As derrotas da Xunta na súa campaña pola ocupación privada de terreos públicos do litoral

Vista da ría de Pontevedra, con Ence á esquerda CC-BY-SA Xunta de Galicia

Goberno galego e PPdeG pasaron de prometer hai agora dez anos a marcha de Ence da ría de Pontevedra a despregar todo tipo de iniciativas de momento infrutuosas en defensa das concesións na costa cando en 2019 a da celulosa comezou a perigar

A comezos de 2019 a Avogacía do Estado do Goberno de Pedro Sánchez deixou de defender a permanencia de Ence na ría de Pontevedra, mudando así de criterio a respecto do que mantiña durante o Goberno de Mariano Rajoy, que en 2016 prorrogara a concesión da fábrica ata 2073. A partir dese momento, hai tres anos, a Xunta e o PPdeG puxeron en marcha unha serie de iniciativas que en conxunto conforman unha campaña en defensa da ocupación privada de terreos públicos do litoral. 

A campaña da Xunta di querer defender os intereses doutras industrias e cidadáns particulares, pero ao igual que no caso de Ence vén colleitando todo tipo de derrotas xudiciais e políticas, deixando en evidencia o cambio de postura de Alberto Núñez Feijóo, que en 2015 deixou de prometer o traslado da factoría pontevedresa. 

Vista de ENCE en Pontevedra en 2019 e recortes de mencións á factoría en programas electorais do PP e comunicados da Xunta CC-BY-NC-SA Foto: ENCE | Montaxe: Praza Pública

A Constitución establece que o litoral é público e que nel só poden instalarse actividades privadas cunha concesión temporal. Así é como Ence ocupa terreos gañados á ría de Pontevedra, cunha concesión outorgada polo franquismo a finais dos anos 50 do pasado século, cando era unha empresa estatal. Ante a proximidade do remate da concesión en 2018, e co BNG gobernando o Concello de Pontevedra coa retirada da fábrica como unha das súas principais bazas políticas, Feijóo incluíu o traslado da factoría nos programas electorais de 2009 e 2012 cos que conseguiu a presidencia da Xunta.

Pero en 2015, antes das eleccións municipais daquel ano, mudou de parecer e dixo que sería inviable, polo que daba prioridade ao mantemento dos postos de traballo e a actividade económica da fábrica. Se BNG e PP estaban ata daquela empatados a 11 concelleiros, tras aqueles comicios os nacionalistas gañaron un máis e os populares perderon catro.

O PP divulgou un vídeo acusando a PSOE e BNG de "enterrar a industria do mar" no que defendía "a continuidade de Ence" porque "estas empresas teñen que estar ao lado do mar", algo que negou a Audiencia Nacional ao anular hai un ano a concesión da fábrica

O seguinte fito produciuse uns meses máis tarde, cando en xaneiro de 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy decidiu prorrogar a concesión de Ence 60 anos máis, desde o 2013 en que a empresa pedira a prórroga ata 2073. Esa decisión foi recorrida polo Concello de Pontevedra, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace, un proceso no que inicialmente a Avogacía do Estado defendeu a legalidade da prórroga. 

Pero Rajoy caeu a finais de 2018 e a comezos de 2019 a Avogacía do Estado, con Pedro Sánchez xa na Moncloa, mudou de criterio e deixou de defender a prórroga de Ence. Argumentou que o Tribunal Constitucional advertira noutros casos de que "a prórroga a concesións transitoriamente vixentes só poderá concederse a instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación". Ese foi xusto o argumento central da sentenza que hai un ano emitiu a Audiencia Nacional, que o Goberno de Rajoy non xustificara que esa fábrica teña que estar na ría e non noutro sitio. Resolución que a empresa recorreu ante o Tribunal Supremo, pendente aínda de emitir a sentenza definitiva que deberá versar precisamente sobre esa cuestión.

Mentres a Audiencia Nacional decidía sobre Ence, o Goberno de España iniciou a tramitación dunha Lei de Cambio Climático que entre moitas outras disposicións en todo tipo de eidos incluíu cambios na Lei de Costas. Cos océanos subindo polo aumento das temperaturas, a norma fixou que as concesións no litoral están limitadas a un máximo de 75 incluídas as súas prórrogas. A norma acababa así cunha ambigüidade introducida na Lei de Costas en 2013 polo Goberno de Rajoy, pero o novo texto introducía nas súas primeiras versións outra ambigüidade que non deixaba claro se o novo límite afectaría tamén ás concesións xa outorgadas previamente. 

Durante a tramitación da Lei de Cambio Climático a Xunta e o PPdeG lanzaron unha campaña asegurando que a súa retroactividade puña en risco prórrogas xa concedidas a todo tipo de instalacións, tanto empresas como vivendas particulares. Os populares galegos mesmo divulgaron un vídeo co argumento “estas empresas teñen que estar ao lado do mar”, que aplicaba tamén a Ence malia desbotalo despois a Audiencia Nacional. Un vídeo no que se acusaba a PSOE e BNG de "enterrar toda a industria do mar galego".

Porén, o PP estatal non votou en contra da lei senón que se abstivo na súa primeira votación no Congreso, cando a ambigüidade sobre a retroactividade aínda permanecía no seu texto. E cando a redacción foi corrixida para aclarar que a norma non sería retroactiva, cunha nova abstención do PP estatal na votación final, Xunta e PPdeG teimaron en que aínda así a norma era negativa por limitar a 75 anos as concesións e presentaron un recurso ante o Tribunal Constitucional. 

A obviedade de que a Constitución establece que o litoral debe ser público e de que o seu réxime de ocupación temporal privada se fixa por leis como a que viña de aprobar o Congreso non impediu que Feijóo seguise teimando en que as concesións poidan durar máis de 75 anos. Pero si limitou a capacidade de recurso da Xunta ante o Constitucional, que centrou en argumentar que a nova norma estaba mal redactada e seguía a xerar inseguridade xurídica sobre como contar os tempos das prórrogas xa outorgadas. 

Sentenza do Tribunal Constitucional que rexeita o recurso da Xunta contra a Lei de cambio climático estatal CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta recorreu no Constitucional a Lei de Cambio Climático que limitou as concesións no litoral e o PPdeG protestou ante a Comisión Europea, pero o tribunal denegoulle a razón e a UE lembrou que as concesións non poden ser ilimitadas

A resposta do Constitucional, que chegou hai un mes, foi rexeitar o recurso da Xunta. O Tribunal Constitucional dille ao Goberno galego que as leis poden mudar, que a de Cambio Climático non produce ningunha inseguridade xurídica e que as discrepancias que poida haber sobre como computar os prazos das concesións deben ser resoltas en cada caso particular.

A campaña do PPdeG por tentar prolongar ao máximo as concesións na costa chegou mesmo ao Parlamento Europeo. Alí o eurodeputado pontevedrés Francisco Millán Mon preguntou á Comisión Europea se consideraba a Lei de Cambio Climático compatible coa normativa comunitaria, e argumentaba que a súa limitación das concesións era realmente “unha expropiación encuberta sen indemnización que vulnera os dereitos fundamentais á propiedade e á seguridade xurídica”. A resposta da Comisión Europea foi que as concesións deben estudarse caso por caso e non poden ser ilimitadas.

O Goberno galego tamén quixo poñer aos concellos en contra dun plan aínda non rematado contra o cambio climático na costa, pero só 20 dos 82 municipios se sumaron á súa campaña

Ao tempo que, avalado pola maioría absoluta do Congreso dos Deputados e coa abstención do PP, quedaba claro que o Goberno central quería limitar a 75 anos o máximo das concesións no litoral,  Feijóo comezou a pedir para a Xunta as competencias de xestión da costa. Isto é, ante o fracaso no intento de que o Estado, que é quen hoxe outorga as concesións en Galicia, as dea ou prorrogue polos prazos máis amplos posibles, os populares galegos abriron unha nova vía de actuación política para que pase a ser a Xunta quen se encargue do outorgamento e xestión das concesións respectando a titularidade estatal dos terreos. Unha petición que chegaba tras doce anos sen ningún novo traspaso competencial ao Goberno galego, período no que mantivo aparcadas, entre outras, xustamente esa petición.

En defensa da súa postura o Goberno galego tentou mobilizar os concellos costeiros, especialmente despois de que o Goberno de España comezase a elaborar un plan estatal para a protección da costa contra o cambio climático. A Xunta argumentou que ese plan, que aínda non está rematado e non fixa medidas concretas, pretende “unha costa libre e sen nada no dominio público marítimo-terrestre” cunha “retirada paulatina e controlada dos seres humanos da costa”, o que suporía a desaparición de 4.000 vivendas ou empresas de todo o litoral. Pero tampouco nese eido tivo sorte e só 20 dos 82 concellos do litoral se sumaron á súa campaña.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nun acto con alcaldes hai unhas semanas para reclamar que sexa a Xunta quen xestione o litoral galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta tampouco logra que o Estado lle recoñeza as competencias para xestionar ela as concesións, para o que se ampara na sentenza do Constitucional sobre o Estatut de Catalunya

No plano xurídico, o Goberno galego pediu ao Consello Consultivo un ditame específico sobre a posibilidade de que a Xunta sexa a encargada de xestionar as concesións litorais. O documento basea a súa argumentación en que o Constitucional así o permite desde que matizou a súa propia doutrina na sentenza que emitiu en 2010 sobre o Estatut de Autonomía de Catalunya.

Pero os argumentos non valen ao Goberno de España, cuxa resposta á Xunta chegou por boca do propio Pedro Sánchez, na súa primeira reunión con Alfonso Rueda o pasado 28 de xullo. Nela deulle un non “categórico” a que Galicia poida xestionar as concesións costeiras se antes non reforma o Estatuto de Autonomía, no que supón unha nova derrota do Goberno galego no eido litoral tras varios anos de fracasos políticos e xudiciais.

Só cinco días despois, o 2 de agosto, o BOE publicaba unha reforma do regulamento da Lei de Costas que a Xunta xa converteu noutro campo de batalla. O propio Goberno de España admite que non aprobou o novo regulamento ata obter a sentenza favorable do Tribunal Constitucional fronte ao recurso da Xunta contra a Lei de Cambio Climático. E o que di o novo texto é que as novas concesións que se outorguen deberán ter en conta expresamente os efectos do cambio climático. 

A próxima batalla na longa guerra polo control do litoral será o 4 de outubro, cando o Tribunal Supremo prevé decidir sobre a prórroga da concesión de Ence

O novo regulamento tamén muda lixeiramente os prazos das concesións. O anterior contemplaba as máximas de 75 anos para “actuacións ambientais”, as de 50 anos para usos que “pola súa natureza, requira a ocupación do dominio público” e as de 30 anos para usos que presten un servizo ao público que polas características da costa non poidan emprazarse máis terra adentro. O novo regulamento, pola contra, engade expresamente ás concesións de 75 anos os “cultivos mariños”, mantén as de 50 para “instalacións de servizo público que, pola súa natureza, requiran a ubicación do dominio público” e deixa as de 30 anos nun xenérico “para o resto de actividades”.

Ante estas mudanzas, a Xunta xa ameaza cun novo preito xudicial contra o Goberno de España. Pero a próxima batalla na longa guerra polo control do litoral volverá ao punto de partida e xa está fixada para o 4 de outubro. Ese día está previsto que o Tribunal Supremo ratifique ou corrixa a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga de Ence porque non ve xustificado que esa fábrica teña que estar na costa. A súa resolución pechará o círculo na campaña da Xunta en favor das concesións no litoral iniciada cando a de Ence comezou a perigar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.