“Esta demora non é casual, as diferentes institucións do Estado son as responsables”, di a plataforma de afectados tras coñecer que o xuízo rematará dez anos despois do accidente
Este luns o xulgado do Penal encargado de xulgar o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 fixo público un auto no que fixa no 20 de setembro o inicio do xuízo, que prevé que remate cara ao verán do próximo ano, no décimo aniversario do sinistro. Ante estas previsións, a plataforma de vítimas do accidente salienta que “unha xustiza lenta non é xustiza” e di que “esta demora non é casual, as diferentes institucións do Estado son as responsables”.
A plataforma de afectados lembra os sucesivos cambios de xuíz instrutor e fiscal que tivo o caso, os erros cometidos polo xulgado en varios momentos da instrución que demoraron diversas probas, a ocultación e demora por parte de Adif e Renfe na entrega de documentación ou a imposición por parte da Xunta de peritos sen experiencia en materia ferroviaria. Unha sucesión de demoras que leva ás vítimas a lembrar aos afectados e familiares que morreron durante estes anos. "Para eles nunca haberá xustiza e lamentablemente xa nada se pode facer.
“Evidentemente estamos satisfeitos de que finalmente se vaia celebrar o xuízo, e finalmente sente no banco o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pero consideramos que é insuficiente”, di a asociación. “Existían claras responsabilidades por parte de Renfe, que tivo constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre a perigosidade da curva de Angrois e, sen embargo, non actuou en consecuencia”, engade.
“Durante nove anos fomos coñecendo feitos moi graves que xamais se xulgarán nos tribunais, pero que teñen unha clara responsabilidade política”
A plataforma tamén reclama que, á marxe da investigación penal que agora chega a xuízo, España realice “a investigación técnica independente que esixe Europa antes do inicio do xuízo para que se incorpore ao proceso xudicial”. E salienta que á marxe desas pescudas penais e técnicas “durante nove anos fomos coñecendo feitos moi graves que xamais se xulgarán nos tribunais, pero que teñen unha clara responsabilidade política”.