0 Gardados para despois

O PP reclama que Xunta e concellos asinen un pacto contra a violencia machista que xa está en vigor

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O pasado sábado 4 de novembro o PP rexistrou unha iniciativa no Parlamento "sobre a intensificación pola Xunta de Galicia da colaboración coas entidades locais integrantes da Rede de concellos en contra da violencia de xénero". Fíxoo pola vía de urxencia, un mecanismo que permite axilizar a súa tramitación, xustificándoo na "necesidade de que o Parlamento se manifeste canto antes sobre este tema". Os prazos parlamentarios provocaron, non obstante, que a proposición non fose incluída no pleno seguinte, o dos días 7 e 8, senón na sesión ordinaria desta semana, acabando por ser aprobada este mércores, 22 de novembro. Ou, o que é o mesmo, unha semana despois de que a Xunta e os concellos asinasen un acordo que inclúe, literalmente, as mesmas propostas que o PP presenta como iniciativa súa.

O mércores día 15 a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Federación Galega de Municipios e provincias, Alfredo García, asinaron un protocolo para "renovar a colaboración" das Administracións local e autonómica "na loita contra a violencia de xénero". Tratábase, nomeadamente, dun protocolo para "impulsar" a Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, creada en 2012 en virtude doutro acordo do Goberno galego e a organización municipalista e da que xa forman parte 178 entidades locais.

A iniciativa do PP reproduce un treito do acordo asinado por Igualdade coa Fegamp o pasado día 15

No seu apartado terceiro o texto asinado detalla as accións conxuntas que Igualdade e os municipios poden realizar en materia de sensibilización, información, formación e asistencia ás vítimas. O texto é idéntico ao aprobado polos populares este mércores no pleno, en cuxa orde do día foi introducido definitivamente o día 14, vinte e catro horas antes da sinatura do devandito protocolo.

Con este pano de fondo o PP, a través da súa deputada María Ángeles García, defendeu dende a tribuna do Pazo do Hórreo unha iniciativa para instar a Xunta a asinar un acordo que leva asinado unha semana. O feito de que os conservadores presenten como seu "literalmente, coma por coma, faltas de ortografía incluídas" un acordo que xa está en vigor foi advertido pola deputada do BNG Noa Presas, quen di "non poder crer" que "o grupo político do Goberno, con 41 deputados e deputadas, traia ao Parlamento esta falta de respecto". "Na oposición cometemos erros, moitísimos, pero isto non pode ser aleatorio; é unha tomadura de pelo" que non se corresponde coa "seriedade" que, di, debera caracterizar a abordaxe da violencia machista por parte da Xunta.

Presas (BNG): "É unha falta de respecto; cando se decidan a tomar en serio o Parlamento estaremos aí para falar"

"Cando se decidan a tomar en serio o Parlamento estaremos aí para falar", advertiu Presas, para quen "o prioritario segue sendo avanzar na protección" das vítimas e no "tratamento" e prevención das agresiósn machistas, ámbito no que, concorda, tamén "hai que mellorar" as mesas locais de coordinación. Pola banda do PP a autora da proposta mantívose na súa postura e atribuiu a acusacións de Presas a que a deputada do BNG "non preparou o tema, non leu o tema e non sabe ou non coñece o tema". En calquera caso, mantén, para o PP "a carnaza política non toca nun tema como a violencia de xénero" e tampouco a "loita partidista". Finalmente a iniciativa saíu aprobada cos votos do PP, mentres que toda a oposición optou pola abstención por, precisamente, propoñer unha iniciativa que xa está vixente.

 

Acordo da Xunta e da Fegamp, asinado o día 15, e iniciativa impulsada polo PP, aprobada este día 22

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os populares atacan a campaña 'En negro contra as violencias machistas' por "reducir as mulleres a un triángulo"

A campaña 'En negro contra as violencias machistas' naceu no outono de 2015 da man do Concello de Santiago ao fío do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. En 2016 case unha vintena de municipios de todos os signos políticos e milleiros de establecementos comerciais secundaron a iniciativa compostelá, que neste 2017 é xa impulsada por 75 municipios aos que se adheriron unhas 4.800 entidades e empresas. Nas dúas edicións anteriores a Xunta deu en obviar a campaña e nesta terceira tamén evitou unirse a ela -a súa área do Pazo de Raxoi, por exemplo, é o único balcón da Praza do Obradoiro que non a loce-, pero o perfil baixo vén de ser substituído pola dura crítica da man da vicevoceira do PP no Parlamento, Paula Prado.

A multiplicación dos concellos unidos á acción En negro cadrou este ano co lanzamento dende o Goberno galego da súa controvertida campaña polo 25 de novembro, O máis grande de Galicia non se maltrata, criticada tanto dende a oposición como por parte de movementos feministas, que coidan que o Executivo galego "cousifica" as mulleres e transmite unha visión "paternalista" cunha mensaxe "frívola". Ambos factores foron combinados este mércores por Prado para, coa forma dunha pregunta ao vicepresidente, Alfonso Rueda -de quen depende a secretaría xeral de Igualdade-, censurar a campaña En negro por, dixo, "reducir" as mulleres a "un triángulo con fondo negro inspirada na filosofía da asociación Conas Ceives".

Prado carga contra a campaña que xa secundan 75 concellos, tamén do PP, e asegura que o Concello de Santiago, que a impulsa, "non atende as vítimas"

Alén de que o triángulo -e, nomeadamente, o triángulo negro- é empregado como símbolo polos movementos feministas dende hai décadas, Prado non aforra críticas á iniciativa que reduce aos concellos "das mareas de Podemos", aínda que se adheriron a ela gobernos de diversos partidos, tamén do PP. "Santiago está inundado de pancartas, de vinilos, de camisetas", critica, pero "que fan polas vítimas? Nada, porque non reciben consolo nin con pancartas nin con camisetas", resolve.

Segundo o PP, a campaña ante a que "ninguén pode estar en contra" é a da Xunta, cuxa mensaxe foi cuestionada pola oposición e movementos feministas

"Con todas as pancartas da Praza do Obradoiro as vítimas non se atenden", acrecenta a conservadora, quen tamén acusa a edil compostelá de Igualdade, Marta Lois, de "facer un tour para acompañar a empresaria" -en referencia á deseñadora da campaña- e "levala a todos os concellos", así como de destinar fondos de igualdade para "comprar un despacho". "Mesmo acaban de ir a Bruxelas non se sabe moi ben a que e non se sabe moi ben quen pagou, e tamén foron as empresarias", proclamou entre protestas das bancadas da esquerda para descualificar a presentación da campaña na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade do Parlamento Europeo, á que a delegación galega acudiu por convite dos grupos Socialista e da Esquerda Unitaria Europea.

"Non atenden ás vítimas; primeiro eles, o márketing e despois as vítimas", asegurou Prado, a cuxo xuízo a mensaxe ante a que "ninguén pode estar en contra" é a da campaña da Xunta. Na súa resposta Rueda dixo ser partidario de deixar a violencia de xénero "fóra das liortas" entre formacións políticas, aínda que completou a intervención de Prado considerando a campaña En Negro como mostra de que "a autonomía local" tamén pode "dar para moitas cousas malas", admitindo a posibilidade de que o Concello santiagués "decidise gastar en mobles e viaxes" non como a Xunta, "para ter orzamento contra a violencia machista". "Ao mellor eles están moi contentos e as mulleres que o necesitan non o están tanto", especula o vicepresidente.