0 Gardados para despois

Feijóo cuestiona se o BNG está “no bando dos maltratadores ou das mulleres”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Só hai dous bandos, o dos asasinos e maltratadores ou o das mulleres; vostede en cal está?” Así respondeu este mércores o presidente Feijóo ás críticas que lle realizou no Parlamento de Galicia a portavoz do BNG, Ana Pontón, sobre a polémica campaña institucional da Xunta polo día contra a violencia machista, contestada desde todo tipo de ámbitos. “Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, chegou a dicir Feijóo como aval da súa actuación nesa materia ante a petición da nacionalista de máis medidas concretas

Pontón anunciou unha queixa formal ante a negativa de Feijóo e o presidente da Cámara a rectificar o que considerou unha pregunta ofensiva e malia que o segundo adoita retirar expresións similares

A sesión de control ao Goberno galego deste mércores comezou coa portavoz do BNG reclamando a Feijóo que a Xunta dedique o 1% do seu orzamento á loita contra a violencia machista, o que cuantificou en 90 millóns de euros, e a creación dunha unidade administrativa específica dentro da Dirección Xeral de Xustiza encargada de aplicar a lei galega de violencia de xénero e medidas como a creación de xulgados específicos en todas as cidades, gravación de declaracións para que as mulleres non teñan que ir continuamente a declarar aos xulgados ou que estas non teñan que agardar para facelo na mesma sala que o seu agresor. A resposta de Feijóo a estas propostas do BNG foi a de criticar que o goberno bipartido de nacionalistas e socialistas dedicaba menos de 4 millóns de euros mentres que o seu incrementou ese orzamento nun 91,3%.

Foi na súa segunda intervención cando Pontón criticou a campaña institucional da Xunta polo día contra a violencia machista na que se compara ás mulleres con monumentos e se insta a protexelas, publicidade criticada non só por toda a oposición senón tamén por diversos grupos feministas por entender que converte ás mulleres en obxectos. “Non somos unha ponte, unha muralla, non somos patrimonio, somos persoas que non necesitamos que nos protexan”, díxolle Pontón a Feijóo. Porén, o presidente respondeu pedindo unha adhesión sen fisuras á campaña da Xunta e demonizando calquera opinión discrepante. Foi nese momento cando asegurou que na loita contra a violencia machista “só hai dous bandos, o dos asasinos e maltratadores ou o das mulleres” e xusto a continuación preguntou a Pontón: “vostede en cal está?”.

A dúbida de Feijóo sobre a postura de Pontón cara a violencia machista provocou que esta reclamase unha rectificación, algo ao que non accedeu nin o presidente da Xunta nin o presidente do Parlamento, que habitualmente adoita retirar do diario de sesións todo tipo de expresións ofensivas. Pontón anunciou que presentará unha queixa formal ante a Cámara polo que considera unha pregunta ofensiva.

“Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, respondeu o presidente como aval da súa actuación ante as medidas concretas de loita contra a violencia machista que reclamou Ana Pontón

Na defensa das súas políticas fronte ás propostas do resto de partidos, Feijóo tamén criticaría o pouco que ao seu xuízo fixo no seu momento o bipartito comparado coa situación actual. “Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, dixo, presentando o aval electoral como garantía de calidade das súas políticas. Para Pontón, pola contra, se a violencia machista fose para a Xunta, como di esta, equiparable ao terrorismo, "a súa reacción sería máis que un lazo e un minuto de silencio".

 

Vídeo do cuestionamento do presidente a Pontón, editado e difundido polo BNG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Preguntado por cuestións económicas, Feijóo responde criticando as discrepancias internas de En Marea e PSdeG

Como é habitual na maioría das sesións de control ao Goberno, na deste mércores o presidente Feijóo volveu dar a volta ao formato da mesma e converteuse el en oposición da oposición, á que cuestionou polas súas discrepancias internas como resposta ás preguntas que se lle fixeron sobre cuestións económicas.

"Por que se temos en Galicia a mesma riqueza que en 2009 temos que vivir peor?”, preguntou Villares

O portavoz de En Marea, Luís Villares, preguntou a Feijóo pola pobreza e a desigualdade en Galicia. “Por que se temos en Galicia a mesma riqueza que en 2009 temos que vivir peor?”, inquiriu, e salientou que “a crise non se superará mentres non recuperemos todos os dereitos que tiñamos antes”. A resposta de Feijóo foi unha crítica ás “patrañas políticas, ideolóxicas e económicas” de En Marea, á que cuestionou polas visións discrepantes que no seu seo teñen Podemos e Anova a conta do modelo territorial do Estado.

“A xente do rural galego merece unha oportunidade e eu estou aquí para ofrecerlla”, respondeu Feijóo a Leiceaga

Resposta similar obtivo o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que preguntaba a Feijóo polas medidas da Xunta para mellorar a situación económica do rural. O presidente contestou gabando as súas propias políticas novamente fronte ás do bipartito que deixou de gobernar hai máis de oito anos. E contraatacou pedindo a Leiceaga que faga que outros cargos socialistas se sumen ás políticas que impulsa a Xunta, menosprezando o peso que o portavoz ten no seu partido. “A xente do rural galego merece unha oportunidade e eu estou aquí para ofrecerlla”, sentenciou Feijóo.