexto no que "se fala de todo menos dos problemas de Galiza e da solución a eses problemas". A razón, cre, é que "PP, PSOE e Podemos comparten un desño centralista que nos prexudica como país".

Pontón intervén no encontro de cargos municipais do BNG deste 7 de xullo en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Pero agora, di, xa "ninguén discute" que "o BNG está á alza" como "forza sólida, coherente e cun proxecto claro". Esa é a razón pola que cre imprescindible "seguir alargando esa corrente de simpatía", un incremento da base social que a organización tamén fixa entre as prioridades da súa campaña do Día da Patria. Máis militancia e simpatizantes serán "clave", cre, para que "en 2020 deamos os alto adiante que nos permita poñer punto fianl ao decenio negro de Feijóo e abrir un novo ciclo en Galiza".

Ante arredor de 200 edís Pontón instou ao traballo "coordinado" entre concellos, "fuxindo de localismos estériles tan do gusto das forzas estatais"

Tras unha década na que, analiza, "non fallou o país nin a xente do país", senón "un Goberno sen proxecto de futuro, incapaz", Pontón olla precisamente cara ao vindeiro 25 de xullo como "primeira gran mobilización" do cambio político. Esa xornada, na que a organización soberanista convoca a súa tradicional manifestación en Santiago, debe ser o primeiro chanzo para "impulsar o BNG e conquistar a Xunta en 2020, logrando que nin unha soa persoa que queira cambio en clave de país quede na casa". "A esperanza -agrega- é o motor que hai que poñer a funcionar para transmitir que nada é imposíbel".

Neste sentido, unha vez constituídos a maioría dos gobernos municipais, Ana Pontón insta os edís a "traballar coordinadamente, como corresponde a unha organización cun proxecto de país no que os concellos son unha peza clave", pero "fuxindo de localismos estériles tan do gusto das forzas estatais para desdebuxar a nosa identidade". "Non somos unha suma de concellos, somos un pobo e unha nación cuxo futuro pasa por ter unidade de país" e nel, di, "o traballo municipal do BNG é o mellor espello para ver que outra Galiza é posíbel", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.