O posible traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra vén sendo un asunto recorrente na vida política galega. Xa fose como reivindicación de colectivos e dirixentes contrarios á permanencia da pasteira en Lourizán ou como aposta ou promesa do propio Goberno galego incluíndo ao de Alberto Núñez Feijóo, que durante anos se comprometeu a impulsar a súa recolocación noutro punto da "comarca de Pontevedra", sen maior concreción.
Á espera de se o Supremo mantén ou non a anulación da prórroga concedida por Rajoy, a ministra Teresa Ribera subliña que o traslado da pasteira sería "máis doado" se é instalada nunha das dúas contornas beneficiarias polos fondos de "transición xusta" para compensar o peche das centrais térmicas
Esta posibilidade, que a empresa di ver inviable, volveu ao primeiro plano despois das tres sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións (2016) para que Ence puidese continuar na ría ata 2073. Eses pronunciamentos están pendentes do ditame definitivo do Tribunal Supremo e, mentres, o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén amosando a súa disposición a promover o traslado aproveitando os fondos europeos de recuperación tras a COVID.
Mentres a Xunta -que tras as primeiras sentenza tamén expresara a súa preferencia pola vía do traslado financiado con fondos comunitarios- agora se centra en defender o seu plan para procurar esquivar a sentenza -adscribir os terreos da fábrica ao porto de Marín, posibilidade que Ence nin menciona na información aos accionistas sobre o posible peche-, o Ministerio concreta un chisco máis a súa iniciativa apuntando a dous posibles destinos: As Pontes ou Cerceda.
No marco da súa visita a Galicia do pasado xoves -para, entre outros aspectos, supervisar o inicio dos traballos da rexeneración ambiental da ría do Burgo, en Culleredo-, a ministra Teresa Ribera reiterou a súa aposta polo traslado e foi un chisco máis alá. Esa posibilidade "é máis doada" se o destino da fábrica é unha das "zonas que cualificamos como de transición xusta", isto é, as que van ser receptoras de fondos europeos por teren industrias que van pechar no marco dos plans de descarbonización. E en Galicia só hai dúas destas zonas: Cerceda, pola fin da xa desconectada central térmica de Meirama, e As Pontes, onde a central de Endesa transita polos derradeiros compases da súa vida útil antes de que comece o desmantelamento.
Feijóo reitera o seu plan para esquivar as sentenzas adscribindo a fábrica ao porto de Marín, que Ence nin menciona na información aos accionistas sobre os seus proxectos para afrontar a anulación da prórroga
O Estado, reitera Ribera, ten vontade de achegar fondos europeos a esta operación. E "onde máis recursos financeiros existen" é neses dous emprazamentos, porque para eles hai "fondos europeos dedicados expresamente para poder reactivar actividades industriais.
Feijóo, pola súa banda, reitera o plan que apadriña para que formalmente o complexo de Lourizán pase a ser considerado parte do porto de Marín e así poder esquivar a anulación da prórroga se finalmente o Supremo mantén o ditame da Audiencia. A ministra reiterou que o Goberno de España -que por outras fontes xa o veu sinalando como xuridicamente inviable- estudará a proposta, xa sinalada polo Concello de Pontevedra como "ilegal. Pero "se non fose viable, hai que pensar noutras alternativas" e as máis realistas para que Ence continúe producindo en Galicia son As Pontes ou Cerceda, conclúe.
Mentres continúa o debate e, sobre todo, a espera pola resolución do Supremo, Ence e a Xunta reiniciaron a finais do pasado ano a tramitación de medidas ambientais que prometeron tras a prórroga de Rajoy á pasteira en 2016. Ao tempo, a compañía informaba este 14 de xaneiro de que o vindeiro luns, día 17, comezará a súa parada anual, que durará en torno a unha semana.
Esta parada, defende, realízase para "executar un ambicioso plan de traballo para incorporar novas tecnoloxías e mellorar as xa existentes. "Como é habitual", asegura, os labores de mantemento combínanse con outros de "reforzo da sustentabilidade".