Un terzo dos concellos galegos asinan a campaña 'En negro contra as violencias machistas'

Representantes dos concellos adheridos á campaña, nos balcóns da área municipal do Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

Un total de 102 concellos, practicamente un terzo do total, manifestaran nos últimos meses e semanas a súa vontade de adherírense ou continuaren incluídos dentro da campaña En negro contra as violencias machistas, acción lanzada polo Concello de Santiago no ano 2015 e que, tres anos despois, agrupa municipios que acollen arredor da metade da poboación do país e a todas as deputacións agás a de Ourense. En vésperas do 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, estes gobernos municipais rubricaron a súa adhesión á campaña.

A campaña, que tamén segundan as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, implica "fomentar a sensibilización cidadá contra as violencias machistas" en cada concello adherido

Recibidos coa Praza do Obradoiro tinguida de negro en todos os seus balcóns institucionais -Concello, Reitoría e Hostal- agás o da Xunta, os gobernos locais participantes asumiron o compromiso de ir alén de situaren o material gráfico da campaña en edificios oficiais e mais nos locais comerciais e entidades de cadansúas localidades. O protocolo rubricado implica "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal" que "implique o tecido económico, asociativo, deportivo, social e cultural", que cada concello concreta con actividades reivindicativas e formativas ligadas ao 25N, pero que tamén se estenden o resto do ano.

O alcalde de Santiago e as alcaldesas de Lugo, Allariz e Narón, na sinatura do protocolo de adhesión á campaña 'En negro contra as violencias machistas' / Concello de Santiago

O feito de que a campaña inicialmente desenvolvida dende o Concello da capital galega xunte a "concellos de diferentes cores políticas" figura no texto do protocolo e tamén foi lembrado no acto institucional da sinatura. "Debemos sentir orgullo dunha campaña que chega a moitos lugares de Galicia, independentemente das cores políticas", subliñou a alcaldesa de Sarria, Pilar López. A loita contra a violencia machista "está por riba dos intereses partidsitas", advertiu a rexedora de Lugo, Lara Méndez, quen atribúe ao avance da "cuarta ola feminista" que o rexeitamento das agresións de xénero sexa abordado como "cuestión de Estado" e deixe de "normalizarse" a "expresión máis extrema da desigualdade".

Representantes dos concellos adheridos á acción 'En negro contra as violencias machistas', na Praza do Obradoiro / Concello de Santiago

"A batalla contra o sexismo comeza dende que un bebé vén ao mundo"

Neste sentido, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, advirte de que accións de sensibilización coma esta deben vir acompañadas de compromisos concretos, tamén no ámbito orzamentario. "Fai falta compromiso político e social para loitar contra as violencias, sen esquecermos o financiamento", advertiu nun acto no que a súa homóloga de Tomiño, Sandra González, instou a que a campaña non esqueza "as e os menores que viven nun inferno silencioso, tamén vítimas da violencia machista". Neste sentido, agregou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o impacto da violencia machista debe facer que "todos e todas teñamos claro que a batalla contra o sexismo comeza dende que un bebé vén ao mundo".

Dende o goberno local de Santiago a súa voceira, Marta Lois, subliña que campañas coma esta deben servir para reivindicar "un pacto social e político real contra as violencias machistas" no que "os concellos tempos moito que dicir". A "potencia" de 'En negro contra as violencias machistas', concluíu ao termo do acto o alcalde compostelán, Martiño Noriega, demostra que xa é "unha campaña da xente, da sociedade", á que dende o seu punto de vista cómpre interpelar sobre "que acontecería" se "en vez de ser mulleres que pagan coa súa vida a violencia machista", as institucións tivesen que gardar minutos de silencio por reiterados asasinatos de "cargos públicos ou persoas vencelladas a poderes económicos, a poderes de seguridade; aos homes". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.