Esta semana, Ence presentou ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e, por extensión, aos seus accionistas actuais e potenciais, os seus resultados económicos da primeira metade de 2021. A compañía produtora de celulosa e enerxía atrasou esta presentación para axustar os seus números ao impacto que, estima, tiveron e poden ter as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga concedida en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións, a cal daba luz verde a Ence para manter a súa fábrica no dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra ata 2073.
Na primeira presentación de resultados tras a sentenza, Ence detalla os seus plans tras a anulación da prórroga por parte da Audiencia Nacional. Ningún deles contempla a posibilidade de que a factoría pase a ser considerada parte do porto de Marín
Alén de comunicar magnitudes económicas como os seus beneficios netos (uns 12 millóns de euros no segundo trimestre do ano) e as previsións de impacto económico dun eventual peche da factoría de Lourizán (arredor de 200 millóns, entre eles 42 millóns polo desmantelamento das instalacións), Ence tamén detalla aos seus accionistas os seus plans máis inmediatos para afrontar a súa complexa situación xudicial e os escenarios que contempla como posibles. Entre eles, nin sequera menciona o plan que nas últimas semanas deu en apadriñar a Xunta, presentándoo como unha posible vía para manter a factoría na ría: que sexa considerada parte do porto de Marín.
Tras varias semanas reclamando o que deu en chamar "solución xurídica" para que Ence siga operando nos terreos públicos da ría de Pontevedra malia á sentenza -a Audiencia conclúe que o Executivo de Rajoy non xustificou que a pasteira teña que asentarse alí e non noutro lugar-, esta mesma semana o Goberno galego asumiu como propio o plan que lle presentaron os comités de empresa de Ence e que defende unha parte do persoal. Consistiría en que a fábrica de celulosa "pase a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín". Segundo o vicepresidente segundo, Francisco Conde, esa manobra permitiría á pasteira seguir onde está.
A empresa nin sequera menciona como hipótese o plan agora defendido pola Xunta e asume que se o Supremo non atende o seu recurso, "non poderá seguir operando" en Lourizán e tería que desmantelar a fábrica entre 2023 e 2024
O que a Xunta di asumir como posible nin sequera figura como hipótese nos escenarios de futuro que Ence traslada á CNMV e aos accionistas. Dispóñense a "esgotar todas as vías de recurso" para frear a anulación da prórroga ditaminada pola Audiencia, a comezar por un recurso de casación para o que consideran que teñen "argumentos legais a favor", pero que tamén observan como moi "restritivo". Se os recursos saen adiante, veñen dicir, terán unha posibilidade de seguir na ría. Pero "se o Tribunal Supremo non admite a trámite o recurso" ou "confirma a sentenza, decaería a concesión a empresa" e a fábrica "non podería seguir operando", o que implicaría "o necesario peche".
Se iso sucede, Ence admite que o seguinte paso sería "o debate da execución" do ditame e sería o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que tería que "determinar o prazo para un potencial cesamento da actividade", decisión que en calquera caso supervisaría a propia Audiencia Nacional. Esa "execución provocaría o inicio do desmantelamento" da fábrica nun horizonte temporal que a propia Ence sitúa na contorna de 2023 ou 2024. Nin rastro, daquela, da operación apadriñada pola Xunta para que a papeleira pase a ser considerada legalmente parte dun porto marinense cuxa Autoridade Portuaria se dispón tamén a recorrer a sentenza. O que si menciona é a súa intención de reclamar unha indemnización ao Estado se iso sucede.
O Concello de Pontevedra subliña que a posibilidade de ligar a fábrica de Ence ao porto de Marín xa fora contemplada hai máis dunha década e desbotada "polo seu pouco percorrido legal", que agora "aínda sería menor, porque a idea é para saltar unha sentenza"
Cando menos sobre os papeis que amosa aos seus investidores, daquela, Ence non contempla unha hipótese que tampouco baralla o Goberno de España -segundo sinalaron dende o Grupo Socialista no Congreso ao Diario de Pontevedra- e que no Concello pontevedrés é observado como unha "vía cega". Non en van, o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, lembra que "esta posibilidade xa foi estudada hai máis dunha década, no ano 2005" e "chegou a ser feito un informe municipal que simplemente ofrecía unha negativa".
A maiores, resalta o edil do BNG, o Concello solicitara un informe específico "ao maior experto de portos no estado, Francisco Jiménez de Cisneros", cuxas conclusións eran que "nos portos non pode haber actividades que non estean vinculadas e sexan necesarias para o funcionamento do porto e é evidente que ningún porto ten unha celulosa". Este fora o escenario no que, subliña, o propio Estado "arquivara o asunto polo seu pouco percorrido legal". Neste 2021 tería aínda "menos percorrido, porque a idea vén dada para saltar unha sentenza, non hai por onde collelo", conclúe.