Tras dous anos constrinxida polas restricións da pandemia, o BNG recupera neste 2021 a súa tradicional campaña do Día da Patria que desemboca, o propio 25 de xullo, cunha manifestación en Santiago. Desta volta foi a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, a encargada de presentar unha acción política que a formación pretende levar alén do propio Día Nacional en dúas liñas: a reclamación de medidas para paliar a crise de prezos e a súa propia presentación como, di Pontón, a "forza da maioría da sociedade galega".
Baixo o lema Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha, a líder do Bloque explica que o seu chamamento pasa por que participen nesta campaña "todas as persoas que queren unha saída xusta, social e galega" á actual crise. Porque tamén, di, pretenden "trasladar a mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, un cambio que pasa por facernos valer como país" e que, augura, "xa se vai deixar sentir nas eleccións municipais" de amio de 2023.
Neste contexto, a reivindicación soberanista comparte espazo nas mensaxes do BNG cara ao 25 de xullo coa afirmación de que "todos os gobernos deberían poñer as persoas no centro das súas políticas, salvar a maioría social e evitar que esta a crise a paguen as mesmas e mesmos de sempre". Ao seu xuízo, o Goberno de España está a poñer "parches, pero sen achegar medidas valentes" e o Executivo galego do PP simplemente está "ausente, cun presidente insubstancial" máis centrado en "buscar escusas e a quen botar a culpa" que en "buscar solucións".
A portavoz nacional do Bloque chama a sumarse á mobilización do 25 de xullo a "todas as persoas que queren unha saída xusta, social e galega" á crise de prezos. "Cada vez son máis as persoas que queren un cambio e saben que o BNG é o motor", afirma
Pontón sitúa o BNG como a "contraposición" a ambas posturas. O 25 de xullo, explica, presentarase como "a forza política da maioría", un "espazo de cambio, de ilusión e esperanza para esa maioría social" á que, asegura, hai que priorizar "fronte ás eléctricas, ás petroleiras e ás grandes multinacionais". "Convidamos a mobilizarse a todos os galegos e galegas que defenden algo tan de sentido común como que un traballador ou traballadora poida chegar a fin de mes", sintetiza.
Pontón encadra a campaña do Día da Patria na intensa axenda de encontros que ela mesma e outros cargos do Bloque veñen mantendo por todo o país. Trátase, defende, dunha axenda na que, "con humildade, pero con toda a convicción" pretenden "seguir sumando cidadanía para o cambio". "Cada vez son máis as persoas que queren un cambio e saben que o BNG é o motor para construír unha Galiza mellor", asegura, porque "cada vez hai máis galega se galegos que se preguntan por que temos que depender dos alimentos de fóra mentres temos un rural abandonado, por que temos o territorio cheo de eólicos e encoros mentres pagamos unha factura da luz desorbitada ou por que no noso litoral e no noso mar deciden nos despachos de Madrid".