O alcalde de Ribadeo, ante as promesas da Xunta: "Só veñen ás misas, aos petiscos e a dar medallas"

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo (segundo pola dereita), visitando unha obra co presidente da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Hai máis de década e media que o PP non goberna en Ribadeo. Dende aquela o bastón de mando na vila da Mariña estivo nas mans do PSdeG de 2003 a 2007 e, dende aquela, a alcaldía osténtaa Fernando Suárez (BNG), os últimos dous mandatos con maioría absoluta. Na última década foron diversos os desencontros entre o Concello e a Xunta, á que o goberno local lle veu demandando maior compromiso en ámbitos como a prevención de incendios forestais ou diversas obras pendentes. O máis recente está vinculado aos arranxos no campo de fútbol Pepe Barrera, moi deteriorado tras anos sen arranxos de relevancia, e vén de derivar en abertos reproches. Os representantes do Goberno galego, reprocha o alcalde, só acoden a Ribadeo "ás misas, aos petiscos e a entregar medallas".

O Concello de Ribadeo cifra en 400.000 euros os fondos necesarios para rehabilitar o campo de fútbol Pepe Barrera e solicita 175.000 de axuda á Xunta, que ofrece apenas 46.000. "Non deron un can para a residencia de maiores e agora non dan para o campo de fútbol; nin para maiores nin para a xuventude", resume o alcalde

Dende hai meses o propio alcalde vén expoñendo os cálculos que manexa o goberno local para arranxar o recinto deportivo: 175.000 euros da Deputación, outro tanto da Xunta e 50.000 das arcas municipais. Pero a Xunta apenas prevé 46.000. "Dende o Concello -di o alcalde- somos serios e tratamos de facer as cousas como é debido" e por iso neste caso "queremos facer un novo campo con seriedade, coa renovación total do céspede" no que xogan o Ribadeo CF e a SD Ribadeo, o cal tamén implica "nivelalo, porque hai un metro e medio de desnivel dunha esquina a outra". Ademais, cómpren "novas canalizacións, darlle saída ao saneamento" ou "canalizar o futuro alumeado", entre outras actuacións.

"Todo isto custa máis de 400.000 euros e o que nos veñen dicir é que non ofrecen nin o 10%", lamenta Suárez, a cuxo xuízo "xa se ve o compormiso da Xunta do PP con Ribadeo en todos estes anos e agora non ofrecen nin unha décima parte do que custa esta obra". "Non deron un can para a residencia de maiores e agora non queren dar nada para o campo de fútbol". "Nin para os maiores nin para a xuventude", resumiu o alcalde ribadense, visiblemente molesto.

Balseiro, no Pepe Barrera con responsables dos clubs de fútbol e o candidato do PP na vila CC-BY-SA Xunta

O malestar no goberno de Ribadeo aumentou despois de que a Xunta decidise anunciar sobre o terreo a achega que prevé. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acudiu ao Pepe Barrera para, formalmente, reunirse con directivos dos clubs que alí xogan. Na súa calidade de cargo do Goberno galego, pero acompañado polo candidato do PP na vila, o tamén deputado Daniel Vega, Balseiro evidenciou que "o terreo de xogo non está na mellor situación" e confirmou que a Xunta ten reservados 46.250 euros para "colaborar coas obras de drenaxe e renovación do céspede".

Fernando Suárez: "O inefábel Balseiro é un miserábel, el e toda a condómina que están co discurso de non achegar nada porque non somos da súa corda. O que pasa é que a xente sabe e está farta destas actitudes da Idade Media, que é onde esta xente do PP nos quere levar"

Balseiro, un dos principais dirixentes do PP na Mariña, condicionou o investimento a "articular as vías de colaboración co Concello" mediante "un convenio ou acordo formal" e considerou evidente a "vontade" da Xunta para "implicarse" no proxecto. A visita foi rapidamente respondida polo alcalde: "O inefábel Balseiro é un miserable, el e toda a condómina que están co discurso do odio, de non achegar nada porque non somos da súa corda. Foron, son e serán uns miserábeis", acusa Suárez, quen lamenta que "os representantes da Administración autonómica só veñan a Ribadeo ás misas, aos petiscos e a entregar medallas".

"O que pasa -advirte o alcalde- é que a xente sabe, oe e está farta destas actitudes da Idade Media, que é onde está esta xente do PP e onde nos queren levar". Por iso, advirte, cómpre lembrar que "a última actuación que fixo a Xunta en materia de infraestruturas deportivas" se remonta ao ano 2009. "Dende aquela, nin un triste can". "Nós somos xente de paz, aberta, dialogante con todo aquel que queira dialogar para chegar a acordos, xente optimista, ilusionada e traballadora", di Suárez, quen matiza que "o que non somos é xentiña da longa noite de pedra". "Temos dignidade e habémoslello demostrar", advirte. Mentres, conclúe, "tentaremos falar e dialogar con quen se pode, isto é, coa Deputación de Lugo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.