O Concello da Illa mercará un edificio incautado a Marcial Dorado para facer vivendas públicas

Edificio incautado a Marcial Dorado que o Concello da Illa se dispón a mercar para transformalo en vivenda pública © Concello da Illa

A Sociedade Mercantil estatal de Gestión Inmobiliaria de Patrimonio (SEGIPSA), unha empresa pública dependente da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado", atendeu este pasado 21 de outubro a orde da Dirección Xeral para o Plan Nacional sobre Drogas e retirou un edificio da Illa de Arousa da poxa que, o vindeiro novembro, tentará vender case unha trintena de propiedades do Fondo de Bens Decomisados por Tráfico Ilícito de Drogas e outros Delitos Relacionados. Trátase dun inmoble incautado a Marcial Dorado que o Concello da Illa quere converter nunha quincena de vivendas públicas.

O Estado retira da poxa prevista para novembro o inmoble que o consistorio prevé mercar cun crédito de 1,3 millóns e habilitar nel 15 pisos públicos

O edificio está situado nunha parcela próxima ao peirao do Xufre, que consta como rústica no Rexistro e como urbana no catastro. O inmoble, en situación de abandono tras quedar paradas as obras ao 63%, segundo a documentación de SEGIPSA, ten tres andares para 15 vivendas. Dúas delas -unha no primeiro piso e outra, no ático- están comprometidas como parte das cargas que pesan sobre o edificio. Os propietarios orixinais do terreo cedérano ante un notario de Cambados a Petrogalicia, unha das empresas do entramado de Dorado, acordando como "contraprestación" recibiren cadanseus pisos.

Imaxes e planos do edificio de vivendas en construción incautado a Marcial Dorado na Illa de Arousa © Plan Nacional sobre Drogas - Ministerio de Sanidade

Explica o alcalde socialista da Illa, Luis Arosa, que goberna en coalición co BNG, que o consistorio prevé financiar a operación mediante un crédito de 1,3 millóns de euros "cun pagamento aprazado de dez anos" a partir de 2027. O plan municipal é que "os dous grandes baixos comerciais do edificio poidan transformarse tamén en vivendas", polo que o total seguirían sendo quince. "Onde antes houbo diñeiro do narcotráfico queremos que haxa fogares, familias e futuro", sinala Arosa sobre as "posibilidades desta actuación" de vivenda pública.

O goberno local xa adquirira en 2025 ao Plan Sobre Drogas outros terreos que foran de Dorado para 70 vivendas públicas máis e dotacións coma un parque

"O Concello -abonda o rexedor- leva comprometidos máis de 1,6 millóns de euros en materia de vivenda pública, sumando esta actuación e os terreos adquiridos" e "seguimos traballando para facer realidade as vivendas da avenida da Ponte, outros solo fan notas de prensa". "Porque -conclúe- vivir na Illa de Arousa é un privilexio, pero non pode converterse nun luxo".

Os "terreos adquiridos" aos que se refire ao rexedor procedían tamén do patrimonio incautado a Marcial Dorado e a compra foi asinada polo Concello a finais de 2025. Daquela, por 361.000 euros, o goberno local da Illa mercara unha parcela na avenida da Ponte para promover unhas 70 vivendas públicas e ao tempo, "evitar que caese na especulación urbanística" ao ser "un soar moi atractivo" e tamén unha contorna do monte do Outeiro para transformala en parque forestal. Antes o Concello da Illa xa mercara outra parcela igualmente incautada a Dorado no marco da condena que o ligou de vez por sentenza xudicial ao narcotráfico, aqueloutra para incorporala á bolsa de solo precisa para construír un pavillón deportivo.

Portada de 'El País' que en 2013 revelou a amizade de Feijóo con Marcial Dorado nos anos 90, cando o ex-presidente dirixía o Sergas © El Páis

O Goberno de España celebrara aquelas operacións a través do seu subdelegado en Pontevedra, Abel Losada -que vén de deixar o cargo para encabezar a lista do PSdeG ás xerais-. Losada considerara un acto de "xustiza poética" que terreos para dotacións públicas saísen "do patrimonio ilegal de Marcial Dorado", un "coñecido narcotraficante que todos coñeciamos ben en Galicia", se ben "no seu día tiña algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e que o que fixo durante 14 anos foi unha auténtica folga de brazos caídos en todo o que ten que ver coas políticas de vivenda pública", sinalou en referencia á controvertida amizade de Alberto Núñez Feijóo con Dorado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.