Ribadeo volve reclamarlle á Xunta que cumpra a súa propia lei de prevención contra incendios

O Concello destaca que algúns propietarios si están cumprindo coa súa obriga de despexar de vexetación as faixas de protección © Concello de Ribadeo

​O pasado 9 de febreiro o Concello de Ribadeo anunciou a súa intención de multar os propietarios que incumprisen a obriga de arrincar os eucaliptos próximos a vivendas. A medida respondía ao cumprimento da Lei de prevención e defensa contra os incendios de 2007, que obriga os propietarios de parcelas forestais a "xestionar a biomasa vexetal" nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de edificacións situadas a menos de 400 metros do monte, subliñando a obriga específica de arrincar especies coma o eucalipto, o piñeiro ou a acacia. Nese momento Ribadeo identificara un total de 676 parcelas que estaban a incumprir a lei e instaba os seus propietarios e propietarias a "adaptarse á legalidade" antes do vindeiro 1 de xuño. De non facelo, advertía, poderían ser multados ou o Concello mesmo ordenaría execucións subsidiarias, co posterior cobro aos propietarios e propietarias.

Suárez destaca que moitos propietarios e propietarias xa están a cumprir coa lei de incendios e anima ao resto a facelo tamén "canto antes"

Dous meses máis tarde o Concello de Ribadeo volve facer un chamamento público, á vista de que un gran número de parcelas seguen sen cumprir a lei, e lembra que o 31 de maio remata o período voluntario para que desbrocen as faixas de protección de 50 metros. O alcalde, Fernando Suárez, destaca que cando chegue a calor e os incendios forestais “non queremos lamentarnos porque a vexetación chegue ás portas das casas, témolo que evitar”. Suárez sinala que moitos propietarios e propietarias xa están a cumprir coa lei de incendios e anima ao resto a facelo tamén "canto antes", pedíndolles "que non o deixen para última hora, que logo non van poder atopar madeiristas dispoñibles porque van estar saturados con outros encargos”.

Suárez comenta que “vemos que hai algunha outra xente que quere cumprir as normas, pero algunha dela está receosa de se o fai o veciño tamén. A nosa opinión é que cada un atenda o seu, que cada un actúe como marca a norma e logo os que non o fagan xa se encargará a administración de que se cumpra a lei por unha vía máis amigable ou por unha vía máis coercitiva”. Ademais, explica que “hai unha serie de propietarios aos que non puidemos notificar en período voluntario a día de hoxe porque non nos constan os datos correctos, ou porque non os teñen ben no catastro ou porque non están empadroados en Ribadeo. Para resolver isto nos vindeiros días publicarémolo no taboleiro dixital único para que logo non vaia coller por sorpresa a ninguén”.

"Levamos xa dúas comunicacións directas ao presidente da Xunta para que nos axuden a identificar que propietarios non cumpriron a partir do mes de xuño, e ata o momento de hoxe ninguén se dirixiu a nós"

O alcalde de Ribadeo é máis duro coa Xunta de Galicia, á que lle esixe colaboración para facer cumprir a lei. "Levamos xa dúas comunicacións directas ao presidente da Xunta para que nos axuden a identificar que propietarios non cumpriron a partir do mes de xuño, e ata o momento de hoxe ninguén da Xunta se dirixiu a nós", di. "Queremos que a Xunta cumpra a súa propia lei e coordine con nós o requirimento", engade. "Dígolle á Xunta o mesmo que lle estou dicindo aos propietarios, non o deixen para o último momento. Aquí, por unha cousa ou por outra, imos ver dentro de ben pouco quen está preocupado de verdade polos lumes e a quen lle queima isto nas mans”, conclúe.

O rexedor destaca que “estamos servindo de modelo de actuación para moita outra xente, para moitos outros concellos", pero subliña que "tampouco pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos".

"Non pretendemos ser modelo de nada. O único que queremos é que os propietarios dos montes en Ribadeo cumpran coas normas que están establecidas desde hai moitos anos"

O pasado venres o Parlamento aprobou por unanimidade unha moción do BNG, transaccionada cunha emenda do PP, que insta o Goberno galego a "impulsar un plan de actuación en faixas secundarias de xestión da biomasa cunha participación maioritaria no financiamento desas actuacións pola Xunta". A Xunta comprométese a sufragar o 75 por cento dos custes das actuacións precisas en cada concello, correspondéndolle á Fegamp, aos concellos ou ás deputacións adheridas ao convenio o financiamento do 25 por cento restante. Na defensa da súa moción, Xosé Luis Rivas destacou que os concellos, sobre todo os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal  persoal para vixiar e levantar actas que poidan rematar en sancións”.

 

O Concello destaca que algúns propietarios si están cumprindo coa súa obriga de despexar de vexetación as faixas de protección © Concello de Ribadeo
Exemplo de terreo en Ribadeo no que se cumpriu a lei © Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.