0 Gardados para despois

Feijóo "supón" que Pontón non culpa a Xunta de "incentivar a violencia machista"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


As sucesivas chamadas do presidente da Xunta a "non politizar" a loita contra a violencia machista nin, en xeral, os "problemas das mulleres" bateron esta semana co duro enfrontamento de Alberto Núñez Feijóo coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en vésperas do Día contra a Violencia de Xénero. Durante a sesión de control do pasado mércores o presidente cuestionou se o BNG -e, máis concretamente, a súa líder están "no bando dos asasinos e maltratadores" ou, pola contra "no das mulleres". O xefe do Executivo tentou este xoves paliar o balbordo político das súas palabras, que motivaron que Pontón pedise amparo á Presidencia do Parlamento, dando en "supoñer" que Pontón non culpa o Goberno galego de "incentivar" a violencia machista, pero reafirmándose no que afirmou.

Preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o presidente resaltou que o que dixo "está recollido nos teletipos" e por iso "me remito ao que nos teletipos se concreta, que é o que dixen de forma literal". El, afirma, "mantén" que "hai dous bandos nada máis: o de todos os galegos que estamos en contra dos asasinos e maltratadores" e mais "o bando dos maltratadores e dos asasinos". "O que eu non podo entender -agregou. é que se lle bote a culpa a outro partido político" da violencia machista. "Supoño que non hai ningún interese por parte do BNG de botarlle a culpa ao PP", igual que "non hai ningún interese do presidente da Xunta" en "dicir nada que moleste" a outros líderes políticos, "incluída a portavoz do BNG".

O presidente da Xunta "reitera o dito", pero agrega que "calquera plantexamento que moleste a calquera deputado ou deputada ten a miña desculpa por anticipado"

Coas críticas de oposición e movementos feministas á campaña da Xunta polo 25 de novembro como pano de fondo, Feijóo apela ao recente pacto contra a violencia de xénero acadado no propio Parlamento para asegurar que el, como o conxunto do PP, está "ao lado do BNG, do PSOE e do conxunto de partidos que conforman as mareas de Podemos na loita contr aa violencia de xénero". "Eu estou no mesmo bando que o resto de partidos" e este é o motivo, mantén que o leva a "supoñer" que "non hai ningún partido, nin sequera polas declaracións da responsable do BNG, que diga que o Goberno está incentivando a violencia machista".

A portavoz nacional do BNG pediu amparo ao presidente do Parlamento polas "intolerábeis" palabras de Feijóo

Deste xeito, o titular da Xunta asegura "non entender" a controversia xerada por "un cartel" e reduce a "interpretacións incorrectas" as críticas dos últimos días cara á Xunta. En calquera caso, e ante a queixa formal de Pontón, Feijóo "reitera o dito", pero engade que "calquera plantexamento que moleste a calquera deputado ou deputada ten a miña desculpa por anticipado".

Para a líder do BNG as palabras de Feijóo "supoñen un atentado contra a miña dignidade e a de todo o grupo parlamentario do BNG", polo que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, debera promover a súa "retirada". "A violencia de xénero é un delito, como tal está recollido no código penal, e o deputado Alberto Núñez Feijóo" introduciu no seu retruque "un xuízo de valor e desliza unha dúbida que non é admisíbel, nin tolerábel", resalta o escrito remitido a Miguel Santalices. "Son moitos os antecedentes nos que a Presidencia actúa por propia iniciativa, ordena a retirada destas expresións e chama á orde a deputados e deputadas", lembra a nacionalista, pero no caso de Feijóo, lamenta, non o fai.

Feijóo "supón" que Ana Pontón non culpa a Xunta de "incentivar" a violencia machista e afirma que sempre ofrece desculpas "anticipadas" aos membros do Parlamento aos que poida molestar

Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A campaña 'En negro contra a violencia machista' ponse en marcha por todo país e supera as 5.000 entidades

Os 75 concellos que secundan a campaña En negro contra as violencias machistas na súa terceira edición desenvolven dende este xoves o groso dos seus programas de actividades contra a violencia machista coa vista posta no vindeiro 25 de novembro. Fano na xornada na que, tal e como preveran as institucións que promoven a campaña, as entidades e empresas adheridas son xa máis de 5.000, con novas incorporacións como a do Museo do Pobo Galego.

En Santiago, onde o Concello lanzou a iniciativa en 2015, as entidades e empresas adheridas son "máis de 700"

No Concello de Santiago, do que partiu a iniciativa en 2015, son "máis de 700 os establecementos e entidades sociais adheridas", segundo afirmou este xoves o seu alcalde, Martiño Noriega, quen xunto á edil de Igualdade, Marta Lois, e aos voceiros dos tres grupos da oposición municipal visitou algúns dos establecementos unidos á iniciativa. No acto e nas fotografías oficiais participou o líder do PP local, Agustín Hernández, menos de vinte e catro horas despois de que a vicevoceira parlamentaria do PPdeG e ex-edil en Compostela, Paula Prado, cargase con dureza contra a campaña, da que cuestionou dende a súa xestión ata o emprego do símbolo do triángulo, utilizado dende hai décadas polos movementos feministas a nivel internacional.

Clubs deportivos e entidades profesionais realizan apoios simbólicos á campaña alén dos actos institucionais

Alén destas críticas dos conservadores no Parlamento o certo é que a campaña continúa co seu programa por todo o país, así como as adhesións simbólicas a ela, moitas das cales son difundidas a través das redes sociais. Así, por exemplo, alén dos actos institucionais dos concellos durante toda esta semana amosaron o seu apoio á iniciativa organizacións como clubs deportivos de todas as categorías, colectivos profesionais como as mariscadoras de San Telmo (Poio), traballadoras do sector dos viveiros en Tomiño, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ou o Parque de Bombeiros da Coruña.