Continuamos a serie de entrevistas para reflexionar ao redor dos 30 anos de autogoberno en Galicia, que iniciamos con Camilo Nogueira. Ceferino Díaz foi deputado no Parlamento galego entre 1981 e 1997, e voceiro do PSdeG-PSOE, representando nestes anos a súa corrente máis galeguista. Despois incorporouse ao Congreso dos Deputados, onde permaneceu até 2011.
No ano 2008 publicou o libro de memorias A esforzada conquista da autonomía. Falamos con el da Transición, o proceso autonómico e as ameazas recentralizadoras, da crise económica e do momento político actual. Repite dúas palabras por riba doutras: Galicia e proxecto.
Como foi o proceso que levou á conquista da autonomía durante a Transición? Os que traballabades por un estatuto ao mesmo nivel que o catalán ou o vasco sentístesvos sós en moitos momentos?
Houbo moitos factores: entre as manifestación do 4 de nadal de 1979, con cen mil persoas nas rúas denunciando que UCD quería darlle a Galicia un Estatuto de segunda categoría, e o referendo pasaron oito meses. Despois, que na xente había moi pouco entusiasmo pola autonomía, estaba preocupada por outras cousas naquel momento, cunha crise económica moi forte, e despois que os autonomistas estivéramos oito meses machacando coa idea de que o Estatuto era malo, que era unha aldraxe. Así era moi difícil.
"A xente neste país normalmente adoita mobilizarse cando hai un ataque, pero fai falla que o país se mobilice a prol de"
E ademais os que loitabades polo estatuto nese momento erades moi poucos: uns cantos políticos e líderes, xente de PSOE, POG, PCG, PG, PSG..., pero UCD, AP e unha boa parte do nacionalismo estaba en contra...
A xente neste país normalmente adoita mobilizarse cando hai un ataque, pero fai falla que o país se mobilice a prol de. Ás persoas que tirabamos do carro o que nos movía era a recuperación do Estatuto de 1936 e aproveitar esa oportunidade que nos deu a Constitución de ir no mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. Para nós o Estatuto era un instrumento de transformación do país, unha ferramenta para construír Galicia. Abría a posibilidade de ter un campo propio para facer política. O que pasa é que despois fracasamos como país: un campo de xogo propio require políticas propias, require proxectos para Galicia. En Catalunya, en cambio, hai unha serie de elementos centrais nos que todos os partidos concordan. Galicia ás veces é tan só a suma de 316 concellos ou a suma de sete cidades. A suma de sete cidade nunca será un proxecto para Galicia.
"Na primeira lexislatura axudou ter a sensación de que non podíamos fallar: ou aquilo saía ben ou era un fracaso histórico"
Como valoras o traballo que se fixo nas primeiras lexislaturas do Parlamento?
Eu estou satisfeito dese traballo. Hai que valoralo partindo do feito de que en Galicia nunca houbera un Parlamento, a democracia era un fenómeno recente, había que construír a autonomía, que nunca se construíra, e penso que atinamos, porque fixemos do Parlamento a casa de todos. E iso fíxose coa xenerosidade de todos, facendo da necesidade virtude, ao non haber maiorías absolutas. Axudou tamén que houbese xente como Ramón Piñeiro. E axudou tamén a sensación de que non podíamos fallar: ou aquilo saía ben ou era un fracaso histórico.
"Somos un país sen proxecto, que en realidade son sete cidades"
Cales son os retos de Galicia para os vindeiros vinte anos?
Hai un tema fundamental, que é que somos un país decrecente, cada vez temos menos poboación, e iso debería preocupar: un país non é a paisaxe, son as persoas. Despois, somos un país de potencialidades pero que nunca se realizan; somos unha potencia agraria, pero a metade dos campos están abandonados; na pesca e o marisqueo, o mesmo, pero mercamos produtos doutros países; somos un país sen proxecto, que en realidade son sete cidades: temos que ter un sistema universitario galego, non tres universidades que vaian por libre. A falta dun proxecto de país debilítanos.
Como pode afectar a Galicia o proceso de recentralización que se está producindo no Estado?
Na Transición, con todos os problemas que tivemos e todas as nosas debilidades, acadamos un estatuto semellante ao catalán e vasco, e que ademais foi o terceiro en aprobarse, non se aprobou ningún máis até que o problema galego estivese solucionado. Agora en cambio, Catalunya avanzou no seu autogoberno co novo Estatut, Euskadi tamén ten máis competencias grazas a procesos de negociación de transferencias, e nós aquí estamos parados, e este Goberno aplaude as políticas de recortes, que supoñen unha limitación do noso autogoberno.
"Deberíamos empregar as ferramentas que temos para saír da crise dunha maneira diferente, pero estamos asistindo á crise sen reaccionar"
Porque ademais é o autogoberno o que permite exercer o Estado do Benestar...
Si, a autonomía é un instrumento que serve para construír país. Neste momento no que está claro que hai unha crise do modelo económico e do modelo produtivo, deberíamos empregar as ferramentas que temos para saír da crise dunha maneira diferente, pero en cambio estamos asistindo á crise sen reaccionar.
"Entre a esquerda e a dereita a saída da crise está en medio punto, en dous anos. A esquerda pide agardar dous anos para corrixir o déficit. É un debate moi pobre, pero igual está aí a cuestión"
Como se sae desta crise económica?
Entre a esquerda e a dereita a saída da crise está en medio punto, en dous anos. A esquerda pide agardar dous anos para corrixir o déficit. É un debate moi pobre, pero igual está aí a cuestión. Nós estamos condicionados por pertencer á UE, pero non hai outra saída, porque fóra da UE fai moito frío. Tamén hai que racionalizar o gasto, o que é distinto de facer recortes; trátase de aproveitar mellor as infraestruturas que temos ou en Galicia de poñer a producir as terras que temos abandonadas. Iso non ten que ver coa crise. Hai que evitar que este país morra pouco a pouco, a política está para propoñer solucións. Estou preocupado porque non facemos nada, estamos a ver se escampa, a ver se en Francia hai un cambio. Ante os grandes problemas non vexo respostas.
"O Goberno non dirixe este país. Eu querería que a oposición se puxera de acordo nun proxecto compartido para este país; se o fixese, gañaría con claridade estas eleccións"
Como ves a situación política de Galicia, a uns meses das eleccións?
Galicia necesita un cambio de goberno e un cambio de políticas. Fraga esgotouse en dous mandatos, a Feijoo sobroulle este. O Goberno non dirixe este país. Eu querería que a oposición se puxera de acordo nun proxecto compartido para este país; se o fixese, gañaría con claridade estas eleccións. Sería desilusionante outra vez ir ao goberno para facer o mesmo; o mesmo que Feijoo, pero mellor. Hai que analizar os problemas do país e crear un proxecto ilusionante. O Bipartito era percibido como dous gobernos, a cidadanía esta vez que que ver que hai un proxecto compartido para transformar este país.