Mentres na campaña do 29N rexorde por enésima vez a amizade de Feijóo co condenado por narcotráfico, o PSdeG sinala o "valor simbólico" de que unha das súas antigas propiedades vire en pisos públicos e lanza convite: "Pedro Sánchez non terá problema"
O Concello da Illa aprobou o pasado outubro mercar un edificio incautado a Marcial Dorado para habilitar nel quince pisos de promoción pública. Para o facer, o goberno local do socialista Luis Arosa solicitou ao Plan Nacional sobre Drogas retirar a construción da poxa que ultimaba a Sociedade Mercantil estatal de Gestión Inmobiliaria de Patrimonio (SEGIPSA) con diversas propiedades do Fondo de Bens Decomisados por Tráfico Ilícito de Drogas e outros Delitos Relacionados.
Mediante un crédito de 1,3 millóns, o goberno local arousán abordou a operación apenas un ano despois de adquirir outros terreos igualmente incautados a Dorado no marco da condena que o ligara de vez por sentenza xudicial ao narcotráfico. Agora, ás portas das eleccións xerais do 29N e mentres na campaña rexorde por enésima vez a amizade de Alberto Núñez Feijóo co condenado, o PSdeG lanza o reto de que o presidente do Goberno de España que sexa investido tras o 29N inaugure os pisos públicos que o Concello ofrecerá no devandito edificio.
Xunto co alcalde da Illa, o cabeza de cartel do PSdeG ao Congreso por Pontevedra, Abel Losada, resaltou o que considera "fondo valor simbólico deste futuro edificio de vivendas de alugueiro público". Máis aínda, sinala agora "que as amizades de Marcial Dorado volven aparecer no panorama mediático español, aínda que sexa nunha entrevista dun youtuber", en referencia a Jordi Wild.
Abel Losada, número un socialista por Pontevedra, insta a Xunta a colaborar co proxecto dada a "ausencia total de construción de vivenda pública" do Goberno galego na comarca
"Por este motivo -cre- o complexo debería ser inaugurado polo presidente do Goberno de España que resulte elixido tras o proceso electoral". "Se é Pedro Sánchez seguro que non terá ningún problema" pero se fose Alberto Núñez Feijóo, coida o socialista, "igual ten que pensalo un pouco máis",
Alén da referencia á amizade de Feijóo con Dorado, reflectida mediaticamente a través das fotografías vacacionais de ambos no tempo en que o ex-presidente e agora líder estatal do PP dirixía o Sergas, Losada aplaude que o Concello da Illa "non só tivese o tal ento de adquirir este inmoble". Tamén, coida, demostra "a ausencia total de construción de vivenda pública" na contorna "por parte de quen lle corresponde, a Xunta, tanto na Illa como no conxunto da comarca".
Neste contexto, sostén o candidato do PSOE por Pontevedra ao Congreso, ao Goberno galego tócalle "estar á altura" e "poñerse a colaborar" co Concello. A maneira debera ser que sexa a Xunta quen "asuma a finalización da execución da obra para rematar as vivendas" e "habilite os mecanismos para compensar economicamente o Concello polo investimento asumido nesta adquisición", conclúe.