0 Gardados para despois

Ribadeo multará os propietarios que incumpran a obriga de arrincar os eucaliptos próximos a vivendas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Lei de prevención e defensa contra os incendios obriga os propietarios de parcelas forestais a "xestionar a biomasa vexetal" nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de solo urbano, de núcleos rurais e urbanizables, de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. E subliña a obriga específica de arrincar especies coma o eucalipto, o piñeiro ou a acacia. O Concello de Ribadeo identificou un total de 676 parcelas que no termo municipal están a incumprir a lei e insta os seus propietarios e propietarias a "adaptarse á legalidade" antes do vindeiro 1 de xuño. De non facelo, advirte, poderán ser multados ou o Concello mesmo ordenará execucións subsidiarias, co cobro aos propietarios dos custos de xestión da biomasa. 

“Estráñame que a Xunta vaia incumprir a súa propia lei. En todo caso nós imos facer os deberes que lle corresponden ao Concello. Espero que a partir disto sexan moitos máis os que sigan a estela de Ribadeo”

Esta semana o Concello de Ribadeo remitiulles comunicacións informándolles da situación e das medidas previstas. E, ademais, o alcalde Fernando Suárez envioulle unha carta ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo para solicitarlle a colaboración do Goberno galego para a aplicación desta medida, para a aplicación da súa propia lei. Suárez destaca que Ribadeo é o primeiro concello de Galicia en poñer en marcha estas medidas e agarda que outros moitos se sumen: “Estráñame que a Xunta vaia incumprir a súa propia lei. En todo caso nós imos facer os deberes que lle corresponden ao Concello. Espero que a partir disto sexan moitos máis os que sigan a estela do Concello de Ribadeo”, conclúe.

O Concello de Ribadeo publicou xa en outubro un bando instando os propietarios forestais a cumprir a lei. Porén, dende entón só un propietario en todo o termo municipal só un propietario "fixo o que a lei marca que ten que facer, que é deixar unha faixa de protección de 50 metros das vivendas libre de vexetación pirófita, é dicir, de piñeiros, de eucaliptos, que é o que máis abunda aquí, de acacias, etc…, e tamén desbrozado", sinala Suárez.

“Aquí todos temos obrigas, os propietarios do monte, os Concellos e tamén a Xunta, pero o caso é que uns polos outros a casa sen varrer"

“Visto o que pasou neste verán en todo o país, non podemos encarar outro verán máis coa tensión coa que viviu moita xente aqueles días, incluso con mortes por mor dos incendios forestais”, sinala o rexedor, que engade que “aquí todos temos obrigas, os propietarios do monte, os Concellos e tamén a Xunta de Galicia, pero o caso é que uns polos outros a casa sen varrer. Logo, cando chega o verán, chegan os laios e as culpas". "Imos polo tanto traballar no inverno para que cando chegue o verán haxa infinitamente menos risco para as persoas e para as súas vivendas. Iso si, estamos poñendo nós todo o traballo, incluso máis do que nos correspondería como Concello, pero queremos tamén agora que a Xunta de Feijóo faga o propio, cumpra a súa lei de incendios, e nos axude a cumprir a tarefa que ten encomendada a Xunta na lei de incendios, que é a de apoio aos Concellos para esta tarefa”, destaca.

Suárez compara a medida coas normas que obrigan aos propietarios de vivendas nos cascos históricos: "Recoñecemos e respectamos a propiedade particular, pero os propietarios deben respectar tamén o que di a lei"

Fernando Suárez compara a medida coas normas que obrigan aos propietarios de vivendas nos cascos históricos: “Sabemos que é mover unha pedra dun muíño moi grande pero isto mesmo fixémolo hai anos no casco vello de Ribadeo cando esmorecía, cando caía a cachos e cando era difícil que a xente puidera amañar as súas vivendas. Hoxe en día o casco vello de Ribadeo é diferente totalmente ao que era hai cinco ou seis anos". "Queremos facer o mesmo nos montes de Ribadeo. Recoñecemos e respectamos a propiedade particular, pero os propietarios deben respectar tamén o que di a lei".

O pasado mes de outubro, ademais, Ribadeo anunciou un proxecto para eliminar todos os eucaliptos da beira da ría, a través da compra de terras e outras actuacións. "Esperemos que co traballo coordinado de todos, do Concello, da Xunta e dos propietarios, Ribadeo neste verán que ven poida estar moito mellor preparado para posibles incidencias e posibles desgrazas como foron os incendios forestais”, conclúe o rexedor.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.