CRÓNICA | Un balcón espido fronte ao "máis grande de Galicia"

Balconadas do Pazo de Raxoi correspondentes ao concello de Santiago (esquerda) e á Xunta (dereita) CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 15 de novembro máis de 70 concellos tiñan unha cita na compostelá Praza do Obradoiro. O simbólico punto de encontro foi o lugar elixido para rubricaren a súa unión en torno á campaña En negro contra as violencias machistas. Iniciada en 2015 polo Concello de Santiago, en 2016 o goberno da capital galega ofreceuna a outros municipios, que primeiro foron unha vintena e seguiron a medrar ata chegaren a ser, polo momento, un total de 75 de todas as cores políticas e mais tres das catro deputacións, que promoveron o seu espallamento por case 6.000 establecementos comerciais e entidades. 

Dende o día desa sinatura do protocolo, con algunhas ausencias populares que a organización do acto optou por deixar en segundo plano, a emblemática praza ficou practicamente arrodeada polas características faixas negras da campaña. A Universidade pendurouna da balconada da sede da súa reitoría, no Pazo de San Xerome. O mesmo sucedeu nos balcóns do Hostal dos Reis Católicos e mesmo nas estadas que cobren parte da fachada principal da Catedral, co visto e prace do Cabido. Todas estas institucións secundaban así o Concello, que cubriu coa pancarta negra todo o balcón da casa consistorial, isto é, o da metade sur do Pazo de Raxoi. Na metade norte do histórico edificio, a correspondente á Xunta, a varanda ficou espida.

Non pasou demasiado tempo ata que a elocuente ausencia comezou a ser interpretada en clave política. O certo é que existiu ofrecemento para que o Goberno galego pechase o simbólico rectángulo negro, pero o convite non tivo resposta. A Xunta optaba así por terceiro ano pola indiferencia ante a campaña inicialmente compostelá pero, mentres isto sucedía, irrompía no escenario político e mediático un elemento de controversia que non existira nos dous anos anteriores, axitando o escenario e levando os conservadores ao enredo político.

Xunta e PPdeG optaran pola indiferencia pública ante a iniciativa 'En negro', pero a actitude mudou tras as críticas á súa campaña, que deron en presentar como a "primeira" con vertente municipal

Apenas tres días antes o Executivo autonómico presentara a súa campaña para o 25 de novembro, baixo o lema O máis grande de Galicia non se maltrata e cunha imaxe que acrecentaba o xogo gráfico xa empregado o pasado 8 de marzo: tres mulleres representadas con enormes dimensións fronte a monumentos como a Torre de Hércules, a Muralla de Lugo ou a propia Catedral de Santiago. As críticas da oposición e grupos feministas non tardaron en chegar, por ver a acción da Xunta "cousificadora", "paternalista" e mesmo "frívola". Case ao mesmo tempo chegaron as comparacións entre ambas campañas, máis aínda tendo en conta que no propio acto de presentación a Secretaría Xeral de Igualdade puxera o acento na vertente municipal: "por primeira vez poñemos á disposición dos concellos a imaxe da campaña e cartelería personalizada para cada concello", dixo o departamento da Vicepresidencia.

Nas xornadas seguintes as institucións responsables de ambas campañas optaron polo perfil baixo e as declaracións conciliadoras ao seren cuestionadas pola prensa. No entanto, comezaron a circular advertencias máis ou menos subterráneas cara a concellos do PP e espazos públicos -sociais, educativos- ligados competencialmente á Xunta pero con asentamento nidiamente municipal. O conveniente era  adherirse á campaña do Goberno galego e non á iniciativa En negro por considerarse unha vitoria simbólica dos concellos das mareas aínda que tamén estivesen xa tinxidas de negro as balconadas de casas consistoriais de todo signo e malia que a acción recibise tamén notable impulso de dirixentes doutras formacións, caso da alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez.

Feijóo, Pontón e Prado, durante o pleno, e Tellado e López Abella en rolda de prensa

Esta tensión latente foi tal ata o mércores, día 22, cando rebentou no pleno do Parlamento. A líder do Bloque, Ana Pontón, esixiu da Xunta na sesión de control ao presidente maior compromiso orzamentario fronte á violencia machista e criticou abertamente a campaña do Goberno. "Non somos unha ponte, unha muralla, non somos patrimonio; somos persoas", dixo Pontón a Feijóo, que retrucou instándoa a aclarar se o BNG e ela mesma estaban no "bando dos asasinos e maltratadores" ou "no das mulleres".

A tensión latente rebentou no Parlamento: Feijóo retou a Pontón a aclarar se está no "bando dos maltratadores" ou "no das mulleres" e o PP lanzouse abertamente contra a campaña 'En negro'

Con este pano de fondo e tras varias críticas adicionais da esquerda á acción publicitaria da Xunta, o PP deu en lanzarse abertamente contra a campaña En negro por "reducir" as mulleres a "un triángulo con fondo negro inspirada na filosofía da asociación Conas Ceives", dixo a deputada Paula Prado. Os concellos que impulsan a acción e, máis concretamente o de Santiago, "non atenden as vítimas" da violencia machista porque destinan os fondos de igualdade a "pancartas" e "despachos", acusou entre insinuacións sobre supostas desviacións de fondos públicos que o PPdeG replicou nas redes sociais.

O perfil baixo esvaera no combate partidario e a contrariedade do sector máis duro do PP galego escapou entre as costuras do traxe do consenso oficial. Mesmo integrantes da oposición e de colectivos feministas que non simpatizan en exceso coa campaña En negro por, entre outras razóns, prescindir de elementos simbólicos como a cor lila, mostraron o seu malestar polo ataque do PP. Os conservadores tentárono matizar nos dous días seguintes por boca do presidente e do seu número dous no partido, Miguel Tellado, quen deu por "rachado" o consenso coa esquerda en materia de violencia de xénero, pero polas críticas da oposición aos anuncios gobernamentais. Tellado mesmo asegurou que "non lle gustaría ver" ao PP "criticar unha campaña que busca rematar coa violencia machista", isto é, o que sucedera corenta e oito horas antes no Parlamento e mais en internet. O día 25 a parte norte de Raxoi mantivo o seu balcón descuberto.

O alcalde de Santiago intervén ante rexedoras, rexedores e edís no acto de adhesión á campaña En Negro © Concello de Santiago
Presentación da campaña da Xunta polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.