O Concello da Illa de Arousa confirma a compra de dous terreos incautados ao narco tras lograr que o Plan Nacional sobre Drogas os excluíse dunha poxa
"Xustiza poética". É o resumo que ao subdelegado do Goberno de España na provincia de Pontevedra, Abel Losada, lle merece que tres terreos incautados a Marcial Dorado no marco da condena que o ligou de vez por sentenza xudicial ao narcotráfico vaian acabar acollendo infraestruturas para o beneficio da veciñanza da Illa de Arousa como vivenda pública, un parque ou un pavillón deportivo.
Canda o alcalde da Illa, o tamén socialista Luis Arosa, Losada confirmou este xoves que o consistorio vai poder mercar por 361.000 euros esas dúas parcelas ao Plan Nacional sobre Drogas. A entidade estatal xestora dos bens comisados aos narcos retirounas da poxa que tiña organizada a finais do pasado novembro ao saber oficialmente do interese municipal, como xa fixera anteriormente con outra máis.
En total, son uns 3.000 metros cadrados que pasarán á propiedade municipal mediante un pagamento en "cómodos prazos", mantén o rexedor. No caso dunha destas parcelas, a situada na avenida da Ponte, o goberno local prevé promover unhas 70 vivendas públicas. O Concello tiña especial interese en poder mercala para evitar que "caese na especulación urbanística" ao ser "un soar moi atractivo ao ter edificabilidade de baixo, dous andares e baixo cuberta, a máxima permitida na Illa".
A parcela que acollerá uns 70 pisos públicos ten a máxima edificabilidade permitida na Illa e o goberno local procurou tamén evitar que "caese na especulación urbanística" e empregala para "fixar poboación"
Agora, celebra o rexedor, estamos "nun día de festa" porque poderá empregarse a parcela para "fixar poboación nun municipio que, polas súas características, ten moi pouco solo edificable". Para impulsar estes pisos, agrega Arosa, o Concello recibiu axuda da Sociedad Estatal de Promoción del Suelo (SEPES), adscrita ao Ministerio de Vivenda. Tamén, agrega o alcalde, contactou mediante "tres cartas" coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, pero polo momento "sen recibir resposta".
O outro terreo cuxa adquisición polo Concello da Illa confirmaron Losada e Arosa este 26 de decembro está situado no monte do Outeiro. Será transformado en parque mediante a limpeza e apertura de sendas. Súmanse a un terceiro terreo na contorna do Testo, coa compra máis avanzada para incorporala á bolsa de solo que o Concello precisa para construír un pavillón deportivo.
"Este non só é un acto de xustiza social; é sobre todo un acto de xustiza poética", defende Abel Losada, dende cuxo punto de vista non hai "mellor fin para dúas propiedades confiscadas polo Estado a Marcial Dorado que a construción de vivendas para a xente que máis o necesita e un parque público". Toda Galicia e toda España deben saber que o edificio de vivendas públicas que aquí se vai construír e que o parque público do monte do Outeiro saíron do patrimonio ilegal do señor Marcial Dorado", natural da Illa, enfatiza.
"Marcial Dorado é un coñecido narcotraficante e no seu día tivo algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e o que fixo en 14 anos foi unha folga de brazos caídos en políticas de vivenda pública"
Cómpre poñer o foco, defende Losada, en que Dorado "é un coñecido narcotraficante que todos coñeciamos ben en Galicia". "Ben, parece que todos non, practicamente todos", ironiza nun contexto no que, lembra, "no seu día tiña algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e que o que fixo durante 14 anos foi unha auténtica folga de brazos caídos en todo o que ten que ver coas políticas de vivenda pública".
Neste sentido, o subdelegado gobernamental tamén cre relevante sinalar que a compra acredita "o papel dos concellos como impulsores directos da construción de vivenda social". "É importante visualizar" que esta política tamén pode ser "perfectamente municipal" e por iso o Goberno de España, agrega, apoia accións coma esta.