A Comisión Europea envía unha segunda carta de emprazamento ao Estado dentro do procedemento de infracción que abriu en setembro de 2021
A Comisión Europea decidiu este mércores pedir novas explicacións a España pola prórroga sen concurso público da concesión da AP-9 que o Goberno de José María Aznar decidiu en 2000 e que estendeu as peaxes ata 2048. Logo de abrir en setembro de 2021 un procedemento de infracción e remitir ao Estado unha carta de emprazamento, a Comisión decide agora emitir un "emprazamento complementario", unha petición de máis explicacións sobre o caso.
O expediente a España pola prórroga da concesión da AP-9 abriuse en 2021 logo dunha denuncia da asociación de consumidores En Colectivo. Naquel momento unha portavoz oficial da Comisión Europea confirmara a Praza.gal que o expediente comunitario centrábase só na última prórroga da concesión, a que en 2000 outorgou o Goberno de Aznar para estender a concesión por 25 anos máis, de 2023 a 2048, a cambio de que Audasa ampliase a autoestrada ata Ferrol a xeito de compensación polo accidente do Discoverer Enterprise na ponte das Pías. Despois, en 2003, Audasa foi privatizada.
A Comisión insiste en ver "incumprimentos das normas sobre concesión de autoestradas" porque España "ampliou a duración sen aplicar correctamente os procedementos de licitación, infrinxindo as normas da UE"
Dous anos e medio despois, e tras recibir xa explicacións por parte do Goberno de España, a Comisión insiste en ver "incumprimentos das normas sobre concesión de autoestradas". O Executivo comunitario di que co novo emprazamento complementario quere "garantir o respecto das normas da UE en materia de concesións, que prevén a igualdade de trato dos operadores económicos interesados en participar nos procedementos de contratación e o respecto da obriga de transparencia". Algo que pon en dúbida no caso da AP-9 -así como no da AP-66 entre Asturias e a Meseta- por considerar que "España ampliou a duración" das concesións "sen aplicar correctamente os procedementos de licitación, infrinxindo as normas da UE". No caso da AP-9, de feito, non houbo ningún tipo de licitación senón que se prorrogou a duración da concesión a Audasa a cambio das novas obras.
Agora España ten dous meses para responder aos argumentos esgrimidos pola Comisión e "en caso contrario, a comisión poderá decidir enviar un ditame motivado", dando así un paso máis no procedemento de infracción.
Desde En Colectivo o seu presidente, Diego Maraña, valora o novo paso da Comisión como "un gran avance neste asunto e unha gran nova para todos os galegos". "Cada día estamos máis preto de conseguir que finalice o cobro das peaxes e de lograr unha autoestrada gratuíta", engade.
De ser así e acabar anulada a prórroga da concesión, Audasa xa avanzou a súa intención de reclamar máis de mil millóns ao Estado.