O Congreso deixa sen efecto as mudanzas inseridas polo PP no Senado e aproba de vez a transferencia da Autoestrada do Atlántico nos termos acordados por PSOE, BNG e Sumar
Outra volta máis lonxe ca nunca, pero cun longo camiño por diante. O pleno do Congreso dos Deputados reproduciu este 23 de xullo de 2026 a votación de hai un mes e, agora si, aprobou definitivamente a lei para traspasar as competencias da AP-9 á Xunta coa redacción pactada polo PSOE, o BNG e Sumar.
Tal e como estaba previsto, a Cámara Baixa deixou sen efecto as modificacións que o PP introduciu no texto aproveitando a súas maioría absoluta no Senado, rexeitou as emendas e, polo tanto e automaticamente, sacou adiante a lei malia o "non" dos de Alberto Núñez Feijóo e mais de Vox. No caso dos populares, aseguran sustentar a negativa en que o texto acordado arrisca a Xunta a eventuais pagamentos millonarios no futuro. A formación de extrema dereita oponse, como adoito, por tratarse dun traspaso a unha comunidade autónoma.
Ambos atrancos na banda destra, en calquera caso, non impedirán que chegue ao Boletín Oficial do Estado unha lei de transferencia que responde a unha reivindicación política de hai máis de vinte anos no noso país, concretada na última década en tres peticións formais do Parlamento de Galicia ao Congreso. Ese trío de peticións bateu con múltiplos bloqueos, desde os vetos impostos polo Goberno de Rajoy que mesmo impediron que chegase a tramitarse ata sucesivas ampliacións dos prazos para presentar emendas por parte do PSOE, con Pedro Sánchez xa na Moncloa.
O PP xustifica o seu rexeitamento á lei nos "riscos ocultos para Galicia", o PSOE critica que Feijóo non estivese presente no debate e o BNG celebra a aprobación "a pesar do PP e de Vox"
Neste debate final Celso Delgado, deputado do PP, xustificou o voto a favor do texto emendado por parte dos populares en que queren "que a transferencia se realice con responsabilidades financeiras ben delimitadas, sen trampa nin cartón nin riscos ocultos para Galicia". "Queremos a transferencia e os que votan en contra son BNG, PSOE e Sumar e aqueles que non teñen o rigor de analizar o que vén e o que viña", dixo, logo de lamentar que socialistas e nacioanlistas defendan “unha estafa para Galicia”, segundo dixo, e se desmarquen do texto unánime do Parlamento galego.
Pola súa banda, o deputado do BNG, Néstor Rego, celebrou a aprobación da lei. “Queremos unha infraestrutura que sexa o motor do desenvolvemento social e económico do noso país e non un lastre”, dixo, para logo lembrar que "cadaquén ten a súa folla de servizo e a súa folla de ruta". "A do Bloque é defender os intereses de Galiza e de todos os galegos; por iso, a pesar do PP e de Vox, sacamos adiante esta lei".
A parlamentaria socialista Patricia Otero criticou o PP por "opoñerse á reivindicación da cidadanía galega e darlle as costas". Antes da votación, chamou aos populares a "rectificar". "O señor Feijóo, no programa electoral de 2009, levaba a transferencia", dixo, tras criticar que o ex-presidente da Xunta non estivese presente no debate. "Rueda leva varias semanas intentando xustificar o voto en contra", engadiu, lembrando que "o reparto de responsabilidades entre administracións queda perfectamente definido no texto que trouxemos a esta Cámara".
Pendente dunha negociación Xunta-Estado
A lei aprobada remite a un pacto entre ambos gobernos os termos concretos do traspaso e mantén que o Estado asumirá "as consecuencias" das súas decisións mentres a autoestrada fose da súa competencia
O camiño, en calquera caso, non finaliza nin de lonxe aquí. Para que as competencias sobre a autoestrada do Atlántico pasen do Ministerio de Transportes á Xunta cómpre un acordo entre a Administración Xeral do Estado e o Goberno galego no seo da Comisión Mixta de Transferencias. Será nese foro no que, di a lei aprobada, se determinen "as condicións e límites para a transmisión de competencias", que como corresponde terán que plasmarse no correspondente Real Decreto.
O texto que vén de recibir o visto e prace definitivo acouta, en calquera caso, que tarefas serían galegas de aí en diante: posta en servizo de novos treitos ou adaptacións dos actuais, supervisión da infraestrutura e da súa concesionaria, Audasa. Mentres, "as consecuencias das decisións tomadas pola Administración Xeral do Estado previas á transferencia recaerán sobre a Administración Xeral do Estado".
Esta cláusula é, segundo o PSOE, BNG e Sumar, a garantía de que se finalmente o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ratifica a ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9 aprobada polo Goberno de Aznar ata 2048, certificada xa pola Comisión Europea, sería o Estado o que tería que asumir os custos de, por exemplo, un posible fin anticipado da concesión ampliada ata 2048, coa conseguinte compensación a Audasa. O PP mantén que esta potencial "factura de 4.000 millóns" podería acabar tendo que pagala a Xunta.