Máis dun cento de colectivos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, O Morrazo e O Salnés subscribiron un manifesto no que cualifican de "chantaxe" as axudas económicas que ofrece ENCE a persoas físicas e entidades xurídicas por un total de 3 millóns de euros. Os promotores desta iniciativa aseguraron este sábado que, "por coherencia", renuncian a eses recursos.
Colectivos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, O Morrazo e O Salnés rexeitan as axudas por valor de 3 millóns de euros da pasteira
Así, concentrados ante o edificio principal do Pazo de Lourizán, a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas, en representación destas organizacións, fixo un chamamento aos colectivos sociais para "non aceptar as subvencións ou patrocinios por parte de ENCE". O manifesto insta as institucións públicas a "non colaborar" con ENCE e pídelles "retirar o seu apoio económico e de calquera tipo a aqueles eventos nos que colabore ENCE, e a que fagan pública esta decisión". Ademais, reclaman "coherencia" por parte da Deputación de Pontevedra -actual propietaria do Pazo de Lourizán, que está cedido á Xunta até 2021- para "non permitir a cesión" destas instalacións á empresa pasteira e para que esixa da Xunta "a súa recuperación para uso exclusivamente público".
O manifesto pide aos organismos públicos que "non colaboren" con ENCE e que retiren o seu apoio aos eventos nos que colabore
"Non temos os recursos económicos que ENCE emprega para minimizar o grao de oposición á súa permanencia en Lourizán", constata o manifesto desta "iniciativa aberta e unitaria", cuxos promotores se declaran "conscientes das dificultades dos distintos colectivos" porque non son alleos a esa situación. Aínda así, rexeitan "aceptar que unha empresa que contribúe a crear pobreza na comarca tente lavar a súa mala conciencia a base de repartir esmolas".
A declaración cualifica de "infame" a prórroga concedida a ENCE por parte do anterior Goberno estando "en funcións" e cualifica de "mal chamado pacto ambiental" o acordo subscrito entre a Xunta e a pasteira, cuxo propósito é "seguir comprando vontades e o silencio de estómagos agradecidos a cambio de esmolas aos colectivos sociais".
Os colectivos consideran "infame" a prórroga a ENCE, á que acusan de "seguir comprando vontades e o silencio de estómagos agradecidos a cambio de esmolas"
Os impulsores desta campaña, que representan "un amplo sector da cidadanía da comarca", cualificaron o Goberno galego de "cómplice" de ENCEante a pretensión da factoría de "facerse co Pazo de Montero Ríos para instalar alí o seu centro de I+D forestal que sería controlado exclusivamente pola empresa". O manifesto precisa que esta maneira de actuar "non é unha política nova para ENCE, que pensa que pode subornar a todo o mundo". En declaracións a Europa Press, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, Antón Masa, asegurou que a actitude da Xunta é "inadmisible" e acusouna de "esquecer" que xa dispón dun centro de I+D forestal vinculado á Consellería de Medio Rural que "está a deixar morrer" por falta de recursos humanos e técnicos.
Ademais da APDR, entre o cento de organizacións adheridas ao manifesto atópanse a Cooperativa Mexilloeira de Bueu 'Socomebu', mariscadores de Aldán, as comunidades de montes de Salcedo e Lourizán, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Adega, a Irmandade Illa de Tambo, Amigos e amigas do Museo de Pontevedra, Ateneo de Pontevedra, Aula Castelao de Filosofía e a Federación de Asociacións de Veciños Castelao.