Ence cre que marchar da ría lle custaría uns 200 millóns e prevé ter que facelo en dous anos se fracasa o seu recurso

Factoría de Ence en Pontevedra, nunha imaxe de arquivo da empresa © ENCE

Ence xa contempla a posibilidade de cesar a actividade en Lourizán entre os anos 2023 e 2024 e poñer fin á súa actividade 40 anos antes do previsto logo de que, o pasado xullo, a Audiencia Nacional anulase a prórroga que lle concedera o Goberno de Mariano Rajoy en funcións para seguir na ría ata 2073

Ence asume a posibilidade do "cesamento de actividade" en Lourizán entre 2023 e 2024 de non prosperar os recursos que anuncia que presentou este martes

A pasteira vén de rexistrar na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os seus resultados do primeiro semestre do ano, documentos nos que aclara que este mesmo martes presentou recursos de casación ante o Tribunal Supremo contra os ditames que anulan a devandita prórroga, que fora recorrida por Greenpeace e o Concello de Pontevedra. Ence aclara tamén que, no caso de que se confirmasen as sentenzas, formulará "reclamacións de responsabilidade patrimonial da Administración" para ser "indemnizada" polo Estado por "todos os prexuízos causados pola devandita anulación". 

Ence rexistra nas contas do 2º trimestre unha deterioración de activos e provisións de gastos por 148,2 millóns, ademais de 48,3 para desmantelar e cancelar contratos

Aínda que Ence aclara que será o Ministerio para a Transición Ecolóxica quen deberá "determinar o prazo para un potencial cesamento de actividade" en Lourizán, asume a posibilidade de ter que facelo entre 2023 e 2024, polo que, "de conformidade coa normativa contable" rexistra nas contas do segundo trimestre unha deteriorración de activos e provisións de gastos por 148,2 millóns de euros, "que non suporán unha saída de caixa". Ademais, anota tamén unha provision de 42,3 millons "para facer fronte aos custos estimados polo potencial desmantelamento" da pasteira en Pontevedra, así como outra de 6 millóns para a "potencial cancelación de contratos".  

O que non provisionou a empresa aínda, segundo aclara, é o custo que lle suporían os despedimentos ("reestruturación do excedente de man de obra", di) no caso da fin da actividade por "non cumprirse cos requirimentos contemplados na normativa contable para o seu recoñecemento". 

En total, Ence calcula que o impacto das sentenzas e da potencial marcha achegaríase aos 200 millóns de euros nas súas contas, incluíndo a deterioración de activos, a cancelación doutros activos por dereitos de uso ou as provisións para o desmantelamento. 

Con todo, a empresa aclara que de excluírse o impacto das sentenzas contrarias á prórroga para a súa permanencia na ría ata 2073, "o negocio de Celulosa volvería aos beneficios", cun ganancias de 11,1 millóns no segundo trimestre e de 2,8 na primeira metade deste ano, fronte ás perdas de 14 e de 24,3 nos mesmos períodos de 2020. 

A planta de ENCE, dende a ría CC-BY-SA Juantiagués

Sexa como for, só unha anulación da sentenza por parte do Tribunal Supremo, ao que a empresa vén de presentar recursos de casación, lle permitiría a Ence seguir adiante na ría. Foi a mediados do pasado xullo cando a Audiencia Nacional ditou a agardada sentenza sobre os recursos contra a prórroga que o Goberno de Mariano Rajoy concedera en 2016, estando en funcións, para que Ence puidese manter ata 2073 a súa factoría en terreos públicos á beira da ría de Pontevedra. O tribunal deu a razón no esencial ao Concello de Pontevedra e a Greenpeace, tombando a prórroga baseándose en que o gabinete de Rajoy non xustificara que a celulosa deba operar, necesariamente, no dominio público marítimo terrestre.

Mentres, dirixentes populares encabezados polo propio Alberto Núñez Feijóo -que durante anos prometeu o traslado da fábrica- veñen reiterando que a súa oposición á saída da ría vén motivada por que implicaría o peche e a perda de empregos. Cuestión diferente, aseguran, é se o Estado financia un eventual traslado con fondos europeos.

Neste mesmo martes, o Concello de Pontevedra pediu á Xunta de Galicia que deixe de crear "expectativas absurdas" logo de que o Goberno galego formulase a posibilidade de que a fábrica pasase a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.