A primeiras horas deste 25 de xullo, os perfís do presidente da Xunta nas redes sociais difundiron un vídeo de pouco máis dun minuto no que Alfonso Rueda felicitaba a xornada e, entre referencias xacobeas, animaba a celebrala. Foi a única declaración e, en rigor, o único acto do Goberno galego como tal no Día Nacional de Galicia, o primeiro co actual xefe do Executivo no cargo, un máis no que a Xunta obviou a denominación oficial da festividade para reducila a Día de Galicia.
O único evento da Xunta ligado ao 25 de xullo, ao que segue sen referirse polo seu nome oficial, celebrouse no día previo cunhas Medallas de Galicia centradas no Xacobeo
O único evento oficial da Xunta ligado ao 25 de xullo celebrouse no día previo, o 24, coa entrega das Medallas de Galicia tamén centrada no Xacobeo. Rueda apelou a aprender do Camiño de Santiago para superar a crise no acto que abriu e pechou a axenda gobernamental para un Día Nacional que, a efectos da Xunta, só conserva o apelido na aprobación dos días festivos do calendario laboral, tal e como sucedeu nun dos trámites ao respecto completados polo Consello a pasada semana.
E unha vez entregadas as medallas, o Goberno galego esvaeu. Rueda e o seu gabinete acudiron á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago. Ao estar encabezada outra volta polo rei Felipe VI, o papel do titular da Xunta foi necesariamente secundario, de acompañante, tanto na parada militar como na ofrenda relixiosa, actos nos que tamén estiveron, como representantes do Goberno de España as vicepresidentas Nadia Calviño e Yolanda Díaz. Acudiu igualmente o antecesor de Rueda e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que segue empregando as vías protocolarias que ten ao seu dispor para figurar entre as autoridades malia non ser presidente.
Ana Pontón, no regreso do formato multitudinario á manifestación do BNG, pediu confianza para encabezar un Goberno galego que ve "máis preto ca nunca"
Mentres, no interior da Catedral compostelá, o xefe do Estado invocaba o Apóstolo para "agradecer" a súa "protección" e pedirlle axuda para que o Estado "dea os pasos correctos nesta etapa do camiño non exenta de obstáculos", na contigua praza da Quintana desembocaba a tradicional manifestación que culmina os actos do BNG polo Día da Patria. O Bloque recuperou neste 2022 o formato multitudinario da súa mobilización, a primeira en máis de dúas décadas -deixando á marxe as de asistencia restrinxida por mor da COVID- que impulsa como primeira forza da oposición.
Ante os milleiros de persoas congregadas na praza da Quintana, Ana Pontón pediu confiar a acción política para saír da crise a un BNG co Goberno galego "máis preto ca nunca". "Imos a por todas, sen límites, porque non podemos limitar o futuro de Galiza", sinalou a portavoz nacional, que dedicou boa parte do seu discurso a expoñer liñas programáticas do Bloque para afrontar a actual crise económica ou o contexto internacional e un fragmento moito menor á oposición ao PP en sentido estrito.
Formoso, no seu primeiro Día Nacional como líder do PSdeG, centrouse na reforma do Estatuto
O PSdeG, como é habitual, tivo axenda de seu en Rianxo con referencias explícitas á xornada como Día Nacional. No seu primeiro 25 de xullo como secretario xeral do partido, Valentín González Formoso centrouse na reclamación dun novo Estatuto co "máximo teito competencial" e mais en reivindicar o galeguismo do PSdeG. Formoso quixo tamén marcar distancias con quen "renuncia a asumir unha soa competencia en 13 anos", mais tamén co nacionalismo por considerar o modelo estatutario como un "traxe vello".
Rueda completou a súa axenda acudindo á Misa de Rosalía e concedendo varias entrevistas a medios de comunicación
Nacionalistas e socialistas foron, así, protagonistas políticos dunha xornada na que tamén outras formacións sen representación parlamentaria -dende organizacións independentistas a EU ou Podemos- celebraron actos ou emitiron declaracións ao respecto. O PP, como a Xunta, tampouco celebrou acto ningún, toda vez que trasladaran a súa "conmemoración do Día de Galicia" ao pasado venres 22, coa lectura dun manifesto en Mondoñedo. Durante o día 25, Rueda non tivo axenda como presidente do seu partido e a súa número dous, a secretaria xeral, Paula Prado, compartiu nas redes sociais que mantivo un encontro con representantes de sindicatos policiais que peregrinan a Santiago.
Xa pola tarde, Rueda completou a súa axenda acudindo á misa en homenaxe a Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval, un acto que se vén celebrando dende 1969 e que non é impulsado pola Xunta, aínda que vén sendo habitual que se una a el. Durante o día, o presidente do Goberno galego tamén concedeu entrevistas a varios medios de comunicación.