O presidente insiste na mensaxe de “unidade” lanzada en anos anteriores por Feijóo nunha cerimonia centrada en recoñecer a diversas persoas relacionadas coa peregrinación e que supón o único acto da Xunta polo Día Nacional de Galicia
Ante “a guerra, a inflación, as secuelas da pandemia e os problemas enerxéticos”, dixo este domingo o presidente Alfonso Rueda, “non existen receitas infalibles pero si ensinanzas que aporta o propio Camiño”. Así se pronunciou no seu discurso na entrega das Medallas de Galicia, centradas na edición deste ano en recoñecer a diversas persoas relacionadas coas peregrinacións a Santiago.
E de todas as ensinanzas do Camiño, segundo Rueda a principal é a da “unidade”, idea reiterada en anos anteriores polo ex-presidente Feijóo e na que agora insiste o seu sucesor como descrición e desexo do pobo galego.
A entrega das Medallas de Galicia celebrada este domingo na Cidade da Cultura é outro ano máis o único acto oficial da Xunta, adiantado nunha xornada, polo Día Nacional de Galicia -“Día de Galicia”, soamente, segundo a expresión empregada en varias ocasións por Rueda no seu discurso, en vez da fórmula oficial-. Uns galardóns que este ano a Xunta centrou no Xacobeo e o Camiño de Santiago, concedéndoos ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio; ao presidente do comité de expertos sobre o Camiño, Paolo Caucci von Saucken; a Begoña Valdomar, hospitaleira do albergue de peregrinos de Fisterra; á Asociación Discamino de Santiago e ao antropólogo e primeiro comisario do Xacobeo José Carro Otero, esta última a título póstumo.
“O Camiño de Santiago é a gran contribución de Galicia, sen ningunha dúbida, á cultura universal", di Rueda, que vén apostando polo turismo ligado ás peregrinacións como "puntal do despegue" de Galicia
Segundo Rueda, “o Camiño de Santiago é a gran contribución de Galicia, sen ningunha dúbida, á cultura universal; poucos pobos poden presumir de ter aportado ao patrimonio común da Humanidade un tesouro que discorre a través do tempo e cuxo eco se escoita en todas as latitudes”.
Un eloxio do Camiño e as peregrinacións que hai que contextualizar coa aposta de Rueda, como presidente pero xa antes como conselleiro, polo turismo ligado ao fenómeno xacobeo como "puntal do despegue" de Galicia.
Na súa intervención, ademais de gabar o Camiño de Santiago e a “unidade” de Galicia, o presidente Rueda tamén tivo palabras de lembranza para as persoas afectadas polos incendios dos últimos días así como para as vítimas do accidente de Angrois, ocorrido este mesmo día hai nove anos. Unha lembranza que chegou á mesma hora que vítimas do sinistro se manifestaban polo centro de Compostela tras criticar, un ano máis, que a Xunta adiantase a cerimonia das Medallas do 25 ao 24 para, din, tentar tapar as súas reivindicacións de xustiza.