En 2021 a entrega dos galardóns retornou ao día 25 e correu por conta do Rei de España tras sete anos desprazada ao 24, ao que volve este ano malia as críticas dos afectados polo accidente por tapar as súas reivindicacións e o baleiro de celebracións oficiais no día grande
Celebracións relixiosas, militares, políticas ou da cidadanía serán as protagonistas novamente este ano no Día Nacional, o 25 de xullo, tras confirmar a Xunta que o seu principal acto, a entrega das Medallas de Galicia, volverá adiantarse ao día 24. O Goberno galego mudou por primeira vez esa celebración á véspera en 2014 malia ás críticas da plataforma de vítimas de Angrois que ven nesa decisión un xeito de tapar as súas reivindicacións sobre o accidente.
A entrega das medallas volveu puntualmente o ano pasado ao 25, coincidindo cunha visita a Santiago do Rei Felipe VI que o fixo protagonista do acto, pero este ano retorna ao 24, á hora exacta en que as vítimas de Angrois prevén ler no Obradoiro o seu manifesto anual.
O conflito polas datas de celebración por parte da Xunta do Día Nacional comezou en 2014. Ata aquel ano as medallas, única celebración dos gobernos de Feijóo tras os actos civís que organizara a coalición de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009, entregáranse o día 25. A entrega das medallas de 2013 cancelouse tras o accidente de Angrois ocorrido a última hora da tarde do día 24, e no ano seguinte o Goberno galego decidiu premiar ás vítimas, a veciñanza de Angrois e o persoal de emerxencias que actuou no sinistro. E no día 24 quedaron desde aquela malia as críticas da plataforma de vítimas, a organización máis representativa das mesmas, que considera que o desprazamento da celebración tapa as súas reivindicacións.
A entrega das medallas será á mesma hora en que a plataforma de vítimas prevé concentrarse no Obradoiro e ler o seu manifesto reivindicativo
Malia asegurar desde 2014 que o feito de desprazar a entrega das medallas ao 24 se debe ao desexo de lembrar o accidente de Angrois, o pasado ano o Goberno galego decidiu obviar esa lembranza e devolver as medallas ao día 25, coincidindo cunha visita a Santiago de Felipe VI, que se converteu en protagonista do principal acto da Xunta apelando ao apóstolo como símbolo “da unidade de España”. Pero este 2022 as medallas volven ao 24, á mesma hora, a unha da tarde, en que a plataforma de vítimas prevé ler no Obradoiro o seu manifesto, tras partir en manifestación desde a estación de trens de Santiago unha hora e media antes.
Pola tarde do mesmo día 24, os afectados polo accidente volverán concentrarse ás 19 horas na curva de Angrois, onde volverán celebrar un acto de lembranza das 80 persoas falecidas hai agora nove anos.
Ao día seguinte, o 25, as celebracións principais correrán por conta da Igrexa, aínda que nelas participen cargos do Goberno galego, que volve optar así por un perfil baixo para o Día Nacional.