Da AP-9 a Ence: á UE non lle gustan as concesións e prórrogas sen procesos públicos e abertos

Vista de Pontevedra coa AP-9 cruzándoa e Ence ao fondo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Aínda que considera incumpridas dúas directivas distintas, o que hai de fondo nas investigacións da Comisión Europea pola ampliación a Audasa e as concesións costeiras é o temor a que a Administración prime algunhas empresas de xeito inxustificado

Son dous procedementos de infracción distintos por supostos incumprimentos de dúas directivas comunitarias distintas, pero nos dous casos o que hai de fondo nas investigacións que a Comisión Europea ten abertas pola prórroga da concesión da AP-9 a Audasa e polo xeito en que España outorga ou prorroga concesións costeiras a “por exemplo, empresas papeleiras”, como Ence, é o temor a que as administracións públicas primen a determinadas empresas de xeito inxustificado. 

En setembro de 2021 a Comisión Europea informou de que viña de iniciar un procedemento de infracción contra España por “ampliar a duración da concesión da autoestrada AP-9 sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública”, o que ao seu ver incumpría a Directiva europea de 1993 sobre adxudicación de contratos públicos de obras. 

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Segundo confirmou daquela a Praza.gal unha portavoz oficial da Comisión Europea, a investigación centrábase só na última das tres prórrogas da concesión, a aprobada en 2000 polo Goberno de José María Aznar para que a empresa estendese a autoestrada ata Ferrol a cambio de ampliarlle a concesión de 2023 a 2048. Unha decisión que se tomou sen un concurso público nin ningún outro tipo de procedemento aberto co argumento de que a empresa era daquela pública, pero tres anos despois privatizouse con ese dereito ampliado como principal activo e atractivo da compañía.

Aquel procedemento de infracción pola prórroga a Audasa aínda está en curso despois de que España presentase alegacións, pero a Comisión Europea non informa dos avances de ningunha deste tipo de investigacións ata que as dá por concluídas.

Agora a norma comunitaria que a Comisión Europea considera incumprida pola Lei de Costas española é a Directiva de 2006 sobre os servizos no mercado interior, que busca reducir barreiras para a instalación de empresas e garantir a libre competencia. A Comisión considera que “esta Lei infrinxe a Directiva de servizos” porque “non garante un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras” e porque “a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de ata setenta e cinco anos sen xustificación é contraria ás normas da UE”.

Comunicado da Comisión Europea sobre o procedemento de infracción contra España polas concesións e prórrogas en terreos costeiros CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión non cita neste expresamente a Ence, pero hai dous anos ela mesma lembrou ante unha pregunta do PP referida a esa empresa que nas prórrogas das concesións costeiras debía respectarse a Directiva de 2006 que agora considera incumprida por España.

A Comisión considera que a falta de procedementos abertos e públicos para a outorgar ou prorrogar concesións é un "obstáculo" para a implantación empresarial

A Comisión considera esa falta de procedementos abertos e públicos como un “obstáculo” para a implantación empresarial e di que “o 60% dos obstáculos aos que se enfrontaban as empresas hai vinte anos persisten”. “A pesar de que os tratados e a lexislación da UE establecen o marco xurídico para o bo funcionamento do mercado único”, di a Comisión, “o incumprimento da obriga de executar e aplicar adecuadamente estas normas a nivel nacional segue obstaculizando a libre circulación de servizos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.