A Comisión Europea lembrou en 2021 ao eurodeputado popular pontevedrés Francisco Millán Mon que os procesos para outorgar ou ampliar concesións debían ser abertos e “promover a competencia leal”
O procedemento de infracción que a Comisión Europea vén de abrir a España por como outorga e amplía concesións costeiras para “por exemplo, empresas papeleiras” non cita expresamente o caso de Ence. Pero o propio Executivo comunitario advertiu hai dous anos, ante unha pregunta do PP no Parlamento Europeo na que citaba esa empresa concreta, que as concesións deben respectar a Directiva comunitaria de 2006 de servizos no mercado interior, cuxo incumprimento atribúe agora a España.
En marzo de 2021, en pleno debate sobre se a modificación da Lei de Costas que o Goberno de España estaba a tramitar a través da nova Lei de Cambio Climático suporía un recorte retroactivo a un máximo de 75 anos da duración de concesións ou prórrogas outorgadas previamente, o PP mobilizouse novamente en defensa de Ence. Aquela reforma legal finalmente non foi retroactiva, pero mentres iso non se concretou os populares temeron que obrigase á retirada da fábrica da ría de Pontevedra.
Ante esa situación o eurodeputado pontevedrés do PP Francisco Millán Mon formulou unha pregunta á Comisión Europea na que expresamente dicía que “unha das moitas empresas afectadas sería a factoría de papel de Ence, En Pontevedra, que tería que abandonar as súas instalacións antes do ano 2033 [cando se cumpriría un máximo de 75 anos desde a súa concesión inicial en 1958], a pesar de que actualmente ten recoñecida legalmente unha prórroga ata 2073”. O propio Millán Mon dicía que “o presente caso inscríbese no ámbito de aplicación do Dereito da Unión (Directiva 2006/123/CE)”, e preguntaba se a Comisión consideraba a reforma compatible e se instaría ao Goberno de España a garantir “os dereitos de propiedade” e a seguridade xurídica.
A resposta da Comisión Europea, avanzada daquela por Praza.gal, evitou valorar un proxecto de lei que aínda estaba sendo debatido no Congreso e que finalmente non foi retroactivo nos prazos de concesións pero que tampouco mudou o xeito en que se poden outorgar ou prorrogar algunhas con procesos nin abertos nin públicos, como agora reprocha o Executivo comunitario.
Na súa resposta a Comisión salientou que as concesións costeiras debían respectar a Directiva de servizos de 2006, cun "procedemento de selección entre varios posibles candidatos" e un límite da súa duración
Naquela resposta a Comisión lembraba que, de acordo coa Directiva de servizos en cuestión, nos “terreos públicos” do litoral “no caso de que o número de autorizacións dispoñibles para unha actividade dada estea limitado debido á escaseza de recursos naturais ou de capacidades técnicas, debe adoptarse un procedemento de selección entre varios candidatos e debe limitarse debidamente a duración da autorización concedida”. A Comisión engadía que a duración das concesións debe determinarse “caso por caso” e “pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato” e “promover a competencia leal”.
Agora, no comunicado co que informa do procedemento de infracción aberto contra España, a Comisión volve sinalar precisamente aqueles elementos dos que xa advertira hai dous anos. O Executivo comunitario explica que a Lei de Costas española “prevé a posibilidade de adxudicar ‘concesións’ (‘autorizacións’ no sentido da Directiva de servizos) para construír locais permanentes (por exemplo, restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc.) no denominado ‘dominio público marítimo-terrestre’, fóra dos portos, sen levar a cabo un procedemento de selección aberto e transparente” e salienta que tamén “permite ampliar a duración de tales concesións por un período de ata 75 anos, unha vez máis sen procedemento de selección algún”.
A Comisión Europea conclúe que “esta Lei infrinxe a Directiva de servizos” de 2006 “por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras” e porque “a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de ata setenta e cinco anos sen xustificación é contraria ás normas da UE”.
Ence di non sentirse afectada polo procedemento de infracción e di que non tería carácter retroactivo, aínda que a UE apela a unha Directiva de 2006
Por outra banda, Ence emitiu este xoves un comunicado no que di non sentirse afectada polo procedemento de infracción aberto pola UE. Segundo a empresa, "incluso no hipotético escenario futuro no que, como consecuencia deste procedemento, España tivese que modificar finalmente a súa Lei de Costas, dita modificación non tería en ningún caso carácter retroactivo: é dicir, aplicarase a futuro, pero non ás concesións cuxas prórrogas foron concedidas con anterioridade, como é o caso da prórroga extraordinaria da concesión de Ence Pontevedra".