O verán de 2019 en Galicia arrecende a precampaña. Non é -agás sorpresa- un verán estritamente preelectoral, porque agás que Alberto Núñez Feijóo decida o contrario, o electorado galego non será convocado ás urnas para renovar o Parlamento ata 2020. Pero os resultados das eleccións xerais, europeas e municipais, co PP perdendo a condición de forza máis votada nas dúas primeiras e ficando no empate técnico nas terceiras, deixaron definitivamente lanzada unha longa precampaña na que a esquerda, moi especialmente o PSdeG, ve un eventual cambio na Xunta máis preto ca nunca nos últimos dez anos.
Tras lograren por primeira vez ser a forza máis votada en Galicia os socialistas vense a si mesmos con posibilidades de encabezar unha alternativa de Goberno; así o expuxeron este sábado na súa Escola de Formación 'Ceferino Díaz'
O feito de lograren por primeira vez ser a forza máis votada en Galicia e, ao tempo, a crise no espazo político ocupado nos últimos anos por En Marea provocou que sexan os socialistas os que se vexan a si mesmos con máis posibilidades de encabezar unha alternativa de Goberno pola esquerda unha década despois. Así o está a tentar a facer ver dende o 28A o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que este sábado reuniu a cúpula do partido na Escola de Formación Ceferino Díaz, o órgano creado en 2017 co nome do histórico dirixente falecido en 2012 que desta volta se celebrou baixo o lema Gobernos para o progreso.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, os ex-presidentes Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño ou a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, foron algúns dos cargos presentes nun foro con relatorios sobre materias como cambio climático, cultura ou o futuro da socialdemocracia en Europa. "Aquí -sinalou o secretario xeral- estamos establecendo a semente para unha Galicia mellor", para "dar resposta aos galegos que queren un futuro disitnto" mediante un cambio de Goberno que os socialistas, augura, terán a "responsabilidade" de liderar.
"Temos ideas, capacidades e equipos para poñer en marcha" un proxecto, que, alenta, debe ser contraposto ao do PP de Feijóo, a quen atribúe que Galicia "vaia a peor". Isto sucede, considera, pola "mestura de asfixia intelectual e inacción política" na que tornou o gabinete dos conservadores, ao que ve xa sen "rumbo" nin "estratexia". Apenas "limitado", considera, a que "os poderes públicos" sigan "ao servizo da imaxe" do propio presidente malia os últimos "tres suspensos" nas urnas, en referencia aos comicios de abril e maio.
Gonzalo Caballero: "Estamos en condicións de darlle a Galicia o mellor goberno, cun proxecto para o conxunto do país que aposte polos servizos públicos"
As xerais, europeas e municipais, coida Caballero, "fixeron emerxer un tempo novo" e amosaron ás claras a "maioría social de esquerdas" existente en Galicia. Por iso "somos o futuro para a maioría", a "casa común do progresismo" que "recolla a herdanza dos mellores presidentes", dixo en referencia a Laxe e Touriño. "Estamos -afirmou- en condicións de darlle a Galicia o mellor goberno" cun "proxecto para o conxunto do país" que "aposte polos servizos públicos" e no que "todos poidan estar cómodos".
A tese do esgotamento do ciclo de Feijóo secundouna tamén o alcalde vigués. "O esgotamento do proxecto político de Feijóo" é tan "visible" como a "necesidade de cambio" na Xunta, coida. Neste sentido, varios das persoas que interviron como relatoras na xornada conectaron a posibilidade de cambio en Galicia coa necesidade de que Pedro Sánchez poida ser investido canto antes outra volta como presidente do Goberno de España. Nese sentido, Narbona asegura que malia ás súas asistencias a cumios internacionais nas últimas semanas, Sánchez "non parou un minuto de traballar por un goberno progresista".