Cinco días despois de rematar a exposición pública do novo regulamento de Costas que o Goberno de España divulgou hai dous meses o presidente da Xunta pídelle “que nos concrete exactamente que é o que quere facer”
O pasado ano quedou aprobada, coa abstención do PP, a lei de cambio climático que entre outras moitas cousas foi aproveitada para aclara unha ambigüidade introducida polo Goberno de Mariano Rajoy na lei de costas. A nova lei deixou claro que as concesións privadas de terreos públicos no litoral non poden durar máis de 75 anos e que nese cómputo deben estar tamén as posibles prórrogas das concesións orixinais, cuestión que os populares deixaran no aire. O que non se fixo foi, como pretendía inicialmente o PSOE, que esa medida fose retroactiva e invalidase tamén ás prórrogas por riba dos 75 anos xa outorgadas previamente á aprobación da lei hai un ano.
Isto é, se unha empresa obtivo antes da lei do pasado ano unha prórroga que fai que a súa concesión total supere os 75 anos, ese dereito se lle mantén. Pero a nova lei deixa claro que a partir da súa entrada en vigor iso non pode volver a pasar. E nesa liña o Ministerio para a Transición Ecolóxica está a elaborar un novo regulamento de Costas que fixa o procedemento para a petición de novas prórrogas e ratifica, como xa facía a lei que agora desenvolve, que as que se pidan agora sumadas ás previas e á concesión inicial non poderán superar os 75 anos.
O texto articulado do novo regulamento de Costas [aquí o PDF] foi sometido a exposición pública polo ministerio o pasado 17 de novembro e durante mes e medio, ata este 7 de xaneiro. Pero cinco días despois, este mércores 12, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou ao Goberno central “que nos acredite e nos concrete exactamente que é o que quere facer”.
Fíxoo nunha visita a instalacións da conserveira Calvo en Carballo na que criticou que “hai unha espada de Damocles no sector que nos preocupa de forma especial, que é a posibilidade de que ningunha concesión de Costas dure máis de 75 anos”. Feijóo presentou así como unha “posibilidade” algo aprobado por lei hai un ano. E engadiu que esa limitación a 75 anos “intentouse coa lei de cambio climático e fomos quen de modificar nas Cortes xerais esa limitación e agora parece ser que se volve intentar no regulamento da lei de costas”.
O pasado xuño a Comisión Europea lembrou ao PP que as concesións no litoral non son ilimitadas e a súa duración “pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato” e “promover a competencia leal”.
Feijóo quixo así asimilar o intento frustado do PSOE de afectar de xeito retroactivo ás concesións e prórrogas xa outorgadas -tombado grazas a unha emenda de Ciudadanos e coa abstención do PP na votación xeral da lei- coa nova ratificación no regulamento de Costas a efectos das novas peticións que se formulen a partir de agora de que xa non se poden solicitar novas prórrogas que superen o límite legal de 75 anos. Nesa liña, o pasado xuño a Comisión Europea lembrou ao PP que as concesións no litoral non son ilimitadas e a súa duración “pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato” e “promover a competencia leal”.
Por outra banda, aínda que o debate político sobre a cuestión vén centrándose na idea dos 75 anos, esa cifra máxima aplícase só a determinadas actuacións. A “proxectos de restauración e conservación de ecosistemas mariños ou costeiros, obras encamiñadas a garantir o uso público e a integridade do domino público marítimo-terrestre e cultivos mariños”.
Mentres, fíxase un máximo de “30 anos para o resto de actividades e instalacións”. A amplitude do termo “cultivos mariños” e a súa extensión ou non ás fábricas de envasado de conservas preséntase como outro posible motivo de conflito en Galicia cun sector tradicionalmente asentado na beira do mar e que nos últimos anos comeza a trasladarse terra adentro.