En decembro de 2018 unha ampla maioría absoluta do Congreso deu luz verde ao inicio da tramitación da lei que remitira o Parlamento de Galicia para traspasar á Xunta as competencias sobre a autoestrada AP-9. Desaparecía así o bloqueo provocado polo Goberno do PP de Mariano Rajoy con tres vetos consecutivos -dous contra senllos textos remitidos polo Parlamento galego e outro contra unha proposta de En Marea no mesmo sentido- baseándose nunha interpretación forzada do artigo 134.6 da Constitución e en cálculos económicos erróneos ou falsos que contaron co aval da daquela presidenta do Congreso, Ana Pastor.
A lei galega reinicia percorrido no Congreso cunha maioría tan ampla como as incertezas que a rodean e entre reproches á prórroga da concesión aprobada por Aznar no 2000 que agora cuestiona a UE
Pero aquel desbloqueo acabou naufragando polo adianto das eleccións xerais de 2019. O Parlamento galego volveu lanzar a mesma petición unánime e en 2021 o Congreso aprobou outra volta o inicio do trámite. Non obstante, o traspaso tampouco chegou: sucesivas ampliacións dos prazos para presentar emendas dilataron un proceso que acabou caducando por mor doutro adianto, o das xerais do pasado 2023. E así chegou este 11 de xuño de 2024, co Congreso dando o visto e prace por terceira vez ao inicio dos trámites da lei galega por ampla maioría e co único "non" da extrema dereita de Vox.
Desta volta foron Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) os encargados de representar o Parlamento ante o Congreso nun debate con inevitables ecos dos dous anteriores, os de 2018 e 2021. Pero no que tamén cobraron forza elementos como os plans de descontos pactados por socialistas e nacionalistas para a investidura de Pedro Sánchez ou o procedemento de infracción aberto pola Unión Europea a España por prorrogar sen concurso a concesión da autoestrada ata 2048, decisión aprobada polo Goberno de Aznar no ano 2000, tres anos antes de privatizala.
Besteiro: "Debemos esforzarnos por xestionala e, sobre todo, por que aos cidadáns non lles supuña un custo"
Á prórroga de Aznar aludiron tanto Pontón como Besteiro. Foi aquel 4 de febreiro do ano 2000 cando, ironizou o secretario xeral do PSdeG, "fomos convocados para estar hoxe aquí" e reclamar a transferencia da autoestrada como, "o máis importante", a súa gratuidade.
Porque á poboación, afirma, preocúpaa máis "que se levanten as barreiras que a titularidade do asfalto". "Debemos traballar e esforzarnos ao máximo por xestionala e, sobre todo, por que aos cidadáns non lles supoña un custo", enfatizou Besteiro sobre unha autoestrada que "xa está pagada".
Pontón: "É o momento de atender unha das demandas máis sentidas do meu país, unha AP-9 galega e libre de peaxes; non fagan deste debate unha nova burla a Galiza"
Ao líder do PSdeG sucedeuno na tribuna a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que lamentou ter que reiterar ante o Congreso unha petición de transferencia que, lembra, o Parlamento galego aprobou por unanimidade xa en cinco ocasións. Esforzouse Pontón por rebater argumentos contrarios ao traspaso como que a AP-9 conecta con Portugal (faino a A-55, subliñou), pero tamén por defender un rescate ao que agora "abre a porta" a Comisión Europea e que o Estado, advertiu, xa executou coas autoestradas radiais de Madrid.
"É o momento de atender unhas demandas máis sentidas do meu país: poder circular por unha AP-9 galega e libre de peaxes", concluíu. "Non fagan deste debate unha nova burla a Galiza", reclamou.
Pazos ve "paradoxal" que a Galicia, "destino final das rutas que vertebraron Europa", lle "neguen xestonionar un camiño de 200 quilómetros que vertebra o 60% da súa poboación"
A quenda final da delegación galega, durante cuxas intervencións estivo ausente o ex-presidente Feijóo -o actual presidente, Alfonso Rueda, tampouco acudiu malia atoparse en Madrid-, correspondeu ao voceiro parlamentario do PP. Alberto Pazos considerou "paradoxal" que "a Galicia, destino final das rutas que vertebraron Europa", en referencia ao Camiño de Santiago, "se lle negue a posibilidade de xestionar un camiño que apenas acada os 200, pero que vertebra o 60% da poboación e polo que diariamente peregrinamos decenas de miles de galegos".
Neste sentido, apelou a promesas do PSdeG en campaña para reclamar unha AP-9 "cen por cen galega e cen por cen libre de cargas". Así o esixiu nunha intervención na que, ao contrario que Pontón e Besteiro, que interviñeron en galego, alternou a lingua castelá coa galega.
A lei galega inicia así o seu terceiro percorrido polo Congreso e faino cunha maioría tan ampla -dende o PP ao PSOE e Sumar pasando por forzas como Podemos, o BNG ou o resto de soberanistas- como as incertezas que a arrodean. A comezar por saber se desta volta volverá ou non a embarrancar no trámite de emendas, se agora o PSOE accederá a transferir unha titularidade que ata hai escasos meses prefería manter no Estado ou se os populares estarán dispostos a protagonizar unha fotografía a prol do autogoberno mentres axitan en Madrid discursos en clave recentralizadora.
Tampouco é menor aclarar ata que punto interaccionará o trámite parlamentario desta lei co proceso aberto en Bruxelas contra as autoridades españolas pola prórroga da autoestrada. Ou como conviviría unha eventual sanción que conducise ao rescate da concesión cos plans de descontos de peaxes en marcha, para os que o Estado comprometeu máis de 2.000 millóns ata 2048. Se chegase a bo porto, o traspaso da AP-9 sería a primeira nova competencia que gaña a Xunta en década a media.