O alcalde de Ribadeo defende cobrar a auga ao Exército: "Tratamos a todo mundo igual, civil ou militar"

Vista do aeródromo de Vilaframil (Ribadeo), onde se desenvolveron parte das manobras © Club Aéreo de Ribadeo

A mediados de setembro 450 soldados dos tres exércitos españois desenvolveron durante unha semana diversos adestramentos e manobras na Mariña lucense, concretamente en Vilaframil (Ribadeo) e na contorna do concello lindeiro de Barreiros. No caso do municipio ribadense o Grupo de Artillería Antiaérea das forzas armadas tramitou ante o Concello a petición de utilizar catro colectores do lixo e a súa correspondente recollida de refugallos, así como o servizo de abastecemento de auga. Unha vez concluídos os exercicios o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG) ratificou que o Concello pasará á institución militar a correspondente factura polos servizos prestados, uns 1.200 euros, un xesto de "normalidade" para o rexedor que bateu con duras críticas da oposición municipal, encabezada polo PP.

"En Ribadeo tratamos a todo o mundo por igual, sexa civil ou militar", sinala Suárez, cuxo grupo de goberno conta con 10 dos 17 edís do consistorio. "Quero abordar esta suposta polémica, que parece qeu está dando moito que falar" mentres "dende o goberno municipal nos parece absolutamente normal". "Para nada cremos que esteamos equivocados" por tratar en condicións de "igualdade" a quen "veña aquí uns días". "A polémica é porque o Concello cobrou a auga que consumiron 450 militares que estiveron uns días e se lles cobrou polo lixo que depositaron. Pois claro, normal; que íamos facer?", pregúntase.

Suárez retruca así ás duras críticas do voceiro municipal do PP, Jesús López Penabad, quen, segundo recolle a edición local de La Voz de Galicia, cualifica de "penosa" a decisión adoptada polo Concello e o feito de que "Ribadeo sexa noticia por isto". "Cando dende o Concello presumen de boa xestión económica, de ter superávit, por non cobrar auga e lixo ao Exército non se ían arruinar", di. No entanto, a cerna do argumentario conservador é a comparación con Barreiros. Se Suárez "se quería facer ver, o que tiña que facer era ir despedir os militares, como fixo o alcalde de Barreiros", o popular Alfonso Fuente, "porque por aquí pasaron 450 persoas durante cinco días, algún gasto fixeron", remata.

O PP carga contra a "penosa" decisión do goberno de Fernando Suárez (BNG) e ínstao a seguir o exemplo de Barreiros

Suárez responde dende a retranca á comparación con Barreiros. "Algúns -di- escúdanse en que hai concellos próximos que non lles fixeron isto e que ademais lle asfaltaron un camiño. Parécenos moi ben que ese Concello faga o que estime conveniente, pero dende logo ese Concello, para nós, non é modelo de nada", di, en referencia ás controversias urbanísticas e de xestión que acompañan o goberno do PP en Barreiros. "Para nós todos os cidadáns e cidadás son iguais, leven pucha, birrete ou nada" e por iso "teñen que pagar, sexa militares ou non, polo uso que fixeron, concretamente en Ribadeo da recollida do lixo e da auga".

O alcalde defende a "normalidade" de que o Concello cobre ao exército pola auga que consumiu e a recollida de lixo que solicitou

"Ou é que os veciños de Ribadeo e os que non son veciños pero teñen aquí unha segunda residencia non pagan?", cuestiona, ao tempo que lembra que o Concello "ten que pagar o que lle corresponde á Deputación, a FEVE ou a Costas" cando usa os seus servizos, exemplifica. Nesta liña, o rexedor pregúntase "por que algúns compañeiros da oposición se amilagran e din que aos miliatres non lles debemso cobrar?". "Máis alá de ditos retranqueiros de que en Ribadeo cada un paga o seu, realmente é así; tivemos que desviar a liña do camión do lixo para recollérllelo, o que supuxo gastos e tempo, e tivemos que cobrarlles os metros cúbicos de auga que consumiron".

 

 

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, intervindo nun acto público recente © Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.