A portavoz nacional do BNG vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa axenda en clave local. A menos dun ano das eleccións municipais, Ana Pontón vén visitando diversos concellos gobernados polo Bloque para sinalalos como referencias para a xestión que realizaría un eventual Goberno galego encabezado pola formación, visitas que combina con encontros sectoriais en diversos ámbitos sociais e económicos.
A portavoz nacional do BNG vén desenvolvendo unha intensa axenda en clave local, nestes días centrada na provincia de Lugo
O percorrido ten esta semana varias paradas na provincia de Lugo. Este mércores, Pontón visitou Ribadeo, onde o BNG encabezado polo alcalde Fernando Suárez goberna dende 2007, actualmente e dende hai tres mandatos, con maioría absoluta. A vila, di a líder soberanista, é un exemplo de "transformación en positivo a prol da veciñanza en moitos ámbitos, dende a reurbanización e recuperación de espazos públicos á aposta polo comercio local" ou o coidado do patrimonio cultural. Outro dos focos da visita foi a residencia da terceira idade, que o Concello puxo en marcha en colaboración coa Deputación de Lugo.
Pontón, Suárez e outros membros do BNG visitaron un centro que "é un dos proxectos emblemáticos do equipo que lidera Fernando Suárez", que "teimou en contar con este equipamento social malia non ser competencia municipal e malia á total falta de apoio da Xunta" do PP. Neste sentido, o propio rexedor afirma que se algo achegou o Goberno galego á residencia foron "paus nas rodas", se ben "finalmente foi posible coa colaboración leal entre Deputación e Concello e co apoio da veciñanza".
Pontón defende que a residencia de Ribadeo, impulsada polo Concello coa Deputación lucense, supuxo "unha declaración de principios de como se poden poñer os dereitos das persoas maiores por diante do negocio"
Para o Bloque, centros coma o de Ribadeo son un bo guieiro para o que farían se chegan á Xunta. Trátase dunha residencia con algo menos de 50 persoas e situada dentro da vila, que saíu adiante fronte "a un Goberno da Xunta que mirou para outro lado e non cumpriu". Trátase dun centro que tamén, di, foi "toda unha declaración de principios de como se pode poñer por diante do negocio privado os dereitos das persoas maiores, por iso podemos visitar a única residencia pública que ten este concello".
"O BNG defende un modelo de residencias público que garanta o dereito a unha vellez digna, algo que en Ribadeo xa é realidade ao contar cun centro público e próximo ao seu lugar de residencia habitual", sinala Pontón. Mentres, lamenta, "o PP votou en contra do modelo de residencias público que vimos de defender no Parlamento" porque "segue teimando na privatización dos coidados ás persoas maiores".
Tras a visita a Ribadeo, a axenda de Pontón na provincia de Lugo continúa en clave económica e cultural este xoves en Friol. Alí ten previsto visitar "diversos proxectos de economía rural sustentable promovidos por mulleres": Traloagro, que comercializa carne vacúa ecolóxica; a Panadería Concha e a Queixaría Ecolóxica Bértolos e Serranos. Ten previsto visitar, ademais, o museo do castelo de San Paio de Narla, onde está en marcha un "proxecto que pon en valor o traballo das mulleres no rural".