O eurodeputado pontevedrés Millán Mon focalizou en Ence a súa preocupación pola posibilidade de que unha reforma legal finalmente non concretada supuxese “unha expropiación encuberta sen indemnización”
Finalmente a Lei de Cambio Climático aprobada hai dous meses non incluíu un artigo ambiguo que abriría a porta a revogar retroactivamente as prórrogas de concesións de todo tipo no litoral. Antes de que ese artigo fose mudado, o pasado marzo o eurodeputado popular pontevedrés Francisco Millán Mon formulou unha pregunta á Comisión Europea na que focalizou en Ence a súa preocupación pola medida daquela en tramitación e empregou o argumento da Xunta de que suporía “unha expropiación encuberta sen indemnización que vulnera os dereitos fundamentais á propiedade e á seguridade xurídica”. A resposta chega agora, a través do comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, que non entra a valorar a reforma que finalmente non se aprobou, o que segue deixando en mans da Audiencia Nacional o futuro de Ence, pero lembra ao popular que as concesións non poden ser ilimitadas.
A reforma que finalmente non se aprobou abría a porta a anular prórrogas de concesións no litoral porque non deixaba claro se os prazos máximos destas se debían contar desde o seu primeiro outorgamento ou só desde a autorización das posibles prórrogas posteriores á reforma. Aínda que non foi aprobado finalmente ese punto ambiguo que podía afectar a todo tipo de concesións no litoral galego, incluídas instalacións pesqueiras e marisqueiras, o caso concreto da prórroga da concesión a Ence que lle outorgou o Goberno de Rajoy en 2016 segue pendente do que decida a Audiencia Nacional, xa que se baseou noutra norma previa tamén ambigua a respecto dos prazos impulsada por aquel mesmo Executivo popular.
O comisario de Mercado Interior salienta que segundo a normativa europea a duración das concesións debe determinarse “caso por caso” e “pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato” e “promover a competencia leal”.
A pregunta formulada á Comisión en marzo por Millán Mon di que “a patronal galega cifrou en 4.000 as empresas afectadas negativamente por esta reforma”, das que a continuación só cita unha, ao engadir que “unha das moitas empresas afectadas sería a factoría de papel Ence, en Pontevedra, que tería que abandonar as súas instalacións antes do ano 2033, a pesar de que actualmente ten recoñecida legalmente unha prórroga ata 2073”, prórroga que é sobre a que se vai pronunciar a Audiencia Nacional. A continuación o eurodeputado popular recolle o argumento da Xunta de que a reforma legal finalmente non aprobada suporía “unha expropiación encuberta sen indemnización que vulnera os dereitos fundamentais á propiedade e á seguridade xurídica”.
A resposta do comisario de Mercado Interior chega despois da aprobación da lei sen que finalmente se incluíse ese elemento polémico pero igualmente comeza sinalando que “a Comisión non está en condicións de formular observacións sobre un proxecto de lei que aínda é obxecto de debate no Parlamento español”. Porén, a continuación lembra que nos “terreos públicos” do litoral “no caso de que o número de autorizacións dispoñibles para unha actividade dada estea limitado debido á escaseza de recursos naturais ou de capacidades técnicas, debe adoptarse un procedemento de selección entre varios candidatos e debe limitarse debidamente a duración da autorización concedida”. O comisario engade que a duración das concesións debe determinarse “caso por caso” e “pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato” e “promover a competencia leal”.
Xunto con esa resposta do comisario de Mercado Interior, Millán Mon tamén vén de recibir outra resposta por parte do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, a outra pregunta similar pola mesma reforma legal xa descartada que puña o foco no seu posible efecto sobre a acuicultura. O comisario de Pesca lembra que a Comisión vén de adoptar novas “directrices estratéxicas para a acuicultura da UE” que teñen en conta o impacto do cambio climático no sector e que reclaman aos estados membros que integren ese problema nas súas estratexias e se adapten a el, o que precisamente pretendía a globalidade da lei finalmente aprobada coa abstención do PP e xa sen o artigo polémico sobre as concesións no litoral.
Na súa resposta o comisario de Pesca engade que no marco dos mecanismos de coordinación entre a Comisión e os estados plantearase “a cuestión da interpretación do artigo 18 do proxecto de lei española” que finalmente non se aprobou como se viña tramitando. Porén, a resposta a unha pregunta formulada antes da aprobación da lei novamente chega despois desa aprobación e, neste caso, referíndose ao “artigo 18”, como preguntaba o eurodeputado, malia que finalmente o texto definitivo aprobado mudou a numeración ao 20.