Os afectados din que a Comisión lles transmitiu a súa colaboración co xuízo penal que comezará en outubro e a portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, critica a inacción do Estado
Representantes da Plataforma de Vítimas do accidente de Angrois reuníronse este mércores co director xeral de Transportes da Comisión Europea, Kristian Schmidt, grazas á mediación da portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. Tras o encontro, o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, e Miranda informaron de que o cargo comunitario ratificoulles que segue aberto o procedemento de infracción iniciado en 2019 contra España tras unha denuncia do BNG por incumprimento da normativa europea en materia de análises de riscos ferroviarios.
Esa é unha cuestión clave no accidente de Angrois que fará que tamén teña que sentar no banco dos acusados no xuízo que comeza no outono ademais do maquinista un ex-director de seguridade de Adif, acusado de non avaliar correctamente o risco da curva. As vítimas salientan que se a UE aínda dubida na actualidade se España está a avaliar correctamente os riscos ferroviarios, a situación en 2013, cando ocorreu o accidente, era aínda peor.
Cando a comezos de 2019 a UE fixo público o inicio do procedemento de infracción contra España polas súas dúbidas sobre o cumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, a propia Comisión desligouno de calquera accidente concreto. Porén, na carta que enviou daquela a Comisión á portavoz europea do BNG si ligaba a investigación coa súa denuncia de dous anos antes derivada do accidente de Angrois. Hai un ano a propia Comisión admitiu que, debido á pandemia da COVID, España tivera que aprazar varias actuacións previstas para cumprir coas esixencias europeas.
No seu momento a Comisión Europea admitiu non só que estaba a estudar a correcta avaliación de riscos ("proper risk assessment") por parte de España, cuestión clave na investigación penal sobre Angrois, senón tamén o xeito en que España investiga os accidentes ferroviarios, despois de que a Axencia Ferroviaria Europea criticase que a investigación técnica oficial que fixo Fomento sobre o de Angrois puxese o foco só no maquinista e non nas causas fundamentais do sinistro. As vítimas veñen reclamando, sen éxito, que España refaga esa investigación técnica.
Por outra banda, cara ao xuízo penal, o portavoz da plataforma informou de que a Comisión facilitará a participación como testemuñas ou expertos de calquera cargo europeo que sexa citado a declarar. De feito, o responsable do informe clave da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr, está citado a declarar no xuízo o 1 de decembro.
Ana Miranda amosou a súa indignación pola demora de España en dar resposta ás dúbidas europeas e pola negativa a realizar unha nova investigación técnica independente do accidente
Pola súa banda, Ana Miranda amosou a súa indignación pola demora de España en dar resposta ás dúbidas europeas e pola negativa a realizar unha nova investigación técnica independente. Ana Miranda vén sendo desde que ocorreu o accidente a política que máis está axudando ás vítimas do sinistro nas súas xestións ante a Unión Europea. Coa súa mediación conseguiuse en 2016 que a Comisión Europea fixese público un informe da súa axencia ferroviaria que evidenciou as eivas da investigación técnica oficial española que só apuntou ao maquinista. Aquel informe e a actuación da axencia europea resultaron fundamentais para que a causa penal apuntase tamén a un ex-director de seguridade de Adif por non realizar unha correcta avaliación de riscos da curva de Angrois, cuestión pola que tamén será xulgado xunto co maquinista no xuízo que comezará en outubro.