A maioría absoluta avala a lei orgánica pactada polo PSOE BNG e Sumar, quen sosteñen que o traspaso chegará con "plenas garantías" de que o Estado asumirá todos os custos derivados da súa propia xestión
Desta foi. Ou, cando menos, xa foi máis lonxe ca nunca. O pleno do Congreso dos Deputados aprobou este 25 de xuño de 2026 por maioría absoluta (179 votos a prol, por 169 en contra) a lei orgánica para transferir á Xunta ás competencias sobre a autoestrada AP-9. Faino co texto pactado polo PSOE, BNG e Sumar para poñer fin a unha década de bloqueos, aínda pendente de culminar andaina parlamentaria. E despois, dunha posterior negociación entre a Xunta e o Estado que é a principal novidade da lei aprobada a respecto da reclamación unánime do Parlamento de Galicia, que o Congreso tramita por terceira vez dende xuño de 2024.
Que as condicións concretas da transferencia queden "diferidas ao acordo que se formule despois" na comisión mixta Galicia-Estado e o que considera ausencia de "garantías esenciais para a viabilidade financeira" da operación foi o que levou o PP, en verbas do deputado Pedro Puy, a situarse no bando dun "non" no que só estivo acompañado por Vox. A formación da extrema dereita opúxose, como adoito, polo feito de tratarse dun traspaso de competencias a unha autonomía.
"Feijóo e Rueda van ter que explicar moito por que, co seu voto en contra, se sitúan ao carón do seu partido e en contra dos galegos e galegas", considerou no nome do PSOE a deputada Patricia Otero, quen se declara "moi contenta" por unha aprobación "froito do entendemento entre tres forzas políticas" que, sostén, "cumpre escrupulosamente o que saíu do Parlamento". E faino, agrega, "por moito" que a Puy "lle tocase hoxe o marrón de vir defender outra cousa".
"Feijóo e Rueda van ter que explicar moito por que se sitúan co seu partido e contra os galegos", advirte o PSOE. O BNG resalta que salienta que lograr o traspaso é "só unha parte das aspiracións", que inclúen "termos unha autoestrada libre de peaxe"
Neste sentido, advirte Otero, todas as razóns esgrimidas polos populares fican desmontadas co artigo da lei no que se "di claramente que serán responsabilidade do Estado as consecuencias derivadas das decisións adoptadas mentres manteña a titularidade" da autoestrada, caso por exemplo de que a UE acabe declarando ilegal a prórroga da concesión ata 2048 aprobada polo Goberno do PP de Aznar, moi presente nos discursos das formacións da esquerda. "Nós estamos nas solucións e vostedes, na marrullería e no barro", lamenta Otero.
Tamén Néstor Rego, o deputado do BNG, ve "garantías evidentes e absolutas" para as finanzas e xestión galega da AP-9. Aínda máis, sostén, "respéctase o autogoberno porque a concreción corresponde á comisión mixta" da Xunta e do Estado. Cuestión diferente, lamenta, é que o PP "teña aversión ás relacións bilaterais" e non confíe "na súa capacidade de negociación". Están, di, "tan afeitos a obedecer que renunciar a poder negociar as condicións definitivas e prefiren que llelas impoñan dende Madrid".
"Só lles preocupa prexudicar os intereses de Galiza con tal de defender os seus intereses partidistas", acusa Rego, quen advirte de que o acadado coa aprobación desta lei, a transferencia de competencias, é só "unha parte das aspiracións". A outra, advirte, é "termos unha autoestrada libre de peaxe" para "acabar de vez coa discriminación".
O texto pasa ao Senado, onde o PP asegura que tentará modificalo. Se o trámite conclúe de volta no Congreso con éxito culminarán vinte anos de reivindicacións e unha década de intentos por aprobar esta lei marcada polos bloqueos
Neste sentido pronúnciase tamén Manuel Lago, no nome de Sumar, para quen a lei pactada "garante a correcta transferencia" con "todos os requisitos" e co Estado "asumindo as consecuencias das decisións tomadas" ata que se execute o traspaso. "A Xunta só asumirá custos que se xeren polas decisións que tome o Goberno galego, loxicamente", abonda nun contexto no que tamén advirte que o obxectivo último da súa formación é a fin da concesión de Audasa para non continuar co "pelotazo privatizador" aprobado por Aznar no ano 2000.
O texto aprobado no Congreso pasa agora ao Senado, onde o PP asegura que tentará modificalo para "recuperar" a literalidade aprobada en Galicia -a Cámara Baixa pode, a continuación, restaurar o ratificado este xoves-. Se finalmente conclúe con éxito culminará unha andaina de practicamente vinte anos de reivindicacións políticas e unha década de intentos por aprobar esta lei marcada polos bloqueos, dende os aplicados en 2016 polo Goberno de Rajoy en funcións, forzando a interpretación do artigo 134.6 da Constitución para evitar que a lei galega evitase a debaterse, ata os adiamentos pola vía da prórroga dos prazos de emendas que marcaron varios anos dende o retorno do PSOE ao Goberno de España en 2018, cando ergueu o veto a debatela.