As traballadoras do centro de día para persoas maiores de Ribadeo, dependente da Xunta, levaban uns tres meses a preparar actividades vinculadas ao Día contra a Violencia de Xénero, que se conmemora este 25 de novembro. Incluían diversas accións de sensibilización como a gravación dun vídeo no que, co apoio da canción Puerta violeta, as persoas usuarias do centro "pintan, conversan, partillan, aprenden, cantan e bailan" mentres traballan a importancia de rexeitar a violencia machista.
Todo estaba preparado para presentar estes traballos o pasado día 23, xornada sinalada en Ribadeo para os principais actos vinculados ao Día contra a Violencia de Xénero, que o concello mariñao celebra como parte da campaña En negro contra as violencias machistas. Pero no inicio da pasada semana ao centro chegou un aviso. "Informáronme -relata unha das traballadoras do centro- de que a Consellería de Política Social nos impide participar, secundar e apoiar calquera campaña en relación ao 25 de Novembro que non sexa a campaña institucional da Xunta de Galicia".
"Informáronme de que a Consellería de Política Social nos impide participar, secundar e apoiar calquera campaña en relación ao 25 de novembro que non sexa a da Xunta", asegura unha traballadora do centro de día para persoas maiores de Ribadeo
A advertencia foi interpretada polo persoal como un acto de censura, pero tamén como unha "imposición irracional e de tintes políticos" por estar ligada ás actividades municipais e, daquela, á campaña En Negro. Foi por iso polo que esta traballadora decidiu facer chegar o seu malestar á nova conselleira de Política Social, Fabiola García, mediante dunha carta achegada a través do Rexistro Xeral da Xunta. Nesa misiva, á que tivo acceso Praza.gal, a traballadora do centro de día advirte á Consellería que a súa advertencia implicou "dicir non a un proxecto transversal e en equipo que leva xestándose tres meses coa colaboración e participación de toda a comunidade", consciente de que "as violencias machistas son unha preocupación da cidadanía en xeral".
A traballadora dirixiuse cunha carta á conselleira de Política Social para denunciar o que considera unha "imposición irracional e de tintes políticos" que botou por terra un traballo de tres meses cos maiores
"Din non a un proxecto inclusivo", a "unha intervención terapéutica centrada nas persoas maiores" na que "empregamos a linguaxe de signos para potenciar capacidade físicas, visuais e espaciais; a memoria, o ritmo, a psicoafectividade". "No código deontolóxico da Consellería", agrega, "sinálase o valor do compromiso, da satisfacción, da implicación, do orgullo de pertenza". Todo iso, advirte, "inclúeo o acto e o vídeo creado" e por iso "un non á participación é un freo á humanidade, á sensibilidade". Para ela, ese "non" tamén foi "violencia, porque se está a empregar a forza xerárquica para dominar e impoñer" mentres o centro quixo "poñer no centro as vidas das mulleres e das persoas usuarias", cos maiores como motor. "Este non, tomado dende un despacho, non valora o factor humano, é unha decisión sen empatía, totalmente insolidario".
A carta da traballadora dirixida á conselleira García remata cunha advertencia. "O 'non' da Consellería resta e non é o momenot de restar, porque as violencias machistas son unha lacra social na que temos a obriga de sumar". "Rebélome contra esta imposición irracional e de tintes políticos e non, calada non estou máis guapa", remata a misiva, a cuxo contido íntegro tivo acceso este xornal.
A versión da Consellería
Política Social afirma que non "prohibiu" secundar outras campañas, senón que "lembrou" cal era a "oficial" da Xunta para este 25N
A preguntas de Praza.gal na Consellería de Política Social admítese a recepción da devandita carta, a existencia da protesta e tamén o envío dunha "circular" a centros coma este a respecto da campaña do 25 de novembro. Pero a intención desa carta, di un voceiro oficial do departamento, non foi "prohibir", senón "lembrar" que a "única campaña oficial" da Xunta polo día contra a violencia machista "era esta", a promovida dende a Secretaría Xeral de Igualdade. "Non se prohibiu nada", reitérase dende Política Social, que ademais agrega ter coñecemento de que dende o centro de día "sumáronse" á campaña do Concello de Ribadeo sen que isto vaia supoñer "ningún expediente" ao persoal.
A motivación da circular sobre a campaña, segundo Política Social, está motivada na "obriga" de "lembrar" que a campaña "oficial" é a da Xunta. Pero o maior "interese" da Consellería, subliña o mesmo voceiro, é que dende os centros que dependen dela tamén se "proteste contra a lacra da violencia de xénero", conclúen.