Ás demoras sufridas na causa penal por erros e obstáculos das administracións hai que engadir a falta de interese de PP e PSOE por un caso que mantén a vixilancia de Bruxelas sobre o sistema ferroviario español
Por primeira vez en nove anos as vítimas do accidente de Angrois chegan a un aniversario do sinistro este 24 xullo cunha expectativa clara de comezo do xuízo, programado para o vindeiro 5 de outubro na Cidade da Cultura e cunha duración estimada de preto dun ano. Os 80 mortos e 144 feridos non obterán así xustiza ata unha década despois do sinistro por unha sucesión de erros, demoras e obstáculos que se veñen sumando a unha causa de por si complexa.
Pero se para a causa penal xa hai cando menos unha data para o comezo do xuízo, as vertentes política e técnica do accidente seguen paralizadas, en parte pola falta de interese de PP e PSOE por un caso que mantén desde hai anos unha certa vixilancia da Unión Europea sobre o funcionamento do sistema ferroviario español.
Na vertente penal no banco dos acusados sentarán finalmente o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. O primeiro despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois, onde non había ningún sistema automático que evitase ou paliase o seu previsible erro humano, mentres que o segundo está acusado polo xuíz instrutor -co aval da Audiencia da Coruña- e o fiscal de non avaliar o risco alí existente. Para cada un deles o fiscal pide catro anos de cadea.
A comisión de investigación política que reclaman as vítimas abriuse no Congreso catro anos despois do accidente, quedou interrompida en 2019 e o pasado setembro aprobouse retomala, pero non volveu avanzar
Pero se no eido xudicial xa hai unha expectativa clara de respostas, no político a plataforma de vítimas do accidente segue sen ver nove anos despois ningunha asunción de responsabilidades. A comisión de investigación política que lograron que se crease no Congreso catro anos despois do accidente quedou inacabada cando se convocaron as elección xerais a comezos de 2019. En setembro do pasado ano, a iniciativa de BNG, ERC e Bildu, a Cámara aprobou retomala, pero nada avanzou desde aquela, constatándose o desinterese pola mesma dos partidos maioritarios, PSOE e PP.
Máis alá de que os primeiros mudasen a súa postura contraria á investigación política en 2017, as dúas formacións temen verse salpicadas ao ser os socialistas, con José Blanco á fronte do Ministerio de Fomento, os responsables do deseño e inauguración da liña de AVE Ourense-Santiago na que o ocorreu o accidente, e os populares, con Ana Pastor, cos que se puxo en servizo o tren Alvia e se desconectou o seu sistema de seguridade a bordo porque os fallos que daba provocaban demoras nas viaxes.
A plataforma de vítimas asume que Blanco e Pastor non son responsables directos do accidente, e o cargo de Adif acusado sempre negou recibir presións políticas, pero os afectados botan en cara aos dous decisións sobre a liña e o tren que cren pensadas máis na propaganda que na seguridade. E a Pastor, ademais, considérana responsable última dos diversos obstáculos postos polo seu ministerio, Adif e Renfe á investigación do accidente.
En 2016 a UE invalidou a investigación técnica do sinistro que fixo a comisión de accidentes do ministerio poñendo o foco só no maquinista, e seis anos despois segue sen facerse outra análise para cumprir coas esixencias da normativa comunitaria
Porén, co xuízo penal xa ás portas, a finalización da comisión de investigación no Congreso xa non é tan prioritaria para a plataforma de vítimas, que esixen antes unha investigación técnica independente que á súa vez poida axudar ás conclusións políticas. Esa investigación vén sendo reclamada pola Unión Europea desde que en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea invalidou tanto polo seu contido como pola súa falta de independencia a análise técnica do sinistro que se fixo no seu momento por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento. Unha investigación que puxera o foco no maquinista sen analizar outras posibles causas do sinistro e en cuxa defensa o ministerio manobrou ante Bruxelas, segundo diversos documentos internos do ministerio revelados por Praza.gal o pasado xaneiro.
Tras considerar aquela investigación inválida, a Comisión Europea pediu en varias ocasións a España que cumpra coa normativa comunitaria que obriga a realizar unha investigación técnica independente de todos os accidentes ferroviarios. Porén, o ministerio, tanto co PP como co PSOE, desenténdese e argumenta que a comisión de investigación xa si é independente, polo que non pode ordenarlle que reabra a investigación senón que ten que ser a propia CIAF quen decida facelo. E a CIAF vense negando.
Ante esa negativa e silencios dos sucesivos gobernos centrais e da CIAF, a plataforma de vítimas abriu unha segunda causa xudicial, na vía contencioso-administrativa, que en xuño vén de darlles parcialmente a razón. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid obrigou á CIAF a que responda expresa e oficialmente á petición das vítimas de realizar unha investigación técnica independente de acordo aos parámetros esixidos pola UE. Cando chegue esa contestación, aínda que sexa negativa, poderá ser polo menos recorrida novamente polas vítimas se non dá resposta á normativa comunitaria que esixe a análise independente aínda non realizada.
A UE ten aberto desde 2019 un procedemento de infracción contra España por como se avalían os riscos ferroviarios, cuestión clave en Angrois, onde o cargo de Adif está acusado precisamente por non facelo correctamente
A falta de independencia da CIAF foi un dos motivos que levou no seu momento á Comisión Europea a abrir unha investigación sobre o sistema ferroviario español. Esa investigación pechouse cando España certificou que mudara a composición da CIAF para darlle máis independencia. Pero en 2019 a Comisión Europea revelou que tiña en marcha outra investigación, que segue aberta, segundo lle vén de confirmar o executivo comunitario ás vítimas, sobre "a forma" en que a CIAF investiga os accidentes e como se realizan no sistema ferroviario español as “avaliacións de riscos”, cuestión clave no accidente de Angrois pola que está acusado na causa penal o cargo de Adif. De feito, o auto co que o instrutor o levou a xuízo pon o foco en que Cortabitarte autorizou rebaixar a seguridade da curva de Angrois “sen que conste que previamente se tivese avaliado o risco que ditos cambios puideran comportar”.
A confirmación desa acusación e a responsabilidade penal que dela derive será o que se analizará no xuízo penal que comeza o 5 de outubro, tras nove anos de espera das vítimas que serán máis nos eidos político e técnico.