"É un día histórico; onde antes había escuridade, sae o sol", ilustra o alcalde da Illa de Arousa tras rubricar ante notario a adquisición de parcelas ao Plan Nacional sobre Drogas
"É un día histórico para A Illa de Arousa". Nestes termos se expresaba este 9 de decembro o alcalde da Illa, o socialista Luis Arosa, tras asinar ante notario a compra ao Plan Nacional Sobre Drogas, a entidade estatal xestora dos bens comisados aos narcos, de senllos terreos que foran incautados a Marcial Dorado e que agora, tal e como avanzara, serán dedicados a construír vivenda pública e mais a un novo parque.
O rubricado este martes, destaca Arosa, é "un paso decisivo que transforma un espazo que durante anos estivo marcado pola escuridade e que, desde hoxe, abre as portas a un novo futuro". "Onde antes había escuridade, agora sae o sol", ilustra a respecto dunhas parcelas que o consistorio adquire do Ministerio de Sanidade por 361.000 euros, importe avanzado a finais do pasado 2024, cando o Plan Nacional Sobre Drogas as retirou dunha poxa ao saber oficialmente do interese do Concello arousán.
Os terreos cuxa compra vén de ser asinada van, agrega o rexedor, "garantir oportunidades e acceso a un fogar digno" mediante a construción de vivenda públicas -o goberno local calcula que pode construír uns 70 pisos no lugar-. E tamén van promover "o goce da veciñanza e a protección da nosa contorna" no monte do Outeiro, transformado en parque forestal.
O Goberno de España cualificara como "xustiza poética" que propiedades procedentes do "patrimonio ilegal" dun "coñecido narcotraficante" acaben acollendo servizos públicos
A compra destes dous terreos únese a outra, asinada o pasado febreiro e pola que o Concello mercou unha terceira parcela igualmente incautada a Dorado no marco da condena que o ligou de vez por sentenza xudicial ao narcotráfico. Naquel caso, por 10.500 euros, o consistorio agregou solo á bolsa que precisa para construír un novo pavillón deportivo.
A finais de 2024, cando o Goberno de España confirmou a posibilidade de que o Concello da Illa adquirise os terreos, os seu subdelegado na provincia de Pontevedra, Abel Losada, cualificaba como "xustiza poética" que as parcelas que foran de Dorado acaben acollendo servizos públicos. "Toda Galicia e toda España deben saber que o edificio de vivendas públicas que aquí se vai construír e que o parque público do monte do Outeiro saíron do patrimonio ilegal do señor Marcial Dorado", sinalaba
Neste contexto, a xuízo de Losada cabía lembrar que Dorado "é un coñecido narcotraficante que todos coñeciamos ben en Galicia". "Ben, parece que todos non, practicamente todos", ironizaba nun contexto no que, lembra, "no seu día tiña algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e que o que fixo durante 14 anos foi unha auténtica folga de brazos caídos en todo o que ten que ver coas políticas de vivenda pública".