Néstor Rego salienta os descontos de ata o 75% nas peaxes entre os "logros" do Bloque na lexislatura estatal que remata pero, matiza, esta debe ser unha medida "provisional" ata a anulación da prórroga da concesión aprobada por Aznar, declarada ilegal pola UE
Ao contrario que nas anteriores lexislaturas, a que remata anticipadamente pola convocatoria das eleccións xerais do 29 de novembro non deixa pendente a lei para o traspaso da AP-9 a Galicia. O pacto acadado entre o PSOE, o BNG e Sumar propiciou o pasado xuño a aprobación definitiva da norma, polo que o camiño parlamentario da lei xa finalizou. Non así o do traspaso, cuxa concreción o propio texto remite a un acordo entre o Goberno de España e a Xunta.
Con este pano de fondo o debate en torno á Autoestrada do Atlántico nesta campaña electoral vencéllase xa máis a cal será o vindeiro capítulo. Para o cabeza de cartel do BNG pola Coruña, Néstor Rego, unha vez acadada a lei do traspaso "o seguinte obxectivo é unha AP-9 gratuíta".
Ao pé da vía e canda membros das candidaturas e outros cargos do Bloque, Rego sinalou entre os "logros" da formación no Congreso "ter negociado as bonificacións para que usuarios e usuarias recorrentes paguen apenas o 25%" grazas aos descontos de ata o 75%. "É dicir, que só pagan un euro de cada catro" cunha medida que, resalta o nacionalista, é "provisional".
"Porque o obxectivo principal do BNG para a próxima lexislatura é que a AP-9 sexa gratuíta", mantén Rego nun contexto no que, a respecto do traspaso, matiza, só resta "agardar que o PP non siga poñendo trabas para facela realidade canto antes". O mesmo PP, advirte, "por cuxa decisión de prorrogar a concesión até 2048 seguimos pagando peaxes". "Tiña que ser xa libre de pagamento se non fose por culpa do PP", reitera.
No que o BNG se dispón a "traballar", especifica Rego, é en premer para "que sexa anulada a prórroga" unha vez que "a UE di que é ilegal". Remataría desta maneira, defende, o "lastre para as familias, persoas traballadoras, empresas e transportistas".