Nas últimas semanas foron moitos os e as surfistas que se achegaron a Ribadeo e, sobre todo, ás proximidades da Illa Pancha. Buscaban coller o Panchorro, unha onda de gran tamaño (entre 15 e 20 metros) que se forma neste lugar en días de temporal, grazas á existencia a uns metros da illa dunha orografía submariña moi particular que non só crea ondas moi grandes, senón que permite que tomen a forma de tubos, ideais para o surf.
Participaron 24 surfistas de ondas xigantes de prestixio internacional
Este mércores celebrouse alí o Illa Pancha Challenge, unha competición patrocinada pola Deputación de Lugo na que participaron 24 surfistas de ondas xigantes de prestixio internacional. Os gañadores nas distintas categorías foron Lucas Chumbo (mellor tubo), Natxo González (onda máis alta), Pato Teixeira (mellor caída na cresta da onda: Wipeout). Tamén se premiou a Adrián Fernández e Natxo González como mellores surfistas locais. Máis de 18.000 persoas seguiron a competición a través da súa retransmisión en streaming a través de youtube.
O Panchorro foi cabalgado por primeira vez no ano 2007 polo vasco Ibon Amatriain
Os competidores agardaron durante días ata que se formaron as condicións idóneas para a celebración do Illa Pancha Challenge. O período de espera, simbolizado coa luz verde do Faro, comezou o 1 de xaneiro e estendíase ata finais de marzo como máximo, monitorizándonse as borrascas que se acheguen a costa. Seis días antes da chegada das borrascas, a luz do Faro cambiaría a ámbar e de manterse esta situación climática, e 3 días antes de que a borrasca tocase terra, volvería cambiar a luz que pasaría a ser vermella, momento no que comezarían os preparativos para o desenvolvemento do evento. Non houbo que agardar a marzo, pois a borrasca que nestes días afecta a Galicia outorgou as condición ideais para a competición.
No evento participaron outros surfeiros de primeiro nivel como o francés Pierre Rollet último gañador do Punta Galea Challenge; Everaldo Pato, un dos surfistas brasileiro máis recoñecidos ou o guipuscoano Axi Muniain, experto en ondas xigantes que se atreve a surfear incluso durante tormentas. O xurado estivo liderado por Clyde Martin, surfista sudafricano afincado desde hai máis de 20 anos en Ferrol e Ibon Amatriain, pioneiro do surf de ondas xigantes en España e primeiro surfista en cabalgar O Panchorro, no ano 2007.
"Un espello no que mirarnos é Peniche, que mantén o seu espírito e tradicións mariñeiras ao tempo que miles de turistas se achegan a ver as súas espectaculares praias cheas de surfistas”
“O surf é un dos deportes con maior crecemento en toda Europa, constitúe en si mesmo un atractivo turístico, tanto para os surfistas como para moitos seguidores", destacou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que sinalou o obxectivo de "converter A Mariña nun grande punto de interese deste deporte, atraendo a milleiros de visitantes e conseguindo desestacionalizar o turismo na provincia". "Un espello no que mirarnos é a vila de Peniche, no centro de Portugal, que mantén o seu espírito e tradicións mariñeiras ao tempo que miles de turistas se achegan a ver as súas espectaculares praias cheas de surfistas”, dixo.
Na vila de Nazaré, tamén na costa portuguesa, o surfista brasileiro Rodrigo Koxa bateu esta semana o récord mundial da onda máis alta surfeada, con 24,38 metros.