O proceso xudicial definitivo sobre a permanencia ou saída de Ence na ría de Pontevedra xa está en marcha. Nun auto datado no pasado 23 de febreiro e feito público este 1 de marzo, o Tribunal Supremo admite a trámite os once recursos contra a primeira das sentenzas da Audiencia Nacional que, en xullo de 2021, deu a razón a Greenpeace e anulou a prórroga concedida en 2016 polo Goberno de Rajoy en funcións para que a pasteira puidese permanecer nos terreos públicos de Lourizán ata 2073.
O Goberno de Rajoy concedeu a prórroga á pasteira para permanecer na ría ata 2073 sen xustificar por que debe ocupar terreos públicos
O auto, publicado escasas horas despois de que Ence presentase ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores os seus resultados de 2021 e revelase nun comunicado aos medios a existencia da resolución xudicial, dá o visto e prace á tramitación dos recursos porque cumpren os requisitos legais, explicita. Non entra, daquela, no fondo da cuestión -como corresponde ao momento procesual-, pero si pon o foco en cal será a cuestión clave: resolver se, para outorgarlle a prórroga, o Estado ten que xustificar ás claras que Ence debe estar nos terreos públicos da beira da ría e non noutro lugar ou se, pola contra, o gabinete de Rajoy actuou correctamente non facéndoo.
Así, o Supremo detalla no auto que se dispón a fixar doutrina sobre se, "para o outorgamento da prórroga das concesións do dominio público marítmo-terrestre" como a de Ence "resulta necesario acreditar o cumprimento do disposto no artigo 32.1" da lei de costas. Isto é, xustificar que se trata de "instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra situación". O Executivo do PP de Rajoy non realizou esa xustificación e a Audiencia Nacional sentenciou que non é preciso que as plantas de celulosa "teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre", senón que "poden situarse nas proximidades, pero fóra" dese espazo público. Mostra disto, acrecentaba, era a fábrica que a propia Ence ten en Asturias.
Na anulación da prórroga, a Audiencia Nacional sentenciou que non é preciso que as plantas de celulosa "teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre", senón que poden estar "nas proximidades, pero fóra" dese espazo público
Indica o Tribunal que, xunto con esta cuestión, tamén avaliará "o alcance deste precepto" cando o espazo público ocupado xa "non se atopa no seu estado natural" e "foi transformado como consecuencia da intervención da Administración do Estado". Cómpre ter en conta, neste punto, que a concesión orixinal foi outorgada polo Goberno da ditadura a Ence como empresa estatal e que en torno a ela planificáronse infraestruturas públicas como a autovía que liga Pontevedra con Marín.
Nunha primeira reacción cara á prensa e tamén cara aos seus accionistas -a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores-, Ence valora como "unha noticia importante para a compañía" a admisión a trámite do recurso e subliña tamén que o propio Supremo, no seu auto, indica que o aborda despois de "pronunciarse sobre a licitude da prórroga concedida" a outra concesión en terreos públicos do litoral, en Murcia. O auto matiza, así e todo, que se ben ese caso "pode gardar relación" co de Ence, cómpre ter en conta que a sentenza sobre Murcia "se refire a unha edificación con destino a vivenda", mentres que esta é unha instalación industrial, coa consecuente "transcendencia social e económica".
Xunto á propia Ence, os recursos que agora aborda o Supremo están asinados polos comités de empresa das oficinas e da fábrica de Lourizán, pola Autoridade Portuaria de Marín e por empresas e asociacións empresariais como Ceferino Nogueira S.A., Galigrain, Asociación de la Primera Transformación de la Madera de la Provincia de Lugo, Ingenería y Montajes Rías Bajas; Metalúrgica, Soldadura, Estructura y Tubería S.L.;, Asistencia y Soluciones de Arquitectura e Ingeniería, S.L.; e Electro Gálvez y Sanabre. Contra esta admisión a trámite non cabe recurso.
Unha vez admitidos a trámite os recursos contra esta primeira sentenza, aque deu a razón a Greenpeace, cabe agardar que sucederá o mesmo contra os outros dous, nos que a Audiencia Nacional aceptou os argumentos contra a prórroga que esgrimiran o Concello de Pontevedra e mais a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). O argumento esencial desoutros dous ditames foi tamén que na prórroga do Goberno de Rajoy a Ence non quedou "acreditado" que a factoría teña que operar nos terreos públicos da ría e non noutro lugar.