0 Gardados para despois

CRÓNICA | Guerra de relixión no Parlamento de Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O vindeiro pleno do Parlamento, o dos días 4 e 5 de abril, é o último antes da Semana Santa. Entre os asuntos da orde do día o PP incluíu dúas proposicións non de lei -unha figura pouco usada polo grupo que sustenta o Goberno, xa que adoita ter a finalidade de instar o propio Executivo a tomar determinadas medidas- con propósitos, a priori, tan pouco controvertidos como razoables. No entanto, o xeito en que anunciaron as iniciativas e o momento de facelo bosquexa un novo capítulo dunha das (pretendidas) controversias máis axitadas polos conservadores nos últimos anos: a presenza da relixión no espazo público e a relación e influencia da Igrexa católica no ámbito político.

O texto das iniciativas implicaría, noutro contexto, un trámite máis ben pacífico e ordinario de ambas cuestións. A primeira ten a intención declarada de promover que Xunta e Fegamp "impulsen a creación de cemiterios de carácter supramunicipal" que poidan "atender a demanda de enterramentos conforme aos requisitos das confesións minoritarias". A segunda, instar o Goberno a preparar "un programa de conmemoración" do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.

No entanto, na súa presentación en rolda de prensa o vicevoceiro parlamentario e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu un tráiler do filme parlamentario que vén. A iniciativa sobre a ruta xacobea, di Tellado, preséntana pola "raíz no humanismo cristián, pero tolerante e integradora" que implica a "visión de Europa" do PP. A proposta sobre cemiterios, abondou, ten a súa orixe en que o PPdeG, "ao contrario doutros grupos que fan bandeira do anticlericalismo, respecta profundamente o feito relixioso, non só como unha manifestación cultural senón tamén como a expresión dunha liberdade fundamental, como é a liberdade de culto".

O PP defenderá no último pleno antes da Semana Santa dúas iniciativas que regresan á polémica a respecto dos vínculos entre política e relixión

Alén de que o "clericalismo" implica defender a influencia da Igrexa na política e no Estado e o "anticlericalismo", o contrario, o feito de que estas iniciativas cheguen xusto antes da Semana Santa e inmediatamente despois de que Podemos cuestionase no Congreso dos Deputados a emisión da Eucaristía dominical en TVE permite anticipar uns debates que buscarán importar e amplificar a devandita controversia. O anunciado veto anunciado polo propio Tellado á secretaria xeral de Podemos -"poderá votar, poderá intervir, pero para nós deixa de ser unha representante do pobo de Galicia", proclamou- pola súa mensaxe en Twitter durante unha manifestación feminista será, previsiblemente, outro dos ingredientes centrais dunha nova sesión plenaria marcada, ao cabo, pola aposta dos popular por tensar xa o ambiente preelectoral cara aos comicios municipais de 2019.

O PP reactiva deste xeito unha estratexia especialmente axitada durante o ano 2015, tras os cambios de signo en alcaldías de varias localidades, a comezar pola Coruña e Santiago, que derivaron na decisión de alcaldes e edís de non asistir como cargos públicos a eventos relixiosos, na liña da actitude xa adoptada anos antes en concellos como o de Pontevedra. A belixerancia dos conservadores coa relixión como arma arreboladiza acabara sendo retrucada daquela mesmo por membros da propia Igrexa como o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, en cuxa opinión carece de "importancia" que un alcalde asista ou non ás Eucaristías. As críticas, advertira o crego, "non foron da Igrexa, senón dos partidos políticos, que algo teñen que facer".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Palabras perdidas no Pazo do Hórreo

"Clan", "atraco", "corrupto", "reaccionario", "machista" ou "este tío". Son palabras e expresións empregadas por membros dos grupos da oposición en debates do pleno do Parlamento de Galicia nos últimos anos. No entanto, ningunha delas figura como parte dos debates en que foron pronunciadas no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, o documento oficial concibido para deixar por escrito todo o que se fala no lexislativo galego, antigamente elaborado a partir de notas taquigráficas e na actualidade, da transcrición de gravacións.

O Regulamento parlamentario outórgalle á Presidencia a capacidade de ordenar que non consten no devandito Diario os "conceptos ofensivos ao decoro da Cámara ou dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade" no caso de que se negue a facelo a deputada ou deputado que os empregase. No entanto, a redacción desta norma é o suficientemente aberta como para que, en última instancia, dependa de quen preside o pleno interpretar cando un discurso cruza o limiar do decoro.

A retirada de palabras do Diario de Sesións impedirá recuperar no futuro a literalidade dos debates que se producen na actualidade

Durante a pasada lexislatura a daquela presidenta, Pilar Rojo, impulsou unha interpretación restritiva da normativa que mantén o seu sucesor, Miguel Santalices, e que estenden os membros do PP que presiden as diversas comisións do Parlamento. Deste xeito, cada vez son máis os debates nos que un episodio de tensión ou discurso belixerante por parte de En Marea, PSdeG ou BNG -e, moito máis ocasionalmente, do PP- remata en retirada dalgunha das palabras pronunciadas.

Así as cousas, quen no futuro queira recuperar, estudar ou analizar os debates parlamentarios galegos da segunda década do século XXI para, por exemplo, elaborar un traballo como o realizado por Rafael López Torre no trixésimo aniversario da Cámara, terá a seguridade de que o Diario de Sesións xa non reflicte todo o sucedido e non recolle a literalidade de todas as intervencións. Só o visionado das moitas horas almacenadas no arquivo audiovisual do Parlamento -de moi precario acceso para a cidadanía en xeral- permitirá unha recuperación completa e saber que, por exemplo, unha deputada socialista se referiu a unha proposta do PP como "chantaxe", unha das últimas palabras amputadas, por orde da Presidencia, da historia do Parlamento.