Afectados de Angrois lembran na rúa que a xustiza chega tarde para “vítimas e familiares que faleceron nestes nove anos”

Vítimas de Angrois chegando á curva no acto de lembranza dos falecidos na tarde deste domingo CC-BY-SA Praza Pública

A plataforma de vítimas maniféstase en Santiago no noveno aniversario do sinistro criticando que “unha xustiza lenta non é xustiza”

Na estación de tren de Santiago, á que hai 9 anos nunca chegou o tren Alvia que descarrilou na curva de Angrois deixando 80 persoas mortas e 144 feridas, comezou este 24 de xullo a manifestación que todos os anos convoca a plataforma de vítimas do accidente para reivindicar a xustiza que aínda non teñen. O xuízo penal polo accidente comezará aínda en outubro, co maquinista e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif como acusados, pero chega tarde, salienta a plataforma, para "vítimas e familiares que xa faleceron" nos nove anos que pasaron desde o sinistro. "Haberá unha sentenza, pero non haberá xustiza para quen xa morreu", dixo o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, quen salientou que "unha xustiza lenta non é xustiza".

A manifestación deste domingo volveu rematar no Obradoiro, como as de todos os anos, desta volta ao tempo que a Xunta celebraba na Cidade da Cultura a entrega das Medallas de Galicia, adiantadas novamente do día 25 ao 24 malia ás protestas reiteradas das vítimas, que consideran que é un intento do Goberno galego de restarlles visibilidade. 

 "Haberá unha sentenza, pero non haberá xustiza para quen xa morreu", di o presidente da plataforma, que lembrou os obstáculos postos polo Estado á investigación

Diante da catedral a plataforma de afectados leu un manifesto no que cargou contra “a maquinaria do Estado” e as súas ocultacións. As vítimas lembraron como o Ministerio de Fomento, Renfe e Adif tentaron ocultar e demorar a entrega de documentos ao xulgado. Ou como a Xunta impuxo ao xuíz como peritos a funcionarios seus sen experiencia en materia ferroviaria. Pero tamén diversos erros cometidos polo propio xulgado durante a instrución que a demoraron máis do debido. E insistiron en reclamar unha nova investigación técnica do sinistro, á marxe da penal, que tamén vén sendo requirida pola Unión Europea despois de que a que no seu momento fixo Fomento puxese o foco só no maquinista.

Na marcha polas rúas de Santiago, nun 24 de xullo no que tiveron dificultades para chegar ao Obradoiro pola cantidade de turistas existentes na cidade, as vítimas estiveron acompañadas, como noutros anos, por representantes de BNG, Compostela Aberta e Podemos.

Xa pola tarde, na curva de Angrois, un acto con música, lectura de poemas e unha ofrenda floral lembrou aos falecidos naquel lugar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.