“A xustiza tamén descarrilou”, di a plataforma de afectados, que lembra os obstáculos sofridos na investigación penal que aínda chegará a xuízo en outubro
Este domingo, 24 de xullo, fará 9 anos do accidente de Angrois. Como cada ano, a plataforma de vítimas do accidente manifestarase pola mañá en Santiago, entre a estación de trens e a praza do Obradoiro, onde lerán un manifesto, e pola tarde concentraranse na curva da Grandeira en lembranza das 80 persoas falecidas. Pero este venres xa avanzaron algunhas das ideas principais das súas protestas e reivindicacións deste ano, coa vista posta no xuízo penal que comezará a celebrarse en Santiago o 5 de outubro co maquinista e un ex-director de seguridade na circulación de Adif como acusados.
A plataforma de vítimas pon o foco na lentitude da investigación xudicial que aínda agora chega a xuízo, cando “algunhas vítimas e familiares xa faleceron” e xa non obterán nunca xustiza. Reprochan que “a xustiza tamén descarrilou”, pero inciden especialmente en como “durante anos a maquinaria do Estado traballou para eximir a responsabilidade de quen foron neglixentes, tratando por todos os medios de botar toda a culpa ao último elo da cadea, o maquinista, evitando calquera tipo de responsabilidade e contaminando á opinión pública con mentiras”.
“Non nos van calar e non deixaremos de loitar ata o final para que se faga xustiza, a opinión pública coñeza toda a verdade, se asuman responsabilidades e se nos pida perdón polo trato recibido”
Os afectados lembran como o Ministerio de Fomento, Renfe e Adif tentaron ocultar e demorar a entrega de documentos ao xulgado. Ou como a Xunta impuxo ao xuíz como peritos a funcionarios seus sen experiencia en materia ferroviaria. Pero tamén diversos erros cometidos polo propio xulgado durante a instrución que a demoraron máis do debido. E insisten en reclamar unha nova investigación técnica do sinistro, á marxe da penal, que tamén vén sendo requirida pola Unión Europea despois de que a que no seu momento fixo Fomento puxese o foco só no maquinista.
Estas e outras cuestións volverán ser salientadas pola plataforma de vítimas no manifesto que lerán no Obradoiro este domingo, á mesma hora que a Xunta entregará as Medallas de Galicia, acto que o Goberno galego vén desprazando á véspera do Día Nacional malia as protestas dos afectados polo accidente, que consideran que é un xeito de tentar restar visibilidade ás súas reivindicacións. “Non nos van calar e non deixaremos de loitar ata o final para que se faga xustiza, a opinión pública coñeza toda a verdade, se asuman responsabilidades e se nos pida perdón polo trato recibido”, conclúen as vítimas.