Comeza de novo a exposición ao público, como xa se fixera en marzo de 2018, de obras con “impacto significativo” derivadas do “pacto ambiental” entre a empresa e o Goberno galego a cambio da ampliación ata 2073 anulada pola Audiencia Nacional e pendente do Supremo
A Consellería de Medio Ambiente vén de iniciar este luns a exposición ao público da modificación urbanística necesaria para varias actuacións que Ence quere realizar nos próximos anos na súa fábrica de Pontevedra e que liga co denominado “pacto ambiental” que asinou en 2016 coa Xunta como suposta compensación pola ampliación da concesión dos terreos ata 2073 decidida daquela polo Goberno de Mariano Rajoy. Esta mesma tramitación iniciárase en marzo de 2018 pero non se completara e agora reiníciase máis de tres anos e medio despois cunha documentación na que nada se di da sentenza da Audiencia Nacional que hai catro meses anulou a prórroga da concesión e que está pendente de recurso ante o Tribunal Supremo.
A tramitación ambiental dos permisos urbanísticos para actuacións comprometidas hai cinco anos reiníciase agora despois de que a propia empresa veña asegurando que non está disposta a realizar investimentos na súa planta de Pontevedra se non se lle garante a continuidade da concesión, optando pola contra con priorizar a fábrica asturiana de Navia. Ao tempo, a empresa tamén di que pedirá indemnizacións ao Estado por todo o investido en Lourizán se a xustiza concreta a anulación da súa concesión.
A documentación agora sometida a exposición pública para recibir alegacións durante un período de 30 días hábiles describe actuacións similares ás xa feitas públicas hai tres anos e medio. Aquela tramitación non se completou tras varios intercambios de documentación entre a Xunta e a empresa, que agora di que “se fixo novamente necesario revisar o seu contido e axustar e modificar as actuacions contempladas”.
A empresa sinala que “as actuacións principais” que se acometerán ao amparo da modificación urbanística son “aumento da eficiencia no combustible”, “instalación de gas natural para fornos e outras instalacións”, “mellora ambiental e de eficiencia” e “cámara de carga e bombeo do novo emisario submarino da EDAR de Praceres”, actuación esta última que impulsa a Xunta pero cuxa tramitación urbanística inclúese dentro da do complexo da empresa.
A documentación analiza varias alternativas para paliar o impacto visual que terán parte das novas instalacións
Ao igual que xa sinalara durante a anterior tramitación iniciada en marzo de 2018, a empresa admite que algunhas das obras a realizar terán impactos ambientais significativos, pero argumenta que no seu conxunto serán compatibles. Así, a documentación sinala que “é probable” que coas actuacións previstas no marco desta modificación urbanística que se tramita “se orixine a medio prazo un incremento do vertido de augas residuais, sempre dentro do límite autorizado” nos permisos vixentes para o complexo. Por iso considera o impacto nese eido como “negativo, significativo, temporal a curto prazo e de carácter compatible”.
Outro dos impactos que terán as novas actuacións será o visual pola reorganización e aumento dos volumes edificados no complexo. Ao igual que fixo en 2018, a documentación ofrece esquemas das alternativas baralladas de disposición dos volumes decantándose por unha que ofrece un aumento gradual da altura desde o borde ata o interior do complexo.
Sobre a alternativa de non executar as actuacións previstas, que tamén debe ser estudada en toda avaliación ambiental, a documentación sinala que “se non se leva a cabo” a modificación urbanística que agora se solicita “non se poderían realizar, e esta situación afectaría á propia concesión” e non melloraría o impacto ambiental da planta.
En 2018 a empresa xustificou parte das obras coa "imparable extensión do eucalipto en Galicia". Agora di que usará "madeira local obtida a través dunha xestión forestal sostible"
Por outra banda, ao contrario do que facía na documentación de 2018, a empresa xa non xustifica parte das novas instalacións coa “imparable extensión do eucalipto en Galicia”. Agora limítase a dicir que pretende un “uso de madeira local obtida a través dunha xestión forestal sostible, transparente, eficiente e responsable, aplicando os criterios de responsabilidade e sostibilidade máis esixentes a nivel internacional e fomentando a certificación das superficies dos nosos socios e colaboradores”.