Máis dun cento de concellos estarán o 25N 'en negro' contra a violencia machista

Unha acción da campaña 'en negro contra as violencias machistas', o pasado 2017 en Neda CC-BY-NC-SA Galicia en negro

No outono de 2015 o Concello de Santiago lanzou a campaña En negro contra as violencias, unha acción coa que "facer visible o rexeitamento da cidadanía" á violencia machista en recintos institucionais, pero tamén en establecementos comerciais e distintas entidades da capital galega ao fío do 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero. Tras aquela primeira experiencia, con 300 adhesións de locais comerciais e colectivos, en 2016 o goberno compostelán ofreceu a campaña a outros concellos galegos e sumáronse unha quincena. En 2017 superaron os 70 e sumáronse ademais as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e neste 2018 xa serán máis dun cento.

A campaña lanzada en 2015 dende o goberno local compostelán xa é secundada por 102 concellos de todo signo e mais polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra

A edil compostelá de Igualdade, Marta Lois, confirma que son xa un total de 102 os concellos, con gobernos de todas as cores políticas, os que desenvolverán en cadanseus municipios a campaña "en negro" cara ao vindeiro 25N, ademais das devanditas tres deputacións. É, di, un símbolo de que a loita contra a violencia machista está na "axenda política" destes gobernos locais durante todo o ano, pero tamén un xeito de facer visible o rexeitamento ás agresións de xénero nas rúas de vilas e cidades, xa que os negocios e entidades implicadas xa superan as 6.000.

Carteis da campaña o pasado 2017 en Cangas / CC BY-SA-NC Galicia en Negro

No caso de Santiago a campaña 'en negro', cuxo deseño orixinal foi obra da deseñadora Uqui Permui, comezou este ano coa incorporación dun autobús urbano "tinguido de negro" pola empresa compostelá Castrosúa, que fará o percorrido da liña 1, unha das máis extensas da cidade, ademais de achegarse a varias parroquias da zona rural santaiguesa. "Alí -adianta Lois- realizaranse obradoiros e actividades que completan os obradoiros de apoderamento que tamén se están a levar a cabo durante o mes de novembro".

En Santiago as actividades ao fío do 25 de novembro inclúen unhas xornadas sobre os delitos contra a integridade sexual e accións dirixidas a alumnado de institutos

As Xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual -os días 8 e 9- ou unha nova edición das Conversas feministas, desta volta coa antropóloga Marcela Lagarde, son outras das actividades dunha campaña que nesta ocasión terá especial presenza nos institutos de ensino secundario da cidade, cuxo alumnado será convidado a participar na lectura do manifesto contra a violenica machista o día 23. Ademais, o festival Cineuropa acollerá a proxección de varios filmes do arquivo feminista Simone de Bauvoir, de París, e o departamento de Deportes impulsará o espallamento da campaña en partidos da SD Compostela e o Santiago Futsal. Para a veciñanza en xeral os materiais da campaña distribuiranse entre os días 19 e 23 na Casa das Mulleres Xohana Torres e mais no Centro de Información á Muller.

O autobús 'en negro' que xa está a circular por Santiago / Concello de Santiago

Campaña da Xunta

O PP cargara en 2017 contra a campaña por "reducir" as mulleres "a un triángulo con fondo negro inspirado na filosofía de Conas Ceives", dixeran

A campaña En negro contra as violencias desenvolverase, outra volta, sen a colaboración da Xunta. Xa nos anos anteriores o Goberno galego optara pola indiferencia cara a esta acción, rexeitando por exemplo pendurala dos balcóns do Pazo de Raxoi, edificio que o Executivo comparte co Concello de Santiago. Non obstante,  o pasado 2017, no medio de diversas críticas á campaña impulsada polo Goberno galego -baixo o lema O máis grande de Galicia non se maltrata-, Xunta e PP optaran por pasar ao ataque contra esta campaña malia ser asumida por gobernos locais de todo signo. Así, por exemplo, concluíran que esta acción "reducía" as mulleres a "un triángulo con fondo negro inspirado na filosofía da asociación Conas Ceives" e acusara os concellos que a asumiran de "non atender as vítimas" das agresións machistas.

Nesta ocasión a Secretaría Xeral de Igualdade organizou un concurso de "imaxes gráficas e pezas audiovisuais" entre os centros de ensino galegos. "As pezas que resulten gañadoras", informou o Goberno galego nun comunicado, "poderán ser empregadas pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero do próximo 25 de novembro, ou noutras accións de sensibilización contra esta lacra".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.